O Decreto 71/1993 do 18 de marzo da Xunta de Galicia,[2] sinala que a súa creación obedece á necesidade de lograr unha maior rapidez e eficiencia na resposta aos problemas de saúde, a través da coordinación entre os centros e as múltiples unidades organizativas. A vantaxe en xestión obtense da actuación dos hospitais e servizos como un conxunto.[1]
Funcións da Xerencia Xeral do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela
As funcións da Xerencia Xeral do CHUS son as seguintes:[2]
A representación do Complexo.
Coordinar a programación, dirección, avaliación e control dos plans de actividade económicos e de organización da estrutura integrada baixo a superior dirección do Servizo Galego de Saúde.
Propoñerlle ao Servizo Galego de Saúde as adaptacións organizativas que resulten procedentes e os acordos que, en relación a outras institucións ou sociedades, poidan convir ao mellor funcionamento do Complexo.
Elevar informes periódicos e memoria de xestión que o Servizo Galego de Saúde considere oportunos.
Cantas outras funcións lle sexan delegadas polos órganos competentes.
Relación do Hospital Clínico de Santiago coa Facultade de Medicina
O Hospital Clínico de Santiago ten unha antiga e estreita unión coa Facultade de Medicina, e unha gran tradición na formación de profesionais médicos. A capacidade docente e investigadora do Complexo, acorde cun alto nivel de especialización, aválano como un centro de referencia de Galicia e do resto do territorio de España.[1]