O Colexio de San Xerome, dito tamén Colexio de Artistas, é un edificio civil de Santiago de Compostela, sito no lado meridional da praza do Obradoiro, cerrándoa por ese lado.
Historia
Este colexio menor[1] era, en orixe, unha fundación do arcebispo compostelán Alonso de Fonseca, terceiro dese nome, con intención de dedicalo a colexio de estudantes pobres e artistas, que se localizaba no denominado Hospicio da Acibecharía. Dependía do Colexio de Fonseca.
Durante o século XVII, en 1651, decidiuse trasladalo desa localización.[2] Para iso edificouse un novo edificio, na entón chamada praza do Hospital (por situarse nela o Hospital dos Reis Católicos), a actual praza do Obradoiro. Até hai poucos anos atribuíanse os planos ao arquitecto Bartolomé Fernández Lechuga (así Chamoso Lamas), e o patio ao prestixioso José de la Peña de Toro. Porén, debe dicirse que o autor da edificación é descoñecido.
Dotado dun vicerreitor e tres profesores, desapareceu como colexio menor en 1840.[1]
Descrición
O resultado foi un edificio de liñas puras e apenas dous corpos de altura, no que se insertou o pórtico medieval, proveniente do devandito Hospicio, que até aquela altura acollía o colexio, que se acostuma datar entre 1490 e 1500. Este elemento arqueolóxico foi mal interpretado en anos pasados, ao tomarse por unha longa persistencia de hábitos construtivos dos mestres arquitectos galegos e proba do arraigo da arte románica en Galiza.