Consérvanse varios petróglifos. A Pedra das Serpes, en Camporredondo, ten varios círculos e labirintos.
Da cultura castrexa consérvanse varios poboados. Castro Cortinallas está na Calera, preto do río. O Castro, no barrio do mesmo nome, está nun terreo privado. Castro Cesures estaba no lugar que ocupa hoxe o antigo cemiterio e a igrexa de San Xulián. Castro Valente era outro poboado da zona.
O lugar foi de sempre punto de paso. Trala romanización de Galicia construíuse unha ponte, mais a romana orixinal foi destruída trala chegada dos musulmáns a comezos do século VIII. Reformada por última vez no século XVIII, por ela pasa a actual estrada N-550.
Á beira da ponte había un peirao, onde se atoparon pontóns soterrados de madeira de carballo, xunto a cerámica e moedas romanas, desde as cuñadas en tempos de Tiberio a Constantino III. Amais, acháronse miliarios e lápidas romanas, e dúas aras adicadas a Lar, deus doméstico, e a Xúpiter. Estas atópanse no Museo de Pontevedra.
No lugar construíuse a vila de Turris Augusti, entre o peirao e o Castro Cortinallas.
Idade Media
No século XII o bispo compostelánDiego Xelmírez (que nacera preto de Pontecesures, nas Torres de Oeste de Catoira) creou un estaleiro para construír tres naves, baixo a dirección do mestre carpinteiro Paolo de Nápoles. Pretendíase combater as incursións dos piratas berberiscos asentados nas illas Ons, quen atacaban buques procedentes de Inglaterra con peregrinos que facían a vía inglesa do Camiño de Santiago. Tempo despois construíronse outras dúas naves. Os buques participaron máis tarde por petición do rei Afonso VII no ataque á vila de Coímbra, daquela en mans musulmás, e despois na defensa contra as naves normandas.
Até o século XIX as vilas de Pontecesures e Padrón estaban unidas administrativamente. Trala división territorial de España en 1833 a vila pasou a formar parte do concello de Valga. En 1881 o rei Afonso XII concedeu á parroquia de San Xulián de Requeixo o título de Vila de San Luís de Cesures.
En 1925 a burguesía local, formada por comerciantes e industriais, procurou formar un concello de seu. Asinouse o Pacto da Devesa cos representantes do concello de Valga, e en marzo dese ano iniciáronse as xestións para acadar a constitución de Pontecesures como concello independente. O 9 de outubro do ano 1925 elixiuse como alcalde a José Novo Núñez e formalizouse a creación do municipio.
Nas décadas de 1960 e 1970 o porto tivo grande importancia ao descargar alí a area procedente do Ulla, destinada á construción. A comezos da década de 1980 completouse o dragado do río, o cal rematou coas crecidas, xa que o río desbordaba na curva da Ínsua e á altura da ponte.
Patrimonio
A igrexa de San Xulián de Requeixo é de orixe románica, mandada construír por Diego Xelmírez sobre outra edificación anterior. De planta rectangular e nave única, está construída con perpiaños e canzorros, cunha torre-campanario sobre a fachada.
Entre os cruceiros destacan o da Obra Pía de San Lázaro e o de Carreiras.
O pazo da Cova é do século XVIII. O Alfolí de Rendas do Tabaco foi construído durante o reinado de Carlos IV, e ten un grande escudo dos Borbóns. A Malatería de San Lois, na rúa Nova, estaba composta por 7 edificios rexentados pola Obra Pía de San Lázaro.
A Foliada de Requeixo é un baile típico local, con tres parellas a ritmo de muiñeira lenta, coas mulleres levando sobre a cabeza tres doces (rosca, mollete, e torta).
Dentro da gastronomía local destaca a festa da lamprea, celebrada a última semana de abril. No Ulla péscase tamén o salmón.