En consonancia coas terras que o rodean, o relevo de Ribadumia caracterízase polo dominio da planicie, unicamente alterada en áreas montañosas, de baixa altitude. O termo incluído no val do Salnés, debe a súa orixe á combinación dunha dobre influencia tectónica e a erosión diferencial. Desta forma pódense distinguir dous bloques constitutivos fundamentais: o val do Umia e unha serie de montes que, con dirección de nordeste a suroeste, define o interfluvio deste río con Fonte Espiña, con pendentes pouco pronunciadas.
Demografía
Os censos rexistrados dende 1900 ata a actualidade ratifican o crecemento experimentado por Ribadumia. A poboación que sinala o último padrón municipal (2015) ascende a 5.087 persoas, cun aumento moi significativo respecto ós 3.057 que había a comezos do século XX. A evolución, lenta pero positiva, dos seus efectivos foi case constante, coa excepción daqueles momentos nos que a emigración lle afectou á maior parte do rural galego. Neste censo, non se notaron tanto os efectos das primeiras vagas con rumbo a ultramar como os daquelas que tiveron como destino as cidades máis industrializadas do ámbito galego, español e europeo. Precisamente a elas corresponden as inflexións rexistradas nos períodos 1900-10 (de 1.057 a 1.006), 1950-60 (de 3.697 a 3.441) e 1981-91 (de 4027 a 3656), aínda que esta última é maiormente atribuíble á redución da natalidade.
O crecemento natural, que era do 0,56% en 1987, comezou a cambiar de signo a finais dos 80, camiño da cifra que sitúa este indicador cun símbolo negativo (-0,22%)
Censo total
5.087 (2015)
Menores de 15 anos
843 (16.57 %)
Entre 15 e 64 anos
3.228 (63.45 %)
Maiores de 65 anos
1.016 (19.97 %)
Patrimonio
Pazos
O pazo de Barrantes é unha casa grande, construída orixinariamente entre finais do século XV e comezos do XVI, e que sufriu dous procesos de reconstrución. Na súa leira hai un grande hórreo e unha capela.
O pazo da Pedreira foi construído durante a segunda metade do século XV, e tamén sufriu varias reformas. Na fachada principal hai unha imaxe da Virxe da Anunciación. Tamén ten capela.
O pazo do Monte foi construído no século XVIII, e na actualidade está abandonado. Tamén ten capela de seu.
O quinteiro da Cruz é orixinario de finais do século XVIII. Ten un xardín de estilo inglés con gran diversidade ornamental e áreas de produción vitivinícola. A leira conta con fontes, cruceiros, piornos, reloxos de sol e un lavadoiro.
Igrexas
A igrexa de San André de Barrantes, orixinaria de comezos do século XIII, conserva algún elemento románico, pero sufriu unha importante remodelación na época barroca.
A igrexa de Santa María de Besomaño, tamén de orixe románica, foi reconstruída no século XVIII.
A igrexa de San Xoán de Leiro conserva unha fiestra con arco de ferradura do período prerrománico. Foi remodelada no século XVIII.
A igrexa de San Fiz de Lois ten a súa orixe no século XII, pero foi reconstruída no século XVIII.
A igrexa de Santa Baga de Ribadumia, de orixe románica, foi remodelada a comezos do século XIX.
A igrexa de San Clemezo de Sisán, construída no século XVI, foi ampliada e remodelada no século XVII.