Pilar Millán-Astray Terreros, nada na Coruña cara a 1879 e finada en Madrid o 22 de maio de 1949, foi unha escritora e comediógrafa galega en lingua castelá. As súas obras foron moi populares nas décadas de 1920 e 1930, especialmente La tonta del bote, estreada en teatro en 1925 e levada ao cine en 1970.
Traxectoria
Foi filla de José Millán Astray, avogado e director do Cárcere Módelo de Madrid, e de Pilar Terreros Segade. O seu irmán máis novo foi o militar José Millán-Astray. Aos vinte anos casou con Javier Pérez de Linares, membro da aristocracia de Valencia, e foi vivir a esa cidade. Tiveron tres fillos (Javier, Carmen e Pilar),[1] mais quedou viúva sendo nova, tras o cal retomou a actividade literaria.
Durante a primeira guerra mundial traballou en Barcelona como espía para o Imperio alemán,[2] O personaxe máis importante que espiou foi o embaixador británico en España, Arthur Henry Hardinge, e recibía mil pesetas por cada copia de documentos que entregaba.[3]
Colaborou en publicacións como ABC, Blanco y Negro, El Sol, El Espectador ou La Nación. En 1919 gañou o Premio Blanco y Negro coa novela curta La hermana Teresa, e en 1920 publicou o seu primeiro libro, a colección de contos Todo amor. En 1923 estreouse a súa primeira obra de teatro, El rugir del león, á que seguiron outros sainetes e obras costumistas como La galana, Una chula de corazón ou La tonta del bote. Esta última tivo un grande éxito e chegou a representarse 310 días consecutivos. Foi adaptada en cine en 1939 (aínda que non se conservan copias), en 1956 co título de La chica del barrio, e en 1970 con Lina Morgan como protagonista. Na tempada 1932-33 dirixiu o Teatro Muñoz Seca de Madrid.[3]
De ideas conservadoras, apoiou os militares que se sublevaron no alzamento nacional en xullo de 1936, entre eles o seu irmán. Foi encarcerada na prisión feminina que o goberno da segunda república organizou en Alaquàs (provincia de Valencia), na que tamén estiveron Rosario Queipo de Llano, Carmen Primo de Rivera ou Pilar Jaraiz Franco, emparentadas cos xenerais sublevados máis destacados. Terminada a Guerra Civil Española, publicou a súa experiencia en prisión no libro Cautivas. 32 meses en las prisiones rojas (1940). O paso polo cárcere provocoulle problemas de saúde. Finou en 1949 cando participaba nunha homenaxe á actriz Josita Hernán.
Obras
- El ídolo roto
- La hermana Teresa (novela, 1919)
- Todo amor (relatos, 1920)[4]
- El ogro (1921)
- La llave de Oro (novela, 1921)
- El rugir del león (teatro, 1923)
- Ruth la israelita (1923)
- El juramento de la Primorosa (1924)
- El pazo de la hortensias (1924)
- La tonta del bote (1925)
- Las ilusiones de la Patro (1925)
- Por los flecos del mantón (1925)
- Magda, la Tirana (1926)
- La Galana (1926)
- Pancho Robles (1926)
- La confesión de Ana María (1927)
- Perla en el fango (1927)
- Las dos estrellas (1928)
- Mademoiselle Naná (1928)
- Adam y Eva (1929)
- La Talabartera (1929)
- El millonario y la bailarina (1930)
- Los amores de la Nati (1931)
- La casa de la bruja (1932)
- La mercería de la Dalia Roja (1932)
- Las andanzas de Ginesillo (1932)
- Cada uno piensa a su manera (1933)
- La chica de la pensión (1934)
- Las tres Marías (1936)
- ¿Por qué se casó Lola? (1939)
- Cayetana la rumbosa (1939)
- Don Pío Pío (1939)
- El premio de mi pecado (1939)
- La Cuscurrita (1939)
- Don Chucho, el indio (1940)
- La meiga de Vilariños (1940)
- Cautivas. 32 meses en las prisiones rojas (memorias, 1940)
- La Condesa Maribel (1942)
- El tío Claridades (1942)
- Puede más el amor (1942)
- Carmiña (1943)
- Sol de España (1945)
- La Romancera (1948)
- La infeliz burguesa (1951)
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas