Nikolaos G. Michaloliakos (en grego:Νικόλαος Γ. Μιχαλολιάκος), nado en Atenas o 16 de decembro de 1957, é un político grego que foi líder do partido de extrema dereita Amencer Dourado, ilegalizado dende outubro de 2020.
Traxectoria
Con 16 anos uniuse ao nacionalista Partido do 4 de agosto de Konstantinos Plevris, ao tempo que formaba parte da organización local do grupo paramilitar EOKA-B. Arrestado por vez primeira en xullo de 1974 durante unha protesta nas portas da embaixada británica, organizada pola postura do Reino Unido na invasión turca de Chipre.[1] En decembro de 1976 arrestárono de novo por agredirlles aos xornalistas que cubrían o funeral de Evangelos Mallios, un policía que presuntamente realizara torturas durante o Réxime dos Coroneis, e que fora asasinado pola Organización Revolucionaria 17 de novembro, non obstante liberárono por mor de problemas técnicos relacionados co seu arresto.[1][2] Mentres estivo na cadea, Michaloliakos coñeceu aos dirixentes da xunta militar que gobernara o país entre 1967 e 1974.[1] Despois entrou no exército, uníndose ás forzas especiais.[3] En xullo de 1978 a policía arrestouno de novo tras unirse a un grupo extremista acusado de posuír ilegalmente armas e explosivos.[1] Como consecuencia da condena botárono do exército.
Tras saír do cárcere lanzou a revista Chrysi Avgi ("Amencer Dourado"), inicialmente a revista mantiña unhas posicións moi próximas ao nacional-socialismo.[1] A publicación cesou en abril de 1984 ao unirse Michaloliakos á Unión Política Nacional, e por indicación do seu líder Georgios Papadopulos[3] fíxose cargo das súas mocidades. En xaneiro de 1985 rompeu coa UPN e fundou o "Movemento Nacional Popular - Amencer Dourado", manténdose como o seu líder ata que o partido suspendeu as súas actividades en novembro de 2005.[4] Tomou a decisión debido a enfrontamentos con antifascistas.[4] Entre 2005–2007 el e a maioría dos antigos membros de Amencer Dourado participaron na Alianza Patriota.[1] En 2007 Amencer Dourado reasumiu as súas actividades, de novo baixo o seu liderado.
En maio de 2012, o seu partido logrou 21 asentos no Parlamento, un deles o seu, durante unhas eleccións centradas na crise económica e nas que Michaloliakos se viu envolto en varias controversias, atraendo a atención internacional e con frecuencia condenas das súas posicións. En especial salientou a súa denegación da existencia de cámaras de gas utilizadas polos nazis durante a segunda guerra mundial para asasinar xudeus, homosexuais e outros grupos.[5] Despois dos bos resultados nas eleccións afirmou "Témannos, xa chegamos".[6]
Arresto
Logo do apuñalamento mortal do rapeiro antifascista e antirracista Pavlos Fyssas o 17 de setembro de 2013, arrestouse a Michaloliakos o 28 de setembro, canda moitos outros membros do seu partido con cargos de estaren implicados nunha organización criminal, considerada responsable de asasinato, extorsión, e implicación na desaparición de ata 100 inmigrantes. Tras 18 meses de detención provisoria, o máximo permitido, liberouse a Michaloliakos, que permanece baixo arresto domiciliario, aínda que con potestade para poder asistir ás sesións parlamentarias.
Publicacións
- Εχθροί του Καθεστώτος (Inimigos do sistema), ensaio 2000
- Εναντίον Όλων (Contra todos), selección de artigos, 2001
- Οι Τελευταίοι Πιστοί (Os derradeiros crentes), ensaio, 2002
- Για μια Μεγάλη Ελλάδα σε μια Ελεύθερη Ευρώπη (Por unha gran Grecia nunha Europa libre), ensaio 2000
- Περικλής Γιαννόπουλος: Ο Απολλώνιος Λόγος, ensaio sobre o arquitecto Pericles Giannopoulos, 2006
- Η Εξομολόγηση ενός Εθνικού (A confesión dun nacionalista), selección de poemas, 1980 (reimpresión 2008)
- Από τις Στάχτες του Βερολίνου στην Παγκοσμιοποίηση (Das cinzas de Berlín á Globalización), ensaio, 2008
- Υπερασπίζοντας την Εθνική Μνήμη (Defendendo a memoria nacional), ensaios 2009
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Το κλούβιο «αβγό του φιδιού»". To Vima. 9 de novembro de 2005.
- ↑ "Analysis: Greek verdict reaction", BBC News, 8 de decembro de 2003
- ↑ 3,0 3,1 11/9/2005 article Arquivado 14/03/2007, en Wayback Machine. from newspaper To Vima.
- ↑ 4,0 4,1 ""Αναστέλλεται η λειτουργία της ακροδεξιάς οργάνωσης «Χρυσή Αυγή»", in.gr, 1 de decembro de 2005". Arquivado dende o orixinal o 09 de abril de 2008. Consultado o 29 de agosto de 2015.
- ↑ "Neo-Nazi chief denies gas chambers existed" IOL News, 15 de maio de 2012
- ↑ "Unha fronte sur na Europa da austeridade?" Roberto Mansilla, ICADI, 12 de xullo de 2013