O National Security Archive foi fundado en 1985 ante a preocupación de xornalistas e académicos polo crecente poder dos servizos secretos e a intelixencia no goberno estadounidense. Abrangue diferentes funcións pois investiga sobre as relacións exteriores e arquiva a documentación desclasificada dos Estados Unidos, polo que tamén é un centro de referencia para o xornalismo independente.[2]
Apoiándose na Freedom of Information Act (en galego, Acta de liberdade de información), a lei que establece o acceso á documentación do goberno federal, o National Security Archive solicita información aos departamentos e axencias do goberno dos Estados Unidos. Unha vez obtida, procésaa e publícaa na súa páxina web.[3] Calcúlase que o longo da súa traxectoria fixo máis de 50 000 requirimentos ás administracións dos Estados Unidos e agrupa os millóns de documentos obtidos en diferentes proxectos, entre os que destacan: o de Vietnam, tortura, Cono Sur, relacións Irán-Estados Unidos, Cuba, Armamento Nuclear, Guatemala, Corea ou Chile.
Ademais, o National Security Archives coopera en xuízos por crimes cometidos por ditaduras. Deste xeito, por exemplo, achegou documentación incriminatoria no proceso da Audiencia Nacional de España que condenou ao antigo coronelsalvadoreño Orlando Montano pola morte de Ignacio Ellacuría e outras oito persoas en novembro de 1989.[4][5] Tamén colabora con institucións que buscan documentar e conservar a memoria das vítimas de conflitos como a Comisión da Verdade de Colombia ou a Centro de Documentación e Arquivo de Paraguai, con quen fixo públicos máis de 60 000 documentos policiais da ditadura de Alfredo Stroessner.[6][7]
A súa andaina foi recoñecida coa concesión de varios galardóns tanto á institución como aos seus investigadores. Así, por exemplo, colaboracións do National Security Archive con documentais de televisión foron merecentes dun premio Peabody en 1998 e un Emmy no 2005.[8]
Casos destacados
A documentación que procesa o National Security Archive resulta de grande importancia para a investigación sobre a política exterior dos Estados Unidos. Grazas ás súas pescudas, esclareceuse o nivel de implicación das autoridades estadounidenses en operacións realizadas no contexto da Guerra Fría e a chamada "Guerra contra o terror" de principios do século XXI. Entre a información divulgada salientan casos como: