Murray Gordon Halberg, nado en Eketahuna o 7 de xullo de 1933[1] e finado o 30 de novembro de 2022,[2] foi un atleta neozelandés.
Traxectoria
Xogador de rugby na súa xuventude, Halberg sufriu unha grave lesión durante un partido,[3] polo que o seu brazo esquerdo quedou afectado. O ano seguinte, comezou a correr, aínda máis motivado pola súa eiva.
Tres anos despois, gañou o seu primeiro título nacional e competiu nos Xogos da Commonwealth de 1954, quedando quinto na milla. En 1956, na Olimpíada de Melbourne, quedou undécimo nos 1500 metros.
En 1958, Halberg converteuse no deportista do ano de Nova Zelandia. Este premio foille concedido non só por ser o primeiro neozelandés corredor da milla por debaixo dos catro minutos, senón que tamén polo seu ouro nas 3 millas nos Xogos da Commonwealth. Para a Olimpíada de Roma Halberg preparouse máis nas longas distancias, acadando o ouro nos 5.000 m, o mesmo día en que o seu compatriota Peter Snell gañou os 800 m. Halberg quedou quinto nos 10.000 m.
O ano seguinte, Halberg estableceu catro novos récords mundiais. Nos seguintes Xogos da Commonwealth defendeu o seu título nas 3 millas. Rematou a súa carreira deportiva na Olimpíada de Toquio, finalizando sétimo nos 10.000 m.
En 1963, Sir Murray Halberg dispuxo unha fundación no seu nome, que axuda a nenos con discapacidades, e xestionou os premios ao deportista do ano de Nova Zelandia, que logo pasou a chamarse o "Premio Halberg".
Halberg foi condecorado coa Orde do Imperio Británico en 1961. No 2008 foille concedido o máximo título á honra neozelandés, a Orde de Nova Zelandia.[4]
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- A Clean Pair Of Heels: The Murray Halberg Story por Murray Halberg, con Garth Gilmour
Ligazóns externas