Este artigo amosa letras árabes. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
A Copa Mundial da FIFA Qatar 2022 (en árabe: 2022 بطولة كأس العالم لكرة القدم) é a edición número vinte e dous da Copa do Mundo de Fútbol, a competición masculina máis importante deste deporte a nivel mundial, disputada polas seleccións nacionais dos países membros da FIFA. O torneo estase a celebrar en Qatar entre o 20 de novembro e o 18 de decembro de 2022. Esta edición foi a primeira que se xogou nun país árabe e a segunda que se disputou enteiramente en Asia, despois da edición de 2002.
Elección da sede
O procedemento de licitación para albergar as Copas do Mundo da FIFA de 2018 e 2022 comezou en xaneiro de 2009, e as federacións nacionais tiñan ata o 2 de febreiro dese ano para presentaren as súas candidaturas.[1] Inicialmente, presentáronse 11 candidaturas para o Mundial de 2018, pero posteriormente México retirouse do proceso por motivos económicos,[2] mentres que a candidatura de Indonesia foi rexeitada pola FIFA en febreiro de 2010 despois de que a Asociación de Fútbol de Indonesia non presentase unha carta de garantías do goberno indonesio de apoio ao evento.[3] Tódalas nacións non pertencentes á UEFA retiraron gradualmente as súas candidaturas para 2018, garantindo así que unha nación da UEFA sería anfitrioa do torneo de 2018. Polo tanto, as nacións da UEFA non foron elixibles para a candidatura de 2022, debido á política de rotación de continentes que aplica a FIFA, que dende 2007 impide que o Mundial sexa organizado por países das dúas últimas confederacións que o albergaron.[4][5]
Ao final, quedaron cinco candidaturas para a Copa do Mundo de 2022: Australia, Xapón, Qatar, Corea do Sur e Estados Unidos. O Comité Executivo da FIFA, formado por 22 membros, reuniuse en Zürich o 2 de decembro de 2010 para votar a elección dos anfitrións dos dous torneos.[6] Dous membros do comité executivo da FIFA foran suspendidos antes da votación en relación con denuncias de corrupción relativas aos seus votos.[7]
Finalmente, a sede escollida foi Qatar, decisión que foi cualificada como de "alto risco operativo",[8] e que xerou críticas dos medios de comunicación.[9] Foi criticada por moitos como parte dos escándalos de corrupción da FIFA. Os resultados das votación foron os seguintes:[10]
Votacións ao Mundial de 2022 (maioría de 12 votos)
Qatar é o país máis pequeno en albergar unha Copa do Mundo da FIFA, desbancando á que era a sede máis pequena ata entón, Suíza, anfitrioa do Mundial de 1954, que conta con máis do triplo de superficie que Qatar, e que só tivo que albergar a 16 seleccións, en vez das 32 actuais. Qatar é ademais o segundo país (sen contar a edición inaugural de 1930 no Uruguai) en ser escollido como sede para o Mundial de Fútbol, sen terse clasificado anteriormente para ningunha edición do mesmo. O Xapón tamén fora escollido como sede para o Mundial de 2002 (xunto con Corea do Sur), sen ter xogado nunca un Mundial, aínda que se acabaron clasificando para a edición de 1998.
Algunhas investigacións descubriron que Qatar buscou ter vantaxe sobre os seus rivais contratando a un antigo oficial da CIA reconvertido en contratista privado, Kevin Chalker, para espiar as candidaturas rivais e os membros do xurado que elixiron o gañador en 2010.[11]
Equipos
Clasificación
As seis confederacións continentais da FIFA organizaron cadansúa competición de clasificación. Todas as federacións membros da FIFA, que son un total de 211, foron elixibles para conseguir a clasificación. Qatar, como anfitrioa, conseguiu o pase ao torneo de xeito automático. Con todo, a AFC obrigou ao país árabe a participar na fase de clasificación asiática, dado que as dúas primeiras roldas tamén funcionaban como clasificación para a Copa Asiática de 2023.[12] Qatar acabou a segunda fase como campión do seu grupo, polo que foi no seu lugar o Líbano, quinto mellor equipo entre os segundos clasificados de grupo, o que avanzou á terceira rolda.[13]
A vixente campioa do mundo, Francia, participou na fase de clasificación como calquera outra selección.[14]Santa Lucía entrou inicialmente no proceso de clasificación, pero retirouse antes da disputa do primeiro partido.[15]Corea do Norte tamén se retirou, por motivos de seguridade en relación á pandemia de COVID-19.[16] A Samoa Americana e Samoa retiráronse antes do sorteo da AFC,[17] mentres que Tonga fixo o mesmo trala erupción do volcán Hunga Tonga e o posterior tsunami.[18] As seleccións de Vanuatu e as Illas Cook, abandonaron o torneo de clasificación despois da aparición de senllos gromos de COVID-19 nos seus equipos.[19][20]
Das 32 nacións clasificadas para o Mundial de 2022, 24 xa participaran na anterior edición do torneo, en Rusia 2018. Qatar é a única selección debutante no Mundial, converténdose ademais na segunda anfitrioa en albergar unha Copa do Mundo sen ter participado en ningunha edición anterior, do mesmo xeito que o fixera Italia no Mundial de 1934. Os Países Baixos, Ecuador, Ghana, o Camerún e os Estados Unidos regresaron a unha Copa do Mundo despois de estar ausentes na edición de 2018. O Canadá volveu clasificarse para unha fase final do Mundial despois de 36 anos, sendo a súa única participación anterior en 1986.[21]Gales regresou ao Mundial 64 anos despois da súa anterior presenza, que databa de 1958, sendo este o intervalo máis longo na historia dos Mundiais.[22]
Italia, catro veces campioa mundial e vixente vencedora da Eurocopa, volveu fracasar no seu intento de clasificarse para o Mundial, igual que en 2018, quedando fóra de dúas Copas do Mundo consecutivas por primeira vez na súa historia.[23] Os italianos foron os únicos campións do mundo que non conseguiron a clasificación. A selección anfitrioa da anterior Copa do Mundo, Rusia, foi descualificada das competicións da FIFA debido á invasión rusa de Ucraína.[24]Chile, vencedora da Copa América nas edicións de 2015 e 2016, quedou fóra do Mundial por segunda vez consecutiva. Nixeria, que participara nas tres edicións anteriores e en seis das sete últimas, perdeu caeu na terceira rolda de clasificación ante Ghana pola regra do gol en campo contrario. Exipto, Panamá, Colombia, Perú, Islandia e Suecia, participantes no Mundial de 2018, non conseguiron o pase á edición de 2022.
Países clasificados ao Mundial Países non clasificados ao Mundial Países que non participaron na clasificación País non membro da FIFA
Sorteo
O sorteo final celebrouse no Centro de Exposicións e Congresos de Doha o 1 de abril de 2022, antes da finalización da fase de clasificación.[25] No momento do sorteo non se coñecían os dous gañadores do play-off interconfederal nin o gañador do play-off da Ruta A da UEFA.[26]
Para o sorteo, os 32 equipos foron repartidos en catro bombos segundo a clasificación mundial da FIFA a data do 31 de marzo de 2022.[27] O primeiro bombo contiña os sete mellores equipos, así como a selección anfitrioa, Qatar (que foi asignada automaticamente á posición A1). O segundo bombo contiña os seguintes oito mellores equipos, e o bombo 3 os oito seguintes. No bombo 4 introducíronse os cinco equipos peor clasificados, xunto coas tres prazas para os dous gañadores do play-off interconfederal e do play-off da Ruta A da UEFA. Dous equipos da mesma confederación non podían entrar no mesmo grupo agás os equipos da UEFA, dos cales debía haber un mínimo dun e un máximo de dous por grupo. Este principio tamén se aplicaba ás prazas pendentes de resolución, aplicándose restricións en función da confederación dos potenciais gañadores de cada eliminatoria de play-off. O sorteo comezou co bombo 1 e rematou co bombo 4, sendo cada equipo seleccionado e asignado ao primeiro grupo dispoñible alfabeticamente. A posición de cada equipo dentro do grupo foi tamén sorteada (a efectos do calendario de partidos), excepto para os equipos do bombo 1, que foron automaticamente colocados na posición 1 de cada grupo.[28] Os bombos do sorteo estaban repartidos do seguinte xeito:[29]
A segunda canción do mundial chámase "Arhbo", interpretado por Gims e Ozuna. Presentouse o 19 de agosto de 2022.
A terceira canción oficial é "Light The Sky", interpretado por Nora Fatehi, Manal, Rahma Riad e Balqees. Composta por RedOne, presentouse o 7 de outubro de 2022.
Balón oficial
Al Rihla é o nome oficial do balón para o torneo.[32]
O 19 de maio de 2022, a FIFA anunciou a lista de 36 árbitros, 69 árbitros asistentes e 24 árbitros de VAR para o torneo.[44][45] Por primeira vez nun gran torneo masculino de fútbol de seleccións, varias mulleres foron seleccionadas para arbitrar partidos. A francesa Stéphanie Frappart, a ruandesa Salima Mukansanga e a xaponesa Yoshimi Yamashita convertéronse nas primeiras mulleres en ser seleccionadas como árbitras dunha Copa do Mundo.[46] A elas sumaranse tres árbitras asistentes, tamén por primeira vez. Frappart xa arbitrara anteriormente a final da Copa do Mundo Feminina de 2019.[47]
As cinco primeiras sedes propostas para a Copa do Mundo presentáronse a principios de marzo de 2010. O país pretendía que os estadios reflectisen os aspectos históricos e culturais de Qatar, e que os deseños cumprisen os seguintes termos de referencia: legado, confort, accesibilidade e sostibilidade.[54] Os estadios estarán equipados con sistemas de refrixeración que pretenden reducir as temperaturas dentro do estadio ata 20 °C, pero aínda non se sabe se isto funcionará realmente nos estadios ao aire libre. A organización describiu os estadios como de "cero residuos" e afirmou que os niveis superiores dos estadios serán desmontados despois do torneo e doados a países con infraestruturas deportivas menos desenvolvidas.[55][56] Qatar aspira a que todos os seus estadios cumpran e estean certificados polo Sistema de Avaliación da Sostibilidade Global (GSAS). Os cinco proxectos de estadios foron deseñados polo arquitecto alemán Albert Speer & Partners.[57] O Estadio Al Bayt será o único estadio cuberto dos oito utilizados.[58]
Unha información publicada o 9 de decembro de 2010 citaba ao entón presidente da FIFA, Sepp Blatter, que afirmaba que outras nacións ademais de Qatar poderían albergar algúns partidos da Copa do Mundo. Con todo, no informe non se mencionaba ningún país específico.[59] Blatter engadiu que calquera decisión deste tipo debería ser tomada primeiro por Qatar e despois avalada polo comité executivo da FIFA.[60] O príncipe Ali bin Hussein de Xordania dixo á Australian Associated Press que a celebración de partidos en Bahrain, Emiratos Árabes Unidos e posiblemente Arabia Saudita axudaría a incorporar á xente da rexión durante o torneo.[61]
Segundo un informe publicado en abril de 2013 por Merrill Lynch, a división de banca de investimento do Bank of America, os organizadores de Qatar solicitaron á FIFA que aprobase un número menor de estadios debido ao aumento dos custos.[62] Bloomberg.com informou que Qatar quería reducir o número de sedes a oito ou nove das doce previstas orixinalmente.[63]
O estadio máis utilizado será o Estadio Icónico de Lusail, que albergará 10 partidos, incluída a final. O estadio Al Bayt de Al Khor acollerá 9 partidos. Todos os partidos agás os 9 que se disputarán en Al Khor, celebraranse nun radio de 32 km dende o centro de Doha. Por primeira vez, todas as sedes do torneo serán utilizadas para os partidos eliminatorios.
↑Hayajneh, Abdelnaser; Elbarrawy, Hassan; El Shazly, Yassin; Rashid, Tarek (Decembro de 2017). "Football and Sustainability in the Desert, Qatar 2022 Green World Cup's Stadiums: Legal Perspective". European Journal of Social Sciences(en inglés): 475–493. SSRN3096185.