Moeda de 3 peniques neozelandeses

Moeda de
3 peniques neozelandeses

Xurxo V (1910-1936)[1]







A/: Busto coroado de Xurxo V cara á esquerda, con lenda arredor.

Lendas: GEORGE V KING EMPEROR

R/: Sous patu tallados cruzados e ta. Lenda, valor facial e data.

Lendas: NEW ZEALAND / 3d

  • Diámetro: 16,30 mm.
  • Espesor: 1,00 mm.
  • Peso: 1,41 g.
  • Canto: liso.

A moeda de 3 peniques neozelandeses é unha moeda con ese valor facial correspondente á serie de moedas da libra neozelandesa, emitida entre 1933 e 1965, equivalente a un cuarto de xilin ou á oitentava parte dunha libra. Trátase da moeda de menor tamaño do sistema, e tamén a de menor facial das da emisión inicial de 1933.

Do mesmo xeito que nas restantes moedas da serie, no anverso amosa un retrato do monarca reinante, en tanto que o reverso ten un deseño particulardeseñado polo artista británico George Kruger Gray, caracterizado pola representación de dous patu cruzados —mazas ornamentais maorís—.

A moeda cuñouse na Royal Mint de Londres, inicialmente en aliaxe de prata, por mor da escaseza de moedas británicas deste metal resultante da desvalorización da moeda local en relación coa libra esterlina. Mais a partir de 1947 pasou a producirse en cuproníquel, debido ao aumento dos prezos da prata.

Logo da decimalización do sistema monetario en 1967, os tres peniques foron abolidos ao se instaurar o novo sistema do dólar neozelandés.

Antecedentes e contexto

Artigo principal: Moedas da libra neozelandesa.

A moeda británica de tres peniques circulou por primeira vez en Nova Zelandia a principios do século XIX, xunto con outras moedas de prata propias de países como os Estados Unidos, España, Francia ou os Países Baixos, ademais doutras moedas británicas de prata. A libra esterlina foi confirmada como única moeda de curso legal en 1858, aínda que en realidade xa viñera sendo a única moeda en circulación desde 1847.[2][3]

Pola súa banda, Australia comezou a emitir a súa propia moeda nacional en 1910, e no seu sistema existía tamén a moeda de tres peniques australianos. A circulación xeneralizada da moeda de prata australiana en Nova Zelandia comezou en 1930, cando Australia desvalorizou a libra australiana con respecto á libra esterlina. Daquela, grandes cantidades da desvalorizada moeda australiana comezaron a inundar Nova Zelandia, chegando a constituír entre o 30 % e o 40 % de toda a moeda en circulación nese territorio a principios de 1933. A falsificación de moedas de prata tamén aumentou durante este período.[4]

Nova Zelandia desvalorizou a libra circulante no seu territorio en 1933, o que provocou un contrabando masivo de moedas de prata cara a Gran Bretaña e a outras posesións coloniais. En consecuencia, e tras varias décadas de propostas, o Goberno neozelandés emprendeu a creación dunha moeda nacional ese mesmo ano.[5] A Lei da Moeda de 1933 estableceu os pesos e os tamaños das seis denominacións da nova moeda de prata neozelandesa, e definiu os tres peniques como unha moeda de 1,41 gramos, cunha lei de prata de 500 milésimas.[6] A moeda valía un cuarto de xilin ou a oitentava parte dunha libra. Aínda que as empresas nacionais se ofreceron para producir as novas moedas, o Goberno neozelandés considerou que as instalacións locais non eran suficientes para a produción en masa e contratou a cuñaxe á Real Casa da Moeda de Londres.[7]

Deseño

Anverso

Todos os anversos das moedas da emisión inicial de 1933 presentaban un busto coroado do monarca Xurxo V (1910-1936) deseñado polo gravador da Royal Mint londiniense Percy Metcalfe, que xa se usara inicialmente para moedas do territorio de Rodesia do Sur. Este busto estaba baseado nun busto coroado anterior creado polo escultor australiano Bertram Mackennal, utilizado igualmente na moeda doutras colonias e dominios británicos.[8]

Reverso

Os deseños do reverso foron froito da colaboración entre o Comité Asesor da Real Casa da Moeda, encabezado polo subdirector Robert Johnson, e o Goberno neozelandés. Consultouse con artistas locais e con membros da Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia durante todo o proceso de deseño, aínda que se lles encargou aos deseñadores británicos da Royal Mint a creación dunha serie de propostas iniciais de deseños, malia as peticións das sociedades artísticas locais para que as moedas fosen de creación nacional. Os deseñadores británicos Percy Metcalfe e George Kruger Gray, artistas experimentados que xa deseñaran moedas para outros dominios e colonias de soberanía británica, foron os receptores da encarga de presentar deseños para cada unha das cinco moedas iniciais da moeda de prata do novo sistema.[8][9]

Primeiras propostas

A proposta de Kruger Gray para o reverso presentaba un kotiate —arma curta de man maorí— sobre dous tewhatewha cruzados —garrotes maorís longos en forma de machada—. O historiador numismático e membro do Comité de Deseño de Moedas Allan Sutherland describiu este deseño como «moi eficaz», mais este foi rexeitado polo Comité Asesor, xunto con outro deseño similar de Kruger Gray para a moeda de 6 peniques.[10]

Pola súa banda, Metcalfe presentou dúas propostas de deseño para os tres peniques. A primeira era moi minimalista, co número romano III entre as letras N e Z, ambas invertidas 90 graos. Este deseño, que lembraba a proposta similar de Metcalfe para os 6peniques, foi igualmente rexeitada, sen máis comentarios, en favor do seu deseño alternativo de inspiración tradicional maorí, coa representación dun hei-tiki —colgante ou talismán tradicional—.[10]

O deseño do reverso dos 3peniques co hei-tiki de Metcalfe amosaba a figura nunha faixa vertical central entre un gran «3» e un «D». A Thomas Wilford, alto comisionado de Nova Zelandia, gustáballe especialmente este deseño, xa que cría que os neozelandeses o recoñecerían ao instante. Pedíuselle a Kruger Gray que crease un novo modelo a partir da base de Metcalfe, co fin de estandarizar as letras da moeda.[10]

Fotografía do político Mete Kingi Te Rangi Paetahi cun patu (ca. 1869).[11]

Redeseños

O primeiro ministro neozelandés, George Forbes, tivo un mandato moi débil, e o ministro de Finanzas, Gordon Coates, actuou como primeiro ministro en funcións de facto, sinaladamente durante as prolongadas estadías de Forbes en Gran Bretaña. En xullo de 1933, Coates nomeou un Comité de Deseño de Moedas nacional, composto por varios artistas locais e membros da Real Sociedade Numismática de Nova Zelandia.[12] Allan Sutherland criticou duramente o hei-tiki, xa que el o concibía como un amuleto da fertilidade pouco apropiado para a era moderna, ao crer erroneamente que a figura representaba un feto humano, e, consecuentemente, Coates ordenou que se abandonase ese deseño —aínda que en 1940 se reutilizaría para a moeda de medio penique—.[13] A pesar de que nun principio se pedía a «eliminación de calquera ornamento nativo» nas moedas, o Comité de Deseño de Moedas de Coates pediu que o reverso dos tres peniques constase de «dúas mazas maorís, cruzadas en ángulo recto coa figura 3d nun espazo despexado no centro».[12]

Esta proposta desconcertou a Kruger Gray, que non recibiu ilustracións nin instrucións sobre como levar a cabo este deseño.[14] En agosto, Coates ofreceu unha suxestión de deseño alternativa, consistente nun mere —un tipo de patu— con cordas. Aínda que probou con meres individuais, consonte a proposta de Coates, Grey acabou presentando un deseño no que se cruzaban dous mere, inspirándose nun anterior deseño seu para a moeda de seis peniques de Rodesia do Sur. Coates protestou inicialmente pola modificación, mais cedeu despois de que Kruger Gray argumentase que un só mere crearía un deseño desigual e difícil de cuñar.[15]

A finais de 1933, o deseño básico xa fora aceptado, e Kruger Gray creou un modelo final que incorporaba a ornamentación tradicional. Tomando como referencia o libro de Augustus Hamilton de 1901 Maori Art, tomou como referencia para os garrotes dous patu antigos: un da tribo maorí dos Ngāti Tūmatakōkiri e outro dos arredores do lago Waikaremoana conservado no Museo de Otago. Os tres peniques foron o derradeiro deseño da serie inicial de cuñaxes de prata, que ficou así completada.[15]

Críticas ao deseño

A poboación adoitaba comparar o deseño dos 3 peniques con dúas botellas de cervexa de xenxibre.[16] Na súa defensa, o etnólogo Johannes Carl Andersen defendeu o uso dos patu neste deseño e cualificou as críticas de inxustas e baseadas na ignorancia. El propuxo que os estranxeiros que se atopasen coas moedas aprendesen sobre a cultura do país investigando os deseños. Malia todo, Andersen achou tamén motivos para a crítica, centrándose no feito de que os patu estivesen ao revés, e suxeriu que se modificase a súa posición en futuras emisións.[17]

Produción e tiraxes

Bustos de Xurxo VI e de Isabel II.

Logo da aprobación definitiva dos modelos, as moedas entraron en produción, e os primeiros exemplares dos tres peniques con data de 1933 chegaron a Nova Zelandia a desde Londres a mediados de marzo de 1934, e foron postos inmediatamente en circulación.[18] Pola súa banda, os tres peniques británicos, igual que o resto de moedas de libra esterlina ata aquel momento en circulación, deixaron de ter curso legal o 1 de febreiro de 1935.[19]

Con 16,30 mm de diámetro e 1,41 g de peso, as emisións da moeda de tres peniques foron relativamente constantes en comparación con outras moedas neozelandesas. Só en 1938 e en 1949 non se cuñou ningún exemplar, aínda que a escasísima tiraxe de 40.000 espécimes en 1935 deu lugar a unha data clave para o coleccionismo desta moeda. En total, cuñáronse máis de 117 millóns de moedas de tres peniques, cunha media de algo máis de tres millóns e medio de exemplares anuais.[20]

Debido aos altos prezos que acadou a prata nos anos posteriores á segunda guerra mundial, as moedas cuñadas en prata ata ese ano, entre elas a de 3 peniques, pasaron a fabricarse cunha aliaxe de cuproníquel a partir de 1947. Moitas moedas de prata foron retiradas da circulación e logo fundidas polos bancos.[21]

Ademais da serie inicial a nome de Xurxo V, a moeda cuñouse tamén, sucesivamente, cos bustos no anverso de Xurxo VI (1936-1952) —deseñado por Thomas Humphrey Paget—,[22] e de Isabel II (1952-2022) —con deseño de Mary Gillick—.[23] Finalmente, os tres peniques foron abolidos en 1967 en favor das novas moedas do dólar neozelandés.[21]

Tiraxes anuais [20]
Monarca Ano de emisión Moedas cuñadas
Xurxo V
(1910-1936)
[1]
1933 6.000.000
1934 6.000.000
1935 40.000
1936 2.760.000
Xurxo VI
(1936-1952)
[22]
1937 2.880.000
1938 0
1939 0
1940 3.000.000
1941 2.000.000
1942 1.760.000
1943 3.120.000
1944 4.400.000
1945 2.840.000
1946 2.520.000
1947 6.080.000
1948 6.400.000
1949 4.000.000
1950 800.000
1951 3.600.000
1952 8.000.000
Isabel II
(1952-2022)
[23]
1953 4.000.000
1954 4.000.000
1955 4.000.000
1956 4.800.000
1957 8.000.000
1958 4.000.000
1959 4.000.000
1960 4.600.000
1961 4.800.000
1962 6.000.000
1963 4.000.000
1964 6.400.000
1965 4.200.000
Total 117.800.000

Notas

  1. 1,0 1,1 "3 Pence - George V". Numista.com
  2. Matthews, K. (2003). Páxinas 40-49.
  3. Hargreaves, R. P. (1972). Páxina 32.
  4. Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 141-142.
  5. Hargreaves, R. P. (1972). Páxina 142.
  6. "An act to make Provision with respect to Currency, Coinage, and Legal Tender in New Zealand (Coinage Act 1933)". New Zealand Acts As Enacted (nzlii.org).
  7. Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 144-145.
  8. 8,0 8,1 Stocker, M. (2005). Páxinas 145-146.
  9. Johnson, R. A. (1934). Sixty-Fourth Annual Report of the Deputy Master and Comptroller of the Royal Mint - 1933. His Majesty's Stationery Office, Londres. Páxinas 6-8.
  10. 10,0 10,1 10,2 Stocker, M. (2005). Páxina 149.
  11. "Mete Kingi Te Rangi Paetahi - Photograph taken by Edward Smallwood Richards". National Library Wellington (Natlib.govt.nz).
  12. 12,0 12,1 Stocker, M. (2005). Páxinas 150-151.
  13. Stocker, M. (2011). Páxinas 211-212.
  14. Stocker, M. (2005). Páxina 151.
  15. 15,0 15,1 Stocker, M. (2005). Páxina 153.
  16. Hargreaves, R. P. (1972). Páxina 147.
  17. Andersen, J. C. (1934). ""Warlike Shilling": Experts Criticize New Zealand Coins". En Dominion. 30 de abril. Páxina 8.
  18. Stocker, M. (2005). Páxina 157.
  19. Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 149-150.
  20. 20,0 20,1 Cuhaj, G. S. (2014). Páxina 1.633.
  21. 21,0 21,1 Hargreaves, R. P. (1972). Páxinas 181-183.
  22. 22,0 22,1 "3 Pence - George VI 1st type" , "2nd type" "3rd type". Numista.com
  23. 23,0 23,1 "3 Pence - Elizabeth II". Numista.com

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos