Millicent Garrett Fawcett, nada en Aldeburgh (Suffolk) o 11 de xuño de 1847 e finada en Londres o 5 de agosto de 1929, foi unha feminista, intelectual, líder política e sindical e escritorabritánica. Foi líder durante 50 anos do movemento sufraxista moderado en Inglaterra. Desde este movemento promoveu a educación das mulleres e o seu dereito ao voto.[1] En 1867 uniuse ao Comité Sufraxista de Londres e ao ano seguinte realizou a súa primeira alocución pública cando era moi pouco frecuente que unha muller falase en público. Tras a morte de Lydia Becker converteuse na líder natural do movemento sufraxista británico e foi fundadora da Unión Nacional de Sociedades do Sufraxio Feminino (NUWSS). Centrouse na propaganda política e as campañas de persuasión e difusión seguindo unha estratexia de legalidade e orde.[2] En 1987 foi cofundadora do Newnham College de Cambridge, unha das primeiras universidades de Inglaterra para mulleres.
Traxectoria
Naceu no seo dunha familia ilustrada. Foi a sétima de dez fillos de Louise Dunnell e Newson Garrett, un armador e político radical que durante anos apoiou a súa filla máis vella Elizabeth Garrett Anderson na loita para lograr ser a primeira muller admitida na práctica da medicina. Newson Garret enviou as súas fillas a un internado a Blackheath (Londres), a cargo de Luisa Browning, tía de Robert Browning. Millicent estudou alí desde 1858 até 1863 desenvolvendo un grande interese pola literatura e a educación.[3] Cando tiña doce anos a súa irmá Elisabeth Garret trasladouse a Londres para estudar medicina e desde entón visitouna regularmente. Estas visitas foron o comezo da participación de Millicent no movemento de mulleres. En 1865 Millicent acompañou a Elizabeth a escoitar un discurso de John Stuart Mill sobre os dereitos das mulleres e impresionada pola súa intervención converteuse nunha defensora do seu traballo. En 1866, aos 19 anos, asumiu a secretaría da Sociedade de Londres para o Sufraxio da Muller.
Matrimonio con Henry Fawcett
En 1867 Millicent Garret casou con Henry Fawcett, deputado liberal independente e catedrático de Economía Política á Universidade de Cambridge con quen compartía a loita polo dereito ao voto das mulleres. Henry Fawcett presentara no Parlamento en 1866 xunto a John Stuart Mill unha petición para obter o voto sen distinción de sexo asinada por 1.499 mulleres, unha iniciativa que fracasou e da cal xurdiu o sufraxismo como movemento social.[4]
Era cego, así que Millicient converteuse nos ollos e as mans do seu marido, actuou de lectora e axudante para os seus estudos e escritos e sempre o acompañou ao Parlamento, lendo e redactando todos os documentos e informes oficiais ademais dos discursos. Así, Millicient presenciou, en 1867, o primeiro debate no Parlamento británico sobre o sufraxio feminino.[5]
Os primeiros anos de matrimonio significaron para ela en certa maneira un curso acelerado en ciencias políticas e económicas. Froito deste proceso é a colección Essays and Lectures on Social and Political Subjects (1872), unha colección de catorce estudos dos cales oito están asinados por ela. Antes xa publicara Political Economy of Beginners, un texto introdutorio de economía para adolescentes que constituíu un éxito editorial.
Actividade política
En 1868, Millicent uniuse ao Comité de Sufraxio de Londres e en 1869 realizou unha intervención na primeira reunión a favor de sufraxio público que se celebrou en Londres. En 1874 publicou outro libro, Tales in Political Economy, unha compilación de contos ilustrativos de leccións de economía. En 1875 foi cofundadora do Newnham College na Universidade de Cambridge. A partir de 1884 Garrett Fawcett dedicouse de cheo ao movemento sufraxista británico e coa morte de Lydia Becker en 1897 converteuse en presidenta da principal organización do movemento sufraxista do Reino Unido, a Unión Nacional de Sociedades do Sufraxio Feminino (NUWSS).
Iamos ensinarlle ao mundo como conseguir reformas sen violencia, sen matar gente e voar edificios, ou sen facer as cousas estúpidas que os homes fixeron cando quixeron alterar as leis (...) Nosoutras queriamos mostrar que podiamos avanzar ou conseguir a liberdade humana á que aspirabamos sen utilizar ningunha violencia.
citado en Bell, S.C. & Offen. K.M. Women, the Family and Freedom. The Debate in Documents. Stanford, 1983. Recollido en Sufragismo y Feminismo. La Lucha por los Derechos de la Mujer. 1789-1945
Deixou o cargo en 1919, un ano despois da obtención do dereito de voto para as mulleres de máis de 30 anos.[6] En 1917 publicou The position of Women in Economic Life, onde denunciou as barreiras que existían para as mulleres na entrada do mercado laboral e reclamou igualdade de oportunidades en todos os ámbitos.
Pacifismo
En xullo de 1901 foi designada polo goberno británico para investigar as condicións de vida nos campos de concentración en Suráfrica que creou Lord Kitchener durante a Segunda Guerra dos Bóeres de 1899-1902. O seu informe confirmou o que a defensora Emily Hobhouse dixera sobre as duras condicións de vida nestes campos. Cando estalou a Primeira guerra mundial en 1914, a NUWSS rexeitou participar na guerra porque un bo número dos seus membros eran pacifistas e continuou a súa campaña para a obtención do dereito de voto feminino destacando a importancia do traballo das mulleres durante o conflito bélico.[7]
Últimos anos e recoñecementos
Obtivo o rango de Dama da Orde do Imperio británico en 1925 e morreu no núm. 2 de Gower Street en Bloomsbury en 1929.[8] O Millicent Fawcett Hall de Westminster[9] foi inaugurado o ano da súa morte. Hoxe, o seu nome está ligado á Fawcett Society, unha organización feminista que traballa para estabelecer a igualdade entre os homes e as mulleres.[10][11]
Os arquivos de Millicent Fawcett atópanse en The Women's Library na Biblioteca do London School of Economics.[12]
Obras
Political Economy for Beginners (1870)
Essays and Lectures on social and political subjects (1872, con Henry Fawcett)
Electoral Disabilities of Women: a lecture (1872)
Tales in Political Economy (1874)
Janet Doncaster (novela; 1875)
Some Eminent Women of our Times: short biographical sketches (1889)
Life of Her Majesty, Queen Victoria (1895)
Life of the Right Hon. Sir William Molesworth (1901)
Five Famous French Women (1905)
Women's Suffrage : a Short History of a Great Movement (1912)
The Women's Victory and After: Personal reminiscences, 1911–1918 (1920)
What I Remember (Pioneers of the Woman's Movement) (1924)
Josephine Butler: her work and principles and their meaning for the twentieth century (1927, con Ethel M. Turner)
Escribiu tamén ducias de artigos para publicaciónes periódicas como The Englishwoman, Woman's Leader, Fraser's Magazine, National Review, Macmillan's Magazine, Common Cause, Fortnightly Review, Nineteenth Century e Contemporary Review.
Foi a autora da introdución da edición de 1891 do libro de Mary WollstonecraftVindicación dos dereitos da muller. Lyndall Gordon dixo que foi un texto clave co que Fawcett gañou un prestixio importante.[13]
↑Seneca Falls: un siglo y medio del Movimiento Internacional de Mujeres y la lucha por el sufragio femenino en España: guía didáctica(en castelán). Consejería de Educación y Cultura. 1 de xaneiro de 2002.|data-acceso= require |url= (Axuda)