A creación desta moeda foi promovida polo Comité do Tricentenario de Long Island, e o Congreso dos Estados Unidos autorizou a súa emisión sen oposición, aínda que con algunhas emendas no Senado para incrementar as proteccións contra os abusos cometidos anteriormente na emisión de moedas conmemorativas. O 13 de abril de 1936, o proxecto converteuse en lei, coa sinatura do presidenteFranklin D. Roosevelt.
A cuñaxe das moedas non comezou ata agosto de 1936, demasiado tarde para as celebracións do aniversario, xa que estas tiveran lugar en maio. O Comité do Centenario comezou a comercializar as moedas e conseguiu vender catro quintas partes dos 100.000 exemplares que a US Mint lle fixera chegar, un resultado que se considerou como un éxito, dada a importancia da emisión e a falta de publicidade. O resto dos exemplares devolveuse á Ceca de Filadelfia para que fosen refundidas alí.
Antecedentes e contexto
O feito conmemorado
O primeiro europeo coñecido que enxergou a illa de Long Island, hoxe parte do estado de Nova York, foi Henry Hudson en 1609. No momento do que máis tarde se considerou como a súa descuberta, 13 tribos de nativos americanos habitaban a illa. O primeiro asentamento europeo, en Jamaica Bay, foi neerlandés.[3] A primeira escritura de compravenda de terras en Long Island data do 16 de xuño de 1636, e foi outorgada a dous colonos neerlandeses, Andries Hudde e Wolphert Gerretse.[4] A transferencia foi facilitada por Penhawitz, sachem da tribo algonquina dos Canarsee, e baixo os Hudde e Gerretse as terras convertéronse na granxa Achtervelt, e logo na poboación de New Amersfoort, e máis tarde no actual barrio de Flatlands, en Brooklyn. Os neerlandeses chamaron a illa no seu conxunto inicialmente Lange Eylandt, e tras o intento británico de tomar posesión da zona na década de 1660 intentaron renomeala como Nassau, aínda que esta denominación non se popularizou ata a creación do condado de Nassau en 1899.[3]
A idea da emisión conmemorativa
O gran interese histórico destes feitos para a historia dos Estados Unidos motivou o desexo dalgunhas entidades de promover a emisión dunha moeda conmemorativa da efeméride, como xa estaba a suceder con outras conmemoracións. Na década de 1930, as moedas conmemorativas non eran distribuídas polo Goberno estadounidense, senón que o Congreso, ao aprobar a lexislación que autorizaba cada moeda, designaba unha organización sen ánimo de lucro á que lle outorgaba o dereito exclusivo de as adquirir ao seu valor nominal e logo revendelas á poboación cunha prima, supondo así unha fonte de financiamento para celebracións e eventos diversas.[5]
No caso do medio dólar de Long Island, o grupo responsable foi o Comité do Tricentenario de Long Island, que actuaba a través do seu presidente ou do seu secretario.[6] Este comité formouse para organizar as celebracións do aniversario que terían lugar en Long Island.[7]
Proceso lexislativo
Cámara de Representantes
A influencia política dos membros do Comité do Tricentenario foi suficiente para que se presentase un proxecto de lei no Congreso.[8] John J. Delaney, de Nova York, presentouno na Cámara de Representantes o 20 de febreiro de 1936, e nel solicitábase a cuñaxe dun mínimo de 100.000 exemplares dunha moeda de medio dólar. Logo da súa aceptación, o proxecto remitiuse á Comisión de Moeda, Pesos e Medidas da cámara,[9] onde o 28 de febreiro o representante Andrew Somers, de Nova York, presidente da Comisión,[10] recomendou a súa aprobación.[11] Tanto Somers como Delaney representaban a Brooklyn.[12] Seguidamente, John J. Cochran, de Missouri, presentou o proxecto ante o pleno da Cámara o 6 de marzo, en nome de Somers e Delaney, e o proxecto foi aprobado sen debate nin oposición.[13]
Senado
A continuación, o proxecto de lei pasou ao Senado. Nesa cámara remitiuse á Comisión de Banca e Moeda, onde foi un dos varios proxectos de lei de moedas conmemorativas que se examinaron o 11 de marzo de 1936, por unha subcomisión dirixida por Alva B. Adams, de Colorado.[14] O senador Adams era coñecedor dos abusos cometidos coas emisións de moedas conmemorativas a mediados da década de 1930 co fin de incrementar o beneficio dos seus promotores e dos intermediarios, xa que a lei que autorizaba as emisións non establecera ningunha limitación ao respecto, e propúxose non caer nunha situación similar.[15] Neste sentido, Lyman W. Hoffecker, un comerciante de moedas de Texas e membro da American Numismatic Society, testemuñou ante a Comisión dando conta das irregularidades cometidas previamente coas emisións do medio dólar conmemorativo do Oregon Trail (1926-1939) e outras cuñaxes daqueles anos, que entre outras cousas inflaran os prezos artificiosamente e xeraran moito descontento nos coleccionistas numismáticos.[16]
O 26 de marzo, a comisión do Senado, a través do senador Adams, emitiu un informe no que recomendaba a aprobación do proxecto de lei logo de que se incluíse unha emenda pola que se esixía que as moedas se cuñasen nunha soa ceca e que só se emitisen amosando unicamente o ano da súa autorización (1936) independentemente de que a súa cuñaxe se puidese prolongar ata 1937. Pretendíase así evitar que aparecesen variantes da emisión que alterasen os prezos e amolasen os coleccionistas. A mesma emenda sinalaba que debía emitirse un mínimo de 5.000 e un máximo de 100.000 exemplares. Adams recomendou que estas disposicións figurasen tamén en futuros proxectos de lei doutras moedas conmemorativas.[11]
O Senado examinou o proxecto o 27 de marzo; tratábase do derradeiro dunha serie de seis proxectos de lei para a autorización de moedas conmemorativas que estaba a estudar ese órgano e, do mesmo xeito que os demais, o de Long Island foi emendado e aprobado sen debate nin disensións.[17]
Aprobación da lei
Como as dúas cámaras aprobaran versións con lixeiras diferenzas, provocadas polas emendas introducidas en cada unha, o proxecto volveu á Cámara de Representantes, onde o 30 de marzo Cochran pediu a aceptación da emenda que fora aprobada no Senado. Bertrand H. Snell, de Nova York, pediu unha explicación sobre devandita emenda do Senado, e Cochran contestoulle que se trataba de garantir expresamente que a emisión non fose supor gastos para o Goberno federal. A Cámara aceptou a emenda e aprobou o proxecto de lei sen discrepancias,[18] co que se converteu en lei coa sinatura do presidente Franklin D. Roosevelt o 13 de abril de 1936, autorizando a emisión dun máximo de 100.000 exemplares.[19] As disposicións de que as moedas só se cuñasen nunha única ceca e de que se esixía que todas levasen a mesma data foron primicias na lexislación de moedas conmemorativas nos Estados Unidos.[20][21]
Preparación
Por recomendación da Comisión de Belas Artes dos EEUU (CFA), o Comité do Tricentenario contratou o escultor Howard Kenneth Weinman, fillo do tamén escultor Adolph Alexander Weinman.[22] A CFA era responsable de facer recomendacións acerca do mérito artístico das obras de arte pública, entre as que estaban incluídas as moedas.[23]O maior dos Weinman xa era coñecido porque se encargara do deseño da moeda de dez centavos Mercury e do medio dólar da Liberdade camiñando, e escribiulle ao secretario da CFA, H. R. Caemmerer, o 2 de abril de 1936, para lle comunicar a contratación de Howard Weinman e para lle pedir detalles sobre o procedemento de aprobación das moedas conmemorativas.[24] Caemmerer contestoulle o día seguinte, indicando que os deseños debían enviarse á Ceca de Filadelfia en canto o proxecto de autorización recibise a aprobación definitiva.[25]
O 19 de abril, Howard Weinman escribiu a Caemmerer para lle indicar que, por mor do atraso do Comité do Tricentenario, só se realizaran algúns esbozos preliminares, e preguntoulle tamén en que fase debían presentarse os deseños para a súa aprobación. Caemmerer respondeu o día 21 que, para os efectos da aprobación do CFA, o mellor sería que lle enviase copias das fotografías do modelo de xeso terminado a el mesmo e a Lee Lawrie, escultor membro do CFA. Caemmerer tamén suxeriu que Howard Weinman consultase co seu pai sobre o procedemento de presentación á Casa da Moeda, xa que Adolph Weinman o fixera en varias ocasións.[26] En maio, Howard Weinman tiña xa rematados os seus modelos. Lawrie fixo algunhas pequenas suxestións, pero quedou moi satisfeito co traballo. A CFA amosou o seu acordo o día 26, tamén con algunhas suxestións adicionais, como a de colocar a expresión HALF DOLLAR debaixo do barco no reverso, algo que non foi adoptado na versión definitiva.[27]
Logo da aprobación preliminar da CFA, Adolph Weinman reuniuse coa directora da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Nellie Tayloe Ross, e coa subdirectora, Mary Margaret O'Reilly, para acordar os cambios recomendados. Por exemplo, para garantir unha maior claridade, a lenda IN GOD WE TRUST ("En Deus confiamos") —que aparecía incusa e gravada baixo o barco—, debería ser gravada no cuño mestre directamente por John R. Sinnock, o gravador xefe da US Mint. Cando Howard Weinman lle escribiu a Caemmerer o 22 de xuño, comunicoulle que traballaba con présa para que as moedas puidesen estar dispoñibles o antes posible. A Comisión deu o seu visto e prace, e os modelos de Howard Weinman foron reducidos ao tamaño real das moedas de medio dólar para facer os cuños por parte da Medallic Art Company de Nova York.[28]
Coa emisión do medio dólar, os Weinman convertéronse no segundo pai e fillo en deseñar moedas estadounidenses; os primeiros foran os gravadores xefe da Casa da Moeda William Barber (1869-1879) e Charles Barber (1880-1917).[8]
Deseño
Anverso
O anverso do medio dólar amosa os bustos acaroados dun colono neerlandés e dun membro da tribo algonquina de nativos americanos.[2][30] Howard Weinman escribiu a este respecto: «Intentarei que se infira, polo equilibrio harmonioso das cabezas, o asentamento pacífico da illa polos neerlandeses».[31]
Tamén están presentes no anverso algunhas das inscricións esixidas por lei nas moedas estadounidenses: LIBERTY e E PLURIBUS UNUM.[2][19]
Reverso
Pola súa banda, o reverso representa un barco holandés de tres mastros que navega cara á dereita.[2][19] O deseño é moi semellante á representación do barco Halve Maen de Henry Hudson no medio dólar do Sesquicentenario de Hudson, de 1935, pero está máis estilizado.[30] Nas ondas sobre as que se despraza o barco aparece a inscrición IN GOD WE TRUST, xunto co nome do país e a indicación do valor facial rodeando a escena, e a lenda LONG ISLAND TERCENTENARY no exergo.[2][33]
Valoracións críticas
O comerciante de moedas de Texas B. Max Mehl describiu o anverso en 1937 como «retratos unidos de dous cabaleiros de aspecto máis ben rudo, pero ata agora non puiden lograr saber quen son ou a quen se supón que representan».[34] Outros críticos compararon as dúas cabezas, coas súas queixadas e os seus narices prominentes, con dous boxeadores a punto de se enfrontar.[35]
O numismático David Bullowa, no seu traballo de 1938 sobre as moedas conmemorativas estadounidenses, sinalou que os deseños foran recibidos con críticas, xa que varias moedas conmemorativas anteriores levaran xa bustos de xeito similar á peza de Long Island, e igualmente outras representaran barcos anteriormente, como a antes comentada do Sesquicentenario de Houston ou o medio dólar Colombino de 1892.[36]
O pioneiro neerlandés parece un personaxe saído de Shakespeare (un papel de labrego), e o indio podería xogar doadamente ao fútbol profesional calquera domingo pola tarde en calquera sitio dos Estados Unidos. Polo demais, alén deses clixés provocados por un esforzo por modernizar temas tradicionalmente ideais, o barco ten unha correcta dose de sinxeleza, e a letra parece esvaecerse no fondo de xeito satisfactorio.
”
Lanzamento e distribución
En agosto de 1936 cuñáronse na Ceca de Filadelfia un total de 100.053 medios dólares do tricentenario de Long Island, dos cales 53 se conservaron para a súa inspección e comprobación na reunión anual de 1937 da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos.[34] As vendas anticipadas ascenderon a case 19.000 moedas.[35] No momento da emisión, as celebracións en Long Island estaban finalizadas, xa que se celebraran en maio baixo os auspicios do Comité do Tricentenario. O numismático Arlie Slabaugh escribiu no seu libro sobre moedas conmemorativas: «Mesmo así, o Comité do Tricentenario de Long Island fixo un traballo sorprendentemente bo vendéndoas a través dos bancos locais».[19]
Logo de que as moedas fosen entregadas pola ceca ao National City Bank de Brooklyn, vendéronse ao público en varios lugares ao prezo dun dólar cada unidade. A oficina do xornalBrooklyn Eagle comercializou 50.000 moedas. Ademais, puxéronse á venda outros 25.000 exemplares en Queens, 15.000 no condado de Nassau e 10.000 no condado de Suffolk.[1][30] Entre outros lugares, tamén estaban ao dispor da poboación nos grandes almacéns de Brooklyn.[38] Malia chegar tarde, as moedas vendéronse relativamente ben, con 81.826 exemplares dun total de 100.000 cuñados, e todo isto tendo en conta que practicamente non había publicidade.[35][39]
En agosto de 1936, a Comisión do Tricentenario presentoulle exemplares do novo medio dólar ao presidente Roosevelt.[38] As vendas continuaron durante os primeiros meses de 1937.[34] Como era habitual no caso doutras moedas conmemorativas anteriores, as que non se deron vendido devolvéronselle á Ceca de Filadelfia para a súa fundición.[1][30] De xeito diferente ao ocorrido con outras moedas conmemorativas dos anos trinta, non houbo queixas sobre o xeito de distribución, xa que calquera que o desexase podía adquirilas. E tampouco houbo especulación cos seus prezos nin coa súa dispoñibilidade; a moeda puido ser adquirida tanto pola comunidade numismática como pola poboación de Long Island.[34]
Coleccionismo
Como as moedas tiveron unha comercialización exitosa, o medio dólar do tricentenario de Long Island adoita considerarse como unha das moedas conmemorativas estadounidenses máis comúns da súa época, dada a súa ampla distribución. Así e todo, son poucos os exemplares que se conservan en estado excelente; os problemas máis comúns que presentan son o desgaste e as marcas e abrasións nos puntos máis prominentes dos seus deseños, como a fazula do colono neerlandés no anverso e as velas do barco no reverso.[1] Unha das razóns é que o deseño da moeda, sinaladamente no reverso, é relativamente plano, polo que é propenso ás marcas producidas polas bolsas que as albergaban durante a súa distribución.[30] Outras pezas, ademais, foron manipularon sen coidado cando estaban en mans da poboación.[40] Marty Rubenstein, un comerciante de moedas local, declarou: «As moedas de Long Island non adoitan ter unha boa aparencia».[35]
Logo da súa distribución oficial inicial por un dólar, a moeda de medio dólar do tricentenario de Long Island comercializouse no mercado retallista por un prezo de aproximadamente 1,25 dólares por unidade en estado "sen circular" ata 1940. A partir desa data aumentou o seu valor ata se vender por uns catro dólares en 1955, e xa por 140 dólares en 1985.[41] A edición de luxo do catálogo de Richard S. YeomanA Guide Book of United States Coins, publicada en 2018, atribúelle a esta moeda un valor de entre 85 e 450 dólares, dependendo do seu estado de conservación. Así e todo, un exemplar nun estado de conservación e de beleza excepcional acadou o remate de 9.988 dólares nunha poxanumismática que tivo lugar en 2015.[42]
Harry Miller, un comerciante de moedas de Patchogue, Long Island, declarou en 2002: «Paréceme que a maioría dos coleccionistas de Long Island queren ter unha, aínda que non se especialicen en moedas conmemorativas».[35]
↑ 11,011,1To Authorize the Coinage of 50-cent Pieces in Commemoration of the Three-hundredth Anniversary of the Founding of the First Settlement on Long Island, N.Y.: Report (to Accompany H.R. 11323). U.S. Government Printing Office, 1936.