María Pérez Piñeiro, nada en Catoira o 11 de xuño de 1985,[1] é unha deportista galega que competiu en piragüismo na modalidade de maratón. Gañou unha medalla de bronce no Campionato Mundial de Piragüismo en Maratón de 2011, e dúas medallas de bronce no Campionato Europeo de Piragüismo en Maratón nos anos 2007 e 2011.[2]
Ademais gañou seis veces de forma consecutiva o Descenso Internacional do Sella en K2, de 2006 a 2011.[1][3]
Traxectoria
Comezou no piragüismo no Club de Piragüismo As Torres de Catoira, competindo en probas de maratón. En 2005 debutou tanto no Campionato de Europa (na República Checa) como no Campionato do mundo (en Perth, Australia), finalizando 12ª de Europa[4] e sétima do mundo en K1.[5]
Ao ano seguinte pasou a competir en K2, formando parella coa vasca Naiara Gómez. Con ela gañou ese ano o Descenso Internacional do Sella, na categoría K2.[6] Ademais quedaron ás portas das medallas no Campionato do Mundo celebrado en Francia, ao remataren en cuarta posición.[7][8] En 2007 gañaron de novo o Descenso do Sella e lograron a medalla de bronce no Europeo de Trenčín, Eslovaquia, por detrás das embarcacións húngaras de Renáta Csay e Bereniké Faldum (ouro) e Zsófia Kollár e Judit Kollár (prata).[9] No Mundial só puideron ser décimas.[10]
En 2008 logrou o seu terceiro triunfo no Sella (quinto para Naiara Gómez) e quedou quinta no Mundial.[11] Ao ano seguinte cambiou de parella ao deixar Naiara a competición por maternidade, e formou equipo coa palentina Mara Santos. Gañaron o Descenso do Sella[12] e finalizaron sextas no Europeo celebrado en Polonia.[13]
En 2010 volveu a formar parella con Naiara Gómez, coa que volveu gañar no Sella. Con todo, só puideron rematar na 12ª posición no Mundial celebrado en Banyoles.[14] Repetiron vitoria no Descenso do Sella en 2011,[15][16] ano no que lograron ademais o bronce no Campionato de Europa[17] e o bronce no Campionato do Mundo celebrado en Singapur, quedando só a un segundo da prata.[18][19]
Tras ese ano de éxitos viuse obrigada a emigrar a Inglaterra, onde traballou como mestra de castelán na pequena vila de Corsham e despois como camareira, e acabou por deixar o piragüismo.[20] Volveu a Galicia en 2016 para traballar como cazadora de talentos da Federación Galega de Piragüismo.[21]
Galardóns
En 2013 recibiu a Medalla Honorífica do Comité Olímpico Español.[22][23]
Palmarés internacional
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas