A proba do ano 2010 supuxo a septuaxésima cuarta edición desta competición, que arrincou en 1930.
En 1929, Dionisio de la Huerta, o Dr. Benigno Morán e Manés Fernández realizaron unha excursión polo río *Piloña desde Coya ata L'Infiestu percorrendo cinco quilómetros e empregando dúas horas e media. Esta excursión duns amigos foi o xerme do actual Descenso do Sella e da Festa das Piraguas.
Os dous anos seguintes celebráronse o que máis tarde serían as dúas primeiras edicións desta proba nas que Dionisio de la Huerta, Manés Fernández e Alfonso Argüelles realizaron o descenso desde Coya ata Arriondas en 1930 e ata Ribadesella en 1931.
Ao ano seguinte, 1932, fixáronse a saída e meta definitivas en Arriondas e Ribadesella e realizouse a primeira edición de carácter competitivo con trece padeeiros provenientes de Oviedo, Xixón, L'Infiestu e Ribadesella e tendo o carácter de Descenso Provincial. En 1935 chegarían as primeiras inscricións de padeeiros non asturianos no Descenso Nacional do Sella.
A Guerra civil española supuxo unha paréntese entre 1936 e 1943 para a proba, pero en 1951 inscribíronse xa os primeiros participantes europeos no xa Descenso Internacional provenientes de Italia e Portugal.
No descenso de 1994 tomaron a saída máis de 1.400 embarcacións nas ribeiras do río en Arriondas.
Categorías
Cadetes (chegada en Llovio)
Júnior
Sénior
Veteranos
Centenarios (a idade da tripulación sumada será de polo menos 100 anos; chegada en Llovio)
Están divididos en homes, damas (sénior, júnior e cadetes) e mixtas (estas últimas con chegada en Llovio e clasificación única)
Modalidades
K1
K2
C1
C2
RR (kaiak de augas bravas sen temón; chegada en Llovio e clasificación única)
A Festa das Piraguas
Ao redor do descenso do Sella vénse celebrando a «Festa das Piraguas», declarada Festa de interese turístico internacional, o venres noite en Arriondas e o sábado noite en Ribadesella. Estas dúas cidades quedan tomadas polos campistas e os visitantes de todas partes de España e ata o estranxeiro e os seus centros urbanos quedan cortados ao tráfico e tomados por riadas de xente.
FEVE pon ese día a disposición dos afeccionados o «Tren Fluvial» que partindo de Arriondas realiza un percorrido paralelo ao río por onde transcorre a carreira con paradas en distintos puntos para poderse baixar a mirar de cerca a carreira.
Coa chegada do Tren Fluvial iníciase un particular desfile por Arriondas con vehículos engalanados e grupos folclóricos. Xusto antes da hora da saída, entóase o Asturias, patria querida e logo o Tren Fluvial e a caravana de coches segue o descenso polas marxes do río.
Tras a chegada, sérvese unha típica comida asturiana nos Campos de la Oba (Llovio) composta de fabes e arroz con leite e realízase a entrega de trofeos.