Marco Terencio Varrón (en latín: Marcus Terentius Varro), nado en Rieti en -116 e finado en -27, foi un polígrafo, militar e funcionario romano, orixinario da orde ecuestre.
Traxectoria
Lugartenente de Pompeio durante a guerra civil en -49, chegou a ser pretor. Obtido o perdón de Xulio César, foi nomeado por este director das primeiras bibliotecas públicas de Roma. Á morte de Xulio César, confiscáronlle os seus bens por orde de Marco Antonio, que o declarou fóra da lei, pero finalmente Octavio restituíullos. Abandonou entón por completo a carreira militar para dedicarse ao saber e á escritura.
Foi membro da gran burguesía conservadora. Foi un importante político, militar e literato. Destacou pola súa cultura e as súas obras literarias sobre a agricultura.
Obra
Amigo de Cicerón e discípulo de Lucio Elio Estilón está considerado un dos máis grandes anticuaristas romanos e escribiu, segundo as diferentes tradicións, entre 490 e 620 obras das que se coñecen os títulos de 55, aínda que só se conserva unha completa, De re rustica (Das cousas do campo) composta de tres libros e publicada en -37. Á parte de De lingua latina do resto só se conservan citas fragmentarias.[1]
Un aspecto destacábel da obra é a anticipación da microbioloxía e a epidemioloxía. Varrón advertiu aos seus contemporáneos que evitasen os pantanos e as marismas, xa que en ditas áreas "hai unha raza de certas criaturas diminutas que non se poden ver polos ollos, pero que flotan no aire e entran ao corpo pola boca e o nariz e causan enfermidades graves".[2]
De lingua latina
Desta obra consérvanse parcialmente 6 dos 25 volumes que a compuñan orixinalmente.
Controversia entre anomalistas e analoxistas.
Ensaio amplo do latín: etimoloxía, morfoloxía e sintaxe.
Significado das palabras. A súa construción. Para Varrón, o home creou as palabras porque se atopa accións ou obxectos cotiáns que requiren que lles poña un nome. A partir destas palabras primitivas, vanse creando outras palabras posteriores (Varrón está a explicar, en definitiva, como se crea unha lingua). Desde un punto de vista actual, esta idea si que ten algo de fundamentación en relación coa adquisición da linguaxe.
A Varrón débese a primeira distinción entre formación por flexión (morfoloxía flexiva) e formación por derivación (morfoloxía derivativa).
Variación das palabras pola súa propia natureza. Variación obrigatoria, por exemplo, os morfemas de xénero e número (flexión).
A variación por derivación non é obrigatoria. Ex: Casiña. Se non existe o morfema –iña, segue existindo a palabra casa.
Clasificación das partes da oración segundo o criterio do caso e o tempo:
PARTICIPIO (ten caso e tempo).
VERBO (non ten caso pero si tempo).
NOME (nesta categoría incluíase tamén o adxectivo, ten caso pero non tempo).
ADVERBIO (non ten caso nin tempo).
Listaxe de obras
Completas
De lingua latina, libri XXV [Sobre a lingua latina, en 25 libros (consérvanse 6)]: referencia para os gramáticos latinos
Rerum rusticarum libri III (Tópicos de Agricultura en tres libros): dirixidos á súa esposa Fundania: a arte do agricultor, as mandas, a economía rural
Perdidas
Saturarum Menippearum libri CL (Sátiras Menipeas en 150 libros): sátiras imitadas do filósofo cínico Menipeo de Sínope.
Antiquitatum rerum humanarum et divinarum libri XLI: algunhas partes das Antigüidades serviron de referencia aos Pais da Igrexa cristiá en temas de relixión romana pagá.
Varrón, Marco Terencio. La lengua latina. Obra completa. Madrid: Gredos. ISBN 978-84-249-1895-8., Marco Terencio (1998). Obra completa. Madrid: Gredos.
Varrón, Marco Terencio. De las cosas del campo (De re rustica) (2ª ed.). Universidad Nacional Autónoma de México. ISBN968-36-1701-8., Marco Terencio (1992). De las cosas del campo (De re rustica). ed. de Domingo Tirado Benedí (2ª edición). México, D. F.: Universidad Nacional Autónoma de México.