Marco Ferreri, nado en Milán o 11 de maio de 1928 e finado en París o 9 de maio de 1997 foi un director de cinema, guionista e actor italiano.
Traxectoria
Ferreri entrou no mundo do cinema a través da realización de curtametraxes publicitarias. Máis tarde dedicouse á produción e chegou a España como representante comercial dos obxectivos Totalscope, versión italiana dos CinemaScope estadounidenses. En España coñeceu a Rafael Azcona, co que colaborou en El pisito (1959) e El cochecito (1960), dúas comedias marcadas por un feroz sarcasmo antiburgués.
De volta a Italia, Ferreri seguiu a súa carreira con L'ape regina (1962), sátira anticatólica que foi censurada mesmo no título, modificado debido á crítica que facía sobre a institución do matrimonio.
En La donna scimmia, de 1963, falou sobre as relacións entre os sexos dominadas pola explotación do máis débil. O final tamén foi censurado, desta vez pola decisión do produtor Carlo Ponti. Máis adiante realizou o episodio Il professore dentro do filme colectivo Controsesso en 1964 e o conto antimachista L’harem (1967). Porén, a que seconsidera a súa obra mestra é Dillinger è morto (1969), un ensaio sobre a soidade do home contemporáneo na sociedade capitalista.
Rodou despois a triste alegoría sobre o futuro Il seme dell'uomo (1970), conto kafkiano anticlerical, e L'udienza (1971). Máis tarde, realizou unha curiosa e case surrealista relectura da derrota do xeneral Custer en Little Big Horn chamada Non toccare la donna bianca (1975).
Cando acadou de novo o cume foi grazas á adaptación do conto de François Rabelais La grande abbuffata (1973), que anticipou a furia iconoclasta de Salò o le 120 giornate di Sodoma de Pier Paolo Pasolini. Desde entón pódense citar obras como L'ultima donna (1976) e La casa del sorriso (1988).
Filmografía como director
Filmografía parcial como actor
Véxase tamén
Ligazóns externas