A redacción textual da Lei Sálica é: Nulla portio hæreditatis de terra salica mullieri venial, sed ad virilem sexum tota hæredita.
Regulación da sucesión monárquica
Unha parte moi concreta deste código sobreviviu os reis francos e perviviu na historia europea durante varios séculos: trátase daquela que prohibía que unha muller herdase o trono de Francia e, mesmo, que puidese transmitir os seus dereitos ao trono aos seus descendentes varóns. Actualmente, a lei sálica non está en vigor en ningunha monarquía europea e o que determina a sucesión é o criterio da maior idade, con independencia do seu sexo; é dicir por primoxenitura estrita. Así e todo, nas monarquías española, británica e o monegasca actúa neste momento a chamada Lei agnaticia (diferente da sálica), que sitúa as mulleres na sucesión ao trono detrás dos seus irmáns homes, aínda que estes sexan de menor idade.
A Lei sálica orixinal outorgaba, en realidade, un papel preponderante a un xefe de guerreiros na sucesión ao trono: establecía que o acceso a este lle correspondía ao fillo home da irmá do rei, o que supuña un medio de asegurar un xefe de guerreiros no poder. En efecto, seguindo a lóxica sálica, nunca se podía estar completamente seguro de se o fillo da muller do rei levaba realmente o sangue do rei e tampouco era seguro que o fillo da irmá do rei levase sangue real, pois a nai do rei tamén podía ser infiel ao seu pai ao concibir a súa irmá. A razón debe procurarse en que os homes da nobreza recibían adestramento no manexo das armas desde unha idade temperá e, naquela época, o rei, o primeiro dos nobres, combatía á fronte das súas tropas con certa frecuencia. Isto facía preferible un suposto home da familia real fronte a unha suposta filla do rei.[5]
A Lei sálica sucesoria en Francia
Esta lei deixouse de aplicar entre os francos occidentais desde a ascensión ao trono de Hugo Capeto en 987, e nunca xurdiu problema sucesorio de ningún xénero, pois todos os reis da dinastía dos Capetos deixaron sempre un fillo home herdeiro. Non foi ata 1316 cando se suscitou por primeira vez este tipo de problema: o rei Lois X morría este ano, deixando unha única filla de cuxa paternidade se dubidaba (a súa nai e primeira esposa do rei fora encarcerada por adulterio), e a súa segunda esposa embarazada. O fillo que ía nacer, de ser neno, sería rei, pero de ser nena, non se sabía ben que ocorrería. Foi entón cando o rexente, Filipe de Poitiers (irmán máis novo de Lois X), tivo a iniciativa de promover e promulgar esta lei, segundo a cal as mulleres non poderían ser raíñas de Francia. Cando a raíña viúva deu finalmente a luz un home, este converteuse inmediatamente en rei co nome de Xoán I de Francia, e cando este rei neonato morreu inesperadamente ao cinco días de nacer, o seu tío o rexente, en virtude da lei que se acababa de aprobar, converteuse no rei Filipe V de Francia. A crise sucesoria foi así resolta cun dubidoso sentido ético, pero eficaz. Nesta primeira época, a lei aprobada por Filipe de Poitiers (Filipe V) foi coñecida como "Lei dos homes", e foi a mesma que motivou que, en 1322, se apartasen da sucesión as catro fillas de Filipe V en favor do irmán deste, Carlos IV.
Cando Carlos IV morreu, en 1328, Francia atopouse coa mesma situación de 1316, dado que o monarca falecido deixaba dúas fillas e unha raíña viúva embarazada, aínda que nesta ocasión os parentes homes máis próximo eran: o rexente, Filipe de Valois, que era curmán paterno, e o que se acababa de proclamar rei Eduardo III de Inglaterra, que era sobriño materno, por ser fillo de Isabel de Francia, irmá de Carlos IV, Filipe V e Lois X.
Para resolver a situación e evitar, ademais, o perigo da absorción da coroa francesa pola inglesa, os Estados Xerais fixeron a derradeira modificación que coñeceu a nova lei sucesoria: segundo esta, as mulleres estarían privadas para gobernar o reino, pero tamén para transmitir os dereitos sucesorios aos seus descendentes. Deste xeito, cando a raíña viúva Xoana de Evreux deu a luz finalmente outra nena, Filipe de Valois converteuse inmediatamente en Filipe VI de Francia. Esta modificación provocaría, con todo, o estoupido da moi sanguenta Guerra dos Cen Anos, dado que Eduardo III, que ao principio non se interesara por este asunto declarou máis tarde que a nova lei de sucesión francesa era fraudulenta e reclamou ter maiores dereitos ao trono francés por ser el o único neto home vivo de Filipe IV de Francia.
A Lei sálica sucesoria estivo vixente en Francia ata a Revolución Francesa, e despois dela durante a restauración borbónica, de 1815 a 1830. Os reis que foron proclamados en virtude desta lei foron:[6]
Filipe V, á morte de Xoán I, o seu sobriño, en detrimento da irmá deste, a futura Xoana II de Navarra, filla de Lois X.
Carlos IV, á morte de Filipe V, o seu irmán, que deixaba catro fillas.
Filipe V, á morte de Carlos IV, o seu curmán, que deixaba dúas fillas.
Francisco I, á morte de Lois XII, o seu curmán en segundo grao, e en detrimento da súa propia esposa Claudia, filla de Lois XII.
Henrique III, rei de Polonia, á morte do seu irmán Carlos IX, que deixaba unha filla.
Henrique IV (descendente por liña paterna directa do rei Lois IX), á morte de Henrique III, o seu cuñado.
Lois XVIII, pola morte en prisión do seu sobriño o Delfín (coñecido como Lois XVII aínda que nunca reinou), en detrimento da irmá deste, María Tareixa, filla de Lois XVI.
A cuestión sucesoria en España
O rei Filipe V non instituíu a lei sálica sucesoria monárquica en España, como ás veces se asegura erradamente, xa que ao instituir a lei da "Agnación Rigorosa" só se privaba as mulleres da sucesión cando houbese "léxítimos descendentes homes", mentres que a Lei Sálica as excluiríoa absolutamente, en todos os casos.
O rei Filipe V, ao subir ao trono tras a Guerra de Sucesión Española, tivo a intención de establecer en España a Lei Sálica, vixente daquela en Francia, e presentou o proxecto ás Cortes de Castela en 1713, que acabaron por rexeitalo. Congregadas as Cortes en Madrid desde o 5 de novembro de 1712, promulgou con elas o 10 de maio de 1713 o "Regulamento de sucesión", que ao cabo se coñeceu como "Lei de sucesión fundamental", segundo a cal as mulleres poderían herdar o trono, aínda que unicamente de non haber herdeiros homes na liña principal (fillos) nin na lateral (irmáns e sobriños).[7]
Ulteriormente, ao pouco de coroarse o rei Carlos IV, este fixo que as Cortes aprobasen en 1789 unha disposición para derrogar a lei e volver ás normas de sucesión establecidas polo código das Partidas. Con todo, a pragmática sanción real non chegou a ser publicada ata que o seu fillo, Fernando VII, a promulgou en 1830, desencadeando o conflito dinástico do Carlismo.
Esta distinción significante entre a Lei sálica e a Lei de sucesión é fundamental para comprender a pretensión xurídica ao trono de España do irmán de Fernando VII, o infante Carlos, ao cal tería lexitimamente dereito en función da Lei de sucesión fundamental promulgada por Filipe V, mentres que coa restauración do compendio de Afonso X (as Sete Partidas), o dereito sería para a súa filla Isabel.
A Constitución española de 1978 dálle vixencia á esencia desta mesma pragmática de 1830, ao recollela no seu artigo 57, nestes termos: "A sucesión no trono seguirá a orde regular de primoxenitura e representación, sendo preferida sempre a liña anterior ás posteriores; na mesma liña, o grao máis próximo ao máis remoto; no mesmo grao, o home á muller, e no mesmo sexo, a persoa de máis idade á de menos".[8]
A cuestión sucesoria en Hungría
En Hungría, desde a fundación do reino no ano 1000 foi innecesaria a aplicación desta lei, xa que toda a dinastía de Árpad contou sempre con membros homes vivos nos momentos en que a sucesión foi necesaria. De xeito diferente ao reino francés, onde existía a tradición da primoxenitura (a coroa pasaba de pai a fillo obviando os demais membros da Casa Real), o trono húngaro adoitaba pasar ao membro de maior idade na familia que estivese vivo para o momento do falecemento do rei, cumpríndose coa tradición do senioratus (irmáns e curmáns herdaban o trono se o fillo do rei era menor ca eles). Con todo, a extinción de membros homes desta casa reinante en 1301 conduciu a un gran caos, cando o rei André III (1250-1301) morreu sen fillos.
Obviándose totalmente a Lei sálica, xurdiron de inmediato varios aspirantes ao trono húngaro, todos por vía materna. Deste xeito sucedéronse, entre 1301 e 1342, os pretendentes Venceslau III de Bohemia, Otón III e Carlos I.
Anos máis tarde, a bisnieta de Carlos I e filla de Lois O Grande (1326-1382), María I (1371-1395), foi coroada raíña húngara tras a morte do seu pai en 1382. Con isto, obviouse por completo a sucesión agnática contida na lei sálica, onde se estipulaba que as mulleres non podían ser coroadas como raíñas. Con todo, María non tivo fillos e finalmente o trono acabou nas mans do seu home, Sexismundo de Luxemburgo, en 1387.
Por outra banda, a mesma sucesión agnática tampouco se consumou en Polonia (Lois I de Hungría obtivo o trono polaco nos derradeiros anos do seu reinado), posto que a outra filla de Lois o Grande foi coroada como Heduvixes I de Polonia. Tras a morte de Eduvixes, o seu home, Ladislau III conservou a coroa e tomou unha nova esposa, fundando unha nova dinastía nese reino.
A Lei sálica sucesoria en Suecia
En Suecia, o rei Carlos XIII, ao carecer de descendencia, fixo aprobar a Lei sálica en 1810 para poder controlar a herdanza do seu trono; deste xeito, fixo nomear herdeiro en primeiro lugar o príncipe Cristián de Augustenborg e, tras a morte deste, o mariscal Jean Baptiste Bernadotte. A lei mantívose en vigor ata que o Parlamento sueco a derrogo en 1979 para proclamar herdeira a princesa Vitoria.
↑Guillot, O. La justice dans le royaume franc à l'époque mérovingienne, Settimane del CISAM, Spolète, 1955, II. P. 677 (en francés)
↑Drew, K. The laws of the Salian Franks (Pactus legis Salicae). University of Pennsylvania Press. Philadelphia, 1991. [ISBN 0-8122-8256-6] (en inglés)
↑Fosberry, J. Criminal Justice through the Ages, English trans. John Fosberry. Mittalalterliches Kriminalmuseum, Rothenburg ob der Tauber, 1993. Páxina 7 (en inglés)