Juliana Rotich é unha profesional das tecnoloxías da información que desenvolveu ferramentas de web para solucionar crises informativas por medio do crowdsourcing e para cubrir temas relacionados co medio ambiente.[1] Foi a directora executiva de Ushahidi, un proxecto de software de código aberto que utiliza xeolocalización colaborativa, teléfono móbil e datos web para proporcionar medios de comunicación no medio dunha crise informativa.
Traxectoria
Rotich é de Kenya. Ten un grao en tecnoloxías da información pola Universidade de Missouri e traballou no eido da industria das tecnoloxías da infomación por máis dez anos.
Foi a directora executiva de Ushahidi até setembro do 2015, cando deixou a organización para perseguir outros intereses.[2]
"Ushahidi" É a palabra en suahili para "testemuño". Ushahidi foi posto en práctica por vez primeira durante a crise de elección presidencial kenyana de 2007-8. Dende entón foi utilizado en Chile, Xapón, Nova Zelandia, Australia, Paquistán, Tanzania, e Haití.[3][4]
Como blogueira, é autora de artigos en Afrigadget.com, vén actuando como editora medioambiental de Global Voces Online (en galego: Voces globais en liña) e participou na conferencia TED en Arusha en 2007. Como oradora, é coñecida polos seus comentarios sobre a tecnoloxía en África e por expresar as súas preocupacións sobre a perda de bosque indíxena e das áreas de captación de auga en Kenya. É unha socia sénior de TED.[5]
En 2011, Rotich foi nomeada empresaria social da Fundación Schawb do ano en África polo Foro Económico Mundial.[6] En 2013 recibiu o Impact Award na conferencia DLDwomen 2013 celebrada en Múnic.[7] En 2014, Rotich presentou a Conferencia anual do deseño Indaba en Cidade de Cabo.[8]
En 2017 participou no cumio W20 en Berlín, Alemaña, na que participou nunha mesa redonda xunto coa chanceler Angela Merkel, a directora do FMI Christine Lagarde, a raíña Máxima dos Países Baixos, a ministra canadense de asuntos exteriores,Chrystia Freeland, Ivanka Trump entre outras, representando ao BRCK.[9]
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas