José Antonio Souto Paz, nado en Pontevedra o 9 de outubro de 1938 e finado en Madrid o 8 de setembro de 2017, foi un xurista e político galego.
Traxectoria
Catedrático de Dereito Canónico da Universidade de Santiago de Compostela, doutorouse nas Universidades de Navarra e Roma. Entre 1973 e 1975 dirixiu o Centro Rexional de Galicia da Universidade Nacional de Educación a Distancia. Entre 1975 e 1979 foi decano da Facultade de Dereito da USC. Foi profesor do Instituto de Derechos Humanos da Universidade Complutense de Madrid, e desde 1982 da UNED.
Acadou a alcaldía de Santiago de Compostela logo de presentarse ás eleccións municipais de 1979 nas listas da UCD e presidente da Asemblea de Alcaldes de Galicia (1979). Mantívose na alcaldía ata a súa renuncia en setembro de 1981. Foi vocal nunha Comisión do Consello de Europa (1979-81), director do departamento de asesoría xurídica do CDS, asesor de educación e cultura do Defensor do Pobo (1986-88) e membro da xunta de goberno do Colegio de Abogados de Madrid (1988-89). Nas eleccións xerais de 1989 foi elixido deputado pola provincia da Coruña nas listas do CDS.
Como investigador e catedrático, fixo achegas nos eidos do Dereito Canónico e Administrativo, Teoría da Organización e Dereito Matrimonial, amais de dirixir varias teses.
Obra
- La noción canónica de oficio (1971)
- El proyecto de Ley Fundamental de la Iglesia (1971)
- Derecho Canónico (1973, con outros autores)
- Notas para una interpretación actual del Derecho Canónico (1973)
- Derecho Canónico (1974, con outros autores)
- Corso di Diritto Canonico (1975, con outros autores)
- La norma canónica (1979, dous volumes, en colaboración con outros autores)
- Derecho Canónico I. Derecho Canónico y Derecho Eclesiático del Estado (1983)
- Derecho Canónico II. Derecho Matrimonial (1984)
Véxase tamén
Outros artigos