Inês Guimarães, nada o 14 de maio de 1998, é unha matemática, youtubeira e divulgadora portuguesa. É coñecida como MathGurl, o nome da súa canle de YouTube, onde presenta asuntos matemáticos de xeito simplificado.
Traxectoria
Inês Guimarães naceu en Guimarães (Portugal) o 14 de maio de 1998. Achegouse ao mundo das matemáticas cando estudaba o sétimo curso. Conseguiu unha medalla de prata nas Olimpíadas Portuguesas de Matemática. En 2016, matriculouse na licenciatura de Matemáticas da Universidade do Porto.[1]
En 2015, creou a súa canle de YouTube, na cal aborda as matemáticas dun xeito sinxelo e con humor. Participou tamén en varias Ted Talks.[1] No ano 2018, atinxiu máis de un millón e medio de visualizacións,[2] chegando aos cen mil subscritores en 2021, grazas especialmente ao público brasileiro.[3]
En 2019, foi madriña do Global Teacher Prize de Portugal, un dos principais premios do ámbito educativo.[4] Nese mesmo ano, anunciou a fin da súa canle, mais finalmente só diminuíu o ritmo de publicacións,[5] priorizando os vídeos curtos en plataformas como Instagram.[6]
Posteriormente, obtivo un mestrado en Matemáticas pola súa alma máter, para despois principiar estudos de Ciencias da Computación na Universidade do Minho.[6]
Obras
En 2018, publicou o libro Desafios Matemáticos Que Te Vão Enlouquecer, onde aborda temas de teoría dos números e xeometría.[2]
En 2020, estreou unha serie na plataforma RTP Play, Matemática Salteada, de 7 episodios, na que tratou o teorema de Pitágoras ou os números fractais, entre outros conceptos.[7]
Notas