O Instituto Nacional de Colonización (INC) foi un organismo creado en España en outubro de 1939 na posguerra, dependente do Ministerio de Agricultura. A súa creación estivo motivada pola necesidade de efectuar unha reforma tanto social como económica da terra, despois da devastación da guerra civil española.
O obxectivo principal do mesmo era transformar o espazo produtivo mediante a reorganización e reactivación do sector agrícola e o incremento da produción agrícola con vistas aos plans autárquicos da época mediante o aumento de terras de traballo e a superficie de rega.
Para a conversión desas amplas terras de secaño en zonas de regadío, emprendeuse a realización de quenllas, pantanos e importantes canles que cambiaron e configuraron en gran medida a paisaxe rural, principalmente de Andalucía e Estremadura.
Entre todas estas canles cómpre apuntar a canle do Baixo Guadalquivir, co que se quixo levar auga ás zonas de marisma e secaño do baixo Guadalquivir. A súa construción, xa planificada dende comezos do século XIX, puido levarse a cabo grazas ao programa de redención de penas por traballo implantado polo franquismo, un sistema que lle permitiu utilizar multitude de presos políticos.
Os criterios e políticas do INC estiveron marcados pola Lei de Bases de Colonización de Grandes Zonas Regables, promulgada en 1939, e mais pola lei do 25 de novembro de 1940 sobre a Colonización de Interese Local, que permitía ao INC financiar aqueles proxectos de transformación de zonas de secaño a regadío. A estas dúas primeiras sumaríase o Decreto de 1942 que autorizaba o INC para adquirir leiras voluntariamente ofrecidas polos seus propietarios. En 1946 promulgaríase a Lei de Expropiación de leiras rústicas consideradas de interese social, a cal posibilitaba baixo previa indemnización, a expropiación de leiras susceptibles de colonización. O seu desenvolvemento definitivo virá coa Lei de Colonización e Distribución da Propiedade das Zonas Regables, de abril de 1949, a cal clasificaba a terra en:
Terras exceptuadas: aquelas que xa foran postas en rega, así como as que estivesen en proceso de transformación por parte do propietario, antes de que comezase a actuación do INC. Estas quedaban exentas da expropiación. Tan só se precisaba unha pequena mellora na leira para que toda ela fose apartada da actuación do INC.
Terras reservadas: aquelas onde o INC podía ofrecer a axuda necesaria para a súa transformación en regadío de man do propietario, podendo intervir no caso de que o propietario non actuase conforme a estes plans.
Terras en exceso: as terras que estarían destinadas para a instalación dos colonos en unidades familiares de explotación. Os criterios de admisión dos colonos baseábanse en cuestións relacionadas cos niveis de renda e a carencia de leiras rústicas aínda que ás veces podían proceder de expropiacións ou das vilas asolagados polos pantanos creados para pór as súas terras en regadío. Así mesmo, era necesaria a presentación dun certificado de penais. A cada colono entregábaselle unha parcela de catro a oito hectáreas cun período provisional de “tutela” de cinco anos, durante o cal era obrigatorio seguir estritamente o plan de explotación do lote. O INC achegaba sementes, fertilizantes, insecticidas, gando vacún e cabalar, e un anticipo das contribucións e renda da terra. O custo de todo iso debíao reintegrar o colono cunha determinada porcentaxe sobre a produción. Tras a tutela, debía amortizar o valor da terra a un interese do 3 % anual, estabelecéndose os prazos entre 15 e 25 anos para a terra e 40 anos para a vivenda. Tras a satisfacción da cantidade total expedíase o “título de propiedade” da parcela e a casa.[1]
Nestas leiras sometidas a proceso de expropiación, os propietarios tiñan dereito a unha reserva sobre elas deste tenor: os propietarios con menos de 30 hectáreas seguían coa propiedade de toda a súa superficie; das leiras entre 30 e 120 hectáreas reservábanselles 30; e por último, os propietarios con máis de 120 hectáreas podían manter un cuarto da súa superficie.
Unha disposición anexa da lei estabelecía que o propietario podía reservar un número de 30 hectáreas máis por cada fillo. As indemnizacións pola expropiación foron moi altas e pagas en metálico inmediatamente.
En definitiva todas estas políticas de reconversión de terras de secaño en espazos regados acabaron beneficiando os grandes terratenentes do momento quen, en troques de perder unha pequena parte das súas terras, normalmente as de peor calidade, na expropiación das terras en exceso destinadas aos colonos, lograban unha importante revalorización da maior parte das súas leiras.[2]
Localización xeográfica
Entre os anos 1945 ao 1970 o INC construíu en España máis de 300 vilas de colonización[3] que albergarían unhas 55 000 familias, feito que se converteu nun dos maiores movementos migratorios promovidos polo Estado español no século XX.
Asentáronse principalmente nas concas fluviais, creando unha estrutura rexional ao redor dos principais ríos: Douro, Texo, Guadiana, Guadalquivir e Ebro. Moitas destas vilas tomarían o seu nome do río do cal tomaba o regadío, seguido do engadido del Caudillo ou outras referencias ao ditadorFrancisco Franco. Coa chegada da democracia gran parte destas referencias elimináronse, aínda que aínda perviven algúns deles. Hai outras vilas cuxo nome non deriva dun río como Llanos del Caudillo ou Bardena del Caudillo.
Cada rexión albergaba delegacións que habitualmente se correspondían con algunha capital de provincia, aínda que tamén se instalarían en grandes poboacións como Talavera de la Reina (Texo) ou Xerez da Fronteira (Guadalete). Este tipo de vilas repártense por 27 provincias peninsulares, así como unha pequena actuación na illa de Ons pertencente a Pontevedra.
↑Villa, Águeda; Ojeda, Juan Francisco (2005). "Investigación. Paisajes coloniales en el Bajo Guadalquivir. Origen, evolución y carácter patrimonial". PH Boletín del Instituto Andaluz del Patrimonio Histórico: 48. ISSN2340-7565.
Lucía Palacios e Dietmar Post (Directores) (2013). Los colonos del Caudillo (Documental). Alemania, España. Escena en 112 min. Consultado o 29 de decembro de 2013.
Clemente Trujillo Toro, Celia Díaz-Catalán e Javier Ramos Ruiz (Directores) (2013). Memoria del Algodón (Documental). España. Escena en 50 min. Consultado o 29 de decembro de 2013.
Alagón Laste, José María (2014). "El pueblo de El Temple (Huesca): Colonización, historia y arte". Huesca: Instituto de Estudios Altoaragoneses.
Alagón Laste, José María (2014). "¿Viviendas aisladas o núcleos urbanos? Modelos urbanísticos del Instituto Nacional de Colonización en Aragón: la zona de Monegros-Flumen (Huesca)". Norba. Revista de Arte. XXXIV: 221–247.
Guarc Pérez, José (2007). "El Instituto Nacional de Colonización y su actuación en Cinco Villas". En N. Asín García (Coord.). Comarca de las Cinco Villas (Colección Territorio, nº 25)(PDF). Zaragoza: Diputación General de Aragón, Dpto. de Presidencia y Relaciones Institucionales. pp. 142–152. ISBN978-84-8380-037-9. Arquivado dende o orixinal(PDF) o 23 de setembro de 2015. Consultado o 23 de decembro de 2014.
Gutiérrez Molina, José Luis Ángel; Río Sánchez, Ángel del; Acosta Bono, Gonzalo; Martínez Macías, Lola (2004). El canal de los presos, 1940-1962: Trabajos forzados: De la represión política a la explotación económica. Barcelona: Crítica. ISBN978-84-8432-537-6.
Monclús, F.J.; Oyón, J.L. (1988). Colonización agraria en España, 1855-1973. Políticas y técnicas en la ordenación del espacio rural. Madrid: Ministerio de Agricultura - MAP - MOPU. ISBN84-7088-496-4.
Rabasco Pozuelo, Pablo (2008). Arquitectura social en la provincia de Córdoba; 1930-1975: Los poblados de colonización (Tesis doctoral inédita, Universidad de Córdoba). Córdoba: [s.n.]
Rabasco Pozuelo, Pablo (2011). "Las influencias extranjeras en la arquitectura y urbanismo del Instituto Nacional de Colonización". Goya: Revista de arte (336): 254–269. ISSN0017-2715.