Ignacio Bolívar y Urrutia, nado en Madrid o 9 de novembro de 1850 e finado en Cidade de México o 19 de novembro de 1944, foi un naturalista e entomólogo español, investigador e impulsor do desenvolvemento da ciencia biolóxica.[1]
Traxectoria
Licenciouse en Dereito e doutorouse en Ciencias Naturais e en 1875 obtivo praza de profesor na Universidade Central de Madrid, onde foi designado catedrático de Entomoloxía en 1877. Vinculado ao krausismo, presidiu a Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas de Madrid e a Real Sociedad Española de Historia Natural e foi membro da Real Academia Española (1930), da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales (1944) e de diversas sociedades científicas de Europa e América. Tamén foi director do Museo de Ciencias Naturales e do Real Jardín Botánico de Madrid. Aos 89 anos marchou ao exilio (en 1939) a México, xunto co seu fillo, tamén entomólogo, Cándido Luis Bolívar y Pieltáin. Neste país foi nomeado Doutor honoris causa pola Universidade Nacional Autónoma de México despois dunha extraordinaria labor académica e de colaboración científica que mantivo durante cinco anos, o tempo que pasou dende a súa chegada ata o seu pasamento, á idade de 94 anos.[2]
Consagrouse principalmente ao estudo da entomoloxía, na que acadou un gran prestixio internacional. Neste campo escribiu máis de 300 libros e monografías e descubriu máis de mil especies novas e uns 200 xéneros novos. Ademais, animou a adicarse á entomoloxía a grandes científicos como José María de la Fuente e Eugenio Morales Agacino.[3]
Fundou en México en 1940, con outros exiliados españois, a revista Ciencia, revista que é, a partir de 1980, o órgano oficial da Academia Mexicana de Ciencias. Tamén foi presidente da Unión de Profesores Universitarios Españoles en el Extranjero.[2] Entre as súas obras máis importantes figuran: Ortópteros de España nuevos o poco conocidos (1873) e Catálogo sinóptico de los ortópteros de la fauna ibérica (1900).
O 30 se xaneiro de 2019 foi rehabilitado polo goberno, devolvéndolle o diploma académico arrebatado polo réxime de Franco.[4]
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas