Gustavo VI Adolfo foi rei nunha época onde a institución monárquica perdera case todo papel na vida política sueca. Foi a súa popularidade o que permitiu que a monarquía se mantivese como unha forma de representación histórica e cultural.
Primeiros anos
Gustavo Adolfo naceu o 11 de novembro de 1882, fillo de Gustavo e Vitoria, naquel momento príncipes herdeiros de Suecia e Noruega. Ao seu nacemento outorgóuselle o título de duque de Escania. Parte da súa infancia pasouna no castelo da illa de Mainau, a residencia dos seus avós maternos en Alemaña, e na residencia da súa avoa materna, a raíña Sofía, o Palacio de Ulriksdal.
A principios de 1905, Gustavo Adolfo estivo no Cairo, onde coñeceu a Margarida de Connaught, a filla máis vella do duque de Connaugth, na celebración do aniversario do khedive Abbas de Exipto. Catro semanas despois comprometeuse con Margarida e en xuño do mesmo ano, a parella casou no Castelo de Windsor. Como regalo de vodas, os príncipes recibiron o Castelo Sofiero de mans do rei Óscar II. Do matrimonio naceron cinco fillos.
A princesa Margarida enfermou e faleceu no verán de 1920. Nos anos da súa viuvez, o príncipe Gustavo Adolfo emprendeu varias viaxes polo estranxeiro. En 1923, en Inglaterra, coñeceu á que sería a súa segunda esposa, Luísa Mountbatten, filla do marqués de Milford Haven e bisneta da raíña Vitoria de Inglaterra.
Con Luísa comprometeuse o 1 de xullo de 1923 e contraeu matrimonio o 3 de novembro do mesmo ano en Londres.
Reinado
Tras a morte do rei Gustavo V o 29 de outubro de 1950, Gustavo Adolfo adquiriu o título de monarca de Suecia. Foi o primeiro rei sueco desde a chamada Era da Liberdade (1719-1772) sen poder político.
Gustavo VI Adolfo gozou de boa reputación durante o seu reinado. Era un home sinxelo que refugaba a solemnidade e gustáballe pasear pola rúa como cidadán común, ademais das súas inclinacións culturais moi claras. A súa popularidade fixo que a opinión pública se inclinara por manter a monarquía en Suecia, aínda que de modo nominal. A nova constitución, non obstante, non vería a luz até 1975, despois da morte do monarca, cando se lle retiraron á institución monárquica a maior parte dos seus poderes no marco do estado democrático.
Gustavo VI Adolfo foi coñecido por ser un entusiasta afeccionado en diversos eidos do coñecemento. Viaxaba regularmente a Italia para tomar parte en escavacións de investigación arqueolóxica. Tamén participou en expedicións a Grecia e a China. Foi aceptado como membro honorífico da Academia Británica en 1953. Realizou unha viaxe diplomática a Estados Unidos en 1927. Visitou os residentes suecos en Estonia en 1931. Foi presidente da Real Federación Deportiva Sueca e fundou o Instituto Sueco en Roma. Durante o seu reinado efectuouse a recuperación do navío de guerra Vasa, no cal mostrou un grande interese.
Cando contaba con 90 anos, o rei enfermou seriamente en agosto de 1973. A súa saúde atopábase bastante minada como resultado de varias afeccións: pneumonía, úlcera gástrica, fibrilación auricular e insuficiencia renal. Faleceu o 15 de setembro de 1973 no hospital de Helsingborg, rodeado dos seus familiares máis achegados. A data de falecemento do rei coincidiu cunha época turbulenta en Suecia, na que se inclúe o roubo de Norrmalmstorg e a fin das campañas políticas rumbo ás eleccións parlamentarias. Foi sucedido polo seu neto de 27 anos, o príncipe Carlos XVI Gustavo.
Intereses
Desde a súa adolescencia Gustavo Adolfo participou en investigacións arqueolóxicas. Xa de adulto, a arqueoloxía sería a disciplina onde destacaría de forma máis evidente. Participou en expedicións arqueolóxicas en Suecia, Exipto, Italia, Grecia e a China. De maneira autodidacta, foi un gran estudante de historia, arte chinesa e arquitectura. Outros intereses eran a botánica e a xardinería. No palacio Sofiero, a súa residencia estival, cultivou flores do xénero Rhododendron, das que sería un gran coleccionista. Gustáballe a vida ao aire libre, practicaba tenis e golf, e tivo unha casiña na Laponia onde practicaba a pesca.