Freya Madeleine Stark, Mrs Perowne[1], nada o 31 de xaneiro de 1893 en París, Francia e finada o 9 de maio de 1993 en Asolo, Italia, foi unha exploradora e escritora británica. Escribiu máis dunha ducia de libros das súas viaxes a Oriente Medio e Afganistán, así como varias obras autobiográficas e ensaios. Foi unha das primeiras persoas non árabes en percorrer o sur do Deserto de Arabia.
Primeiros anos e estudos
Freya Stark naceu o 31 de xaneiro de 1893 en París,[2] onde os seus pais estaban a estudar arte.[3] A súa nai, Flora, era italiana de familia polaca-alemá; o seu pai, Robert, era un pintor inglés orixinario de Devon.[4] Stark pasou a maioría da súa infancia no norte de Italia, xa que Pen Browning, un amigo do seu pai, tiña tres casas da súa propiedade en Asolo. A súa avoa materna viviu en Xénova.[5]
O matrimonio dos seus pais non foi ben desde o principio e se separaron cando Freya era aínda pequena. A biógrafa de Stark, Jane Fletcher Geniesse —citando á curmá de Freya, Nora Stanton Blatch Barney— asegura que o pai biolóxico de Freya era "un home novo adiñeirado proveniente dunha familia de Nova Orleáns" chamado Obediah Dyer. Non hai ningunha corroboración coñecida deste relato, e non se sabe se a propia Stark estaba ao tanto, xa que non fixo ningunha referencia en ningún dos seus escritos, incluída a súa autobiografía.[6]
No seu noveno aniversario a Freya agasallárona cun exemplar do libro As mil e unha noites, e quedou fascinada con Oriente. Na súa mocidade era frecuente que enfermase e pasase longas tempadas na súa casa, así que atopou unha vía de escape na lectura. Gustáballe moito ler en francés, en particular Alexandre Dumas, e aprendeu de maneira autodidacta latín. Cando tiña 13 anos sufriu un accidente nunha fábrica en Italia, cando o cabelo lle quedou atrapado nunha máquina. O coiro cabeludo foi resgado e a orella dereita arrincada,[7] tivo que pasar catro meses facendo enxertos de pel no hospital, e quedoulle a cara desfigurada.[8] De aí en diante usaría sombreiros ou chapeus que eran a miúdo extravagantes para cubrir as cicatrices.[7]
Cando tiña trinta anos, decidiu estudar linguas na universidade, esperaba escapar dunha vida complicada como floricultora no norte de Italia. A súa profesora suxeriulle que estudase islandés,[7] mais ela escolleu estudar árabe e despois persa. Estudou no Bedford College e na Escola de estudos Orientais e Africanos, ambas as dúas parte da Universidade de Londres.
Viaxes e obras
Unha só pode viaxar realmente de se deixar levar e tomar o que cada lugar trae sen o tentar converter nun saudábel padrón privado propio e supoño que esa é a diferenza entre viaxe e turismo.
[9]
Freya Stark
Durante a primeira guerra mundial, Stark participou no destacamento de enfermeiras voluntarias e serviu inicialmente coa unidade de ambulancias da Cruz Vermella Británica de G.M. Trevelyan, con base en Vila Trento preto de Udine.[10] A súa nai quedara en Italia participando dun negocio e a súa irmá Vera casara co copropietario. En 1926, Vera morreu despois dun aborto espontáneo. Nos seus escritos, Freya expón que Vera non fora quen de vivir a vida por si mesma e que ela non ía facer o mesmo. Pouco despois, comezou as súas viaxes.[7]
En novembro de 1927 visita Asolo por primeira vez en anos. Despois, no mesmo mes, embarcou a Beirut, onde comezan as súas viaxes a Oriente.[11] Hospedouse primeiro na casa de James Elroy Flecker no Líbano, despois en Bagdad, Iraq (por entón un protectorado británico), onde coñeceu o alto comisario británico.[11] Durante esta viaxe, viaxou secretamente en burro cun guía druso e unha muller inglesa. Mantivo a viaxe en segredo, pois Siria e o Líbano estaban baixo control francés, tamén coñecido como Mandato para Siria e o Líbano. Este era un sistema gobernamental represivo que non permitía viaxes dentro da rexión. O grupo viaxou pola noite e tomou rutas rurais afastadas. Porén, foron capturadas/o por oficiais do exército francés. As mulleres foron consideradas espías, mais foron liberadas tres días despois. Despois desta viaxe, Freya escribiu sobre o réxime represivo francés e os abusos inflixidos ao pobo sirio nunha revista inglesa.[7]
En 1931 completara tres viaxes perigosas polo deserto oeste de Irán, algunhas zonas que non foran nunca visitadas, e localizou o lendario Val dos Asasinos (Hashshashins).[12] Describiu esas exploracións en The Valleys of the Assassins (1934) e recibiu o Premio da Royal Geographical Society en 1933.[13]
En 1934, Freya navegou polo Mar Vermello até Aden para iniciar unha nova aventura. Esperaba trazar a ruta do incenso do Hadhramaut, o interior de Arabia do Sur.[14] Apenas un puñado de exploradores occidentais se tiña aventurado antes na rexión, mais nunca tan lonxe ou tan amplamente como se aventurou ela.[15] O seu obxectivo era alcanzar a antiga cidade de Shabwa, que se dicía ter sido a capital da Raíña de Saba. No entanto, ficou gravemente doente durante a viaxe. Despois de contraer sarampelo dunha crianza nun harén, así como disentería, tivo que ser transportada por vía aérea a un hospital británico en Aden.[7] Malia que nunca chegou a Shabwa, foi quen de viaxar extensivamente e de contar moitas experiencias. Freya tamén retornou á rexión para viaxes complementarias. Durante esas viaxes, topou coa escravitude, que causou unha "situación moral", de acordo cun perfil novaiorquino. Freya considerou que a escravitude parecía diminuír en sociedades menos relixiosas, e así creu que a escravitude diminuiría en Arabia conforme se desenvolvía.[7] Publicou o seu relato da rexión en tres libros, The Southern Gates of Arabia: A Journey in the Hadhramaut (1936), Seen In The Hadhramaut (1938) e A Winter in Arabia (1940). Polas súas viaxes e relatos, recibiu a Medalla de Ouro do Fundador da Royal Geographical Society.[16]
Durante a segunda guerra mundial uniuse ao Ministerio de Información Británico, e contribuíu á creación da rede de propaganda Ikhwan al Hurriya (Irmandade de Liberdade) dirixida a convencer os árabes para que apoiasen os aliados ou polo menos que permanecesen neutrais.[17] A Irmandade incluía todos os estratos da sociedade e, no medio da guerra, tiña decenas de miles de membros.[7] Estas experiencias en tempos de guerra foron descritas nas súas Letters from Syria (1942) e East is West (1945).[18]
En 1943, Freya foi nunha viaxe oficial do Mandato Británico de Palestina. Deu discursos que chamaban a cotas para a migración xudaica a Palestina, o que irritou a comunidade xudaica global. Porén, Freya cría que non era en absoluto antixudaica, simplemente pensaba que o consentimento árabe debería ser considerado antes de que se producise a migración en masa. Crese que estes discursos son o seu traballo máis controvertido durante a segunda guerra mundial.[7]
En 1947, con 54 anos, casou con Stewart Perowne, un diplomático e historiador británico.[19] A parella non tivo fillos, e separáronse (sen se divorciar) en 1952. Durante eses anos non escribiu nada sobre viaxes ou exploracións, mais publicou un volume de varios ensaios, Perseus in the Wind (1948) e tres volumes autobiográficos, Traveller´s Prelude (1950), Beyond Euphrates. Autobiography 1928-1933 (1951) e The Coast of Incense. Autobiography 1933-1939 (1953). Stewart Perowne morreu en 1989.[20]
A primeira das grandes viaxes de Stark despois da guerra foi a Turquía, que foi a base dos seus libros Ionia a Quest (1954), The Lycian Shore (1956), Alexander's Path (1958) e Riding to the Tigris (1959). Despois continuou coas súas memorias con Dust in the Lion´s Paw. Autobiography 1939-1946 (1961) e publicou unha historia de Rome on the Euphrates: The Story of a Frontier (1966) e outra colección de ensaios, The Zodiac Arch (1968).
A última expedición foi a Afganistán en 1968, cando tiña 75 anos. Viaxou para visitar o Minarete de Djam do século XII.[7] En 1970 publicou The Minaret of Djam: An Excursion into Afghanistan. No seu retiro de Asolo, á parte dun estudo curto, Turkey: A Sketch of Turkish History (1971), ocupouse de agrupar unha nova colección de ensaios, A Peak in Darien (1976), e preparou unha selección das súas Letters (8 volumes, 1974-82, un volume, Over the rim of the world: selected letters, 1982) e dos seus escritos viaxeiros, The Journey´s Echo (1988).
Foi condecorada como Dama da Orde do Imperio Británico nas honras do ano novo de 1972.[21] Morreu en Asolo o 9 de maio de 1993, uns meses despois de facer cen anos.[22]
Obras
Case todos os seus libros foron primeiro publicados por John Murray en Londres.
- Baghdad Sketches (Bagdad, The Times Press Ltd. 1932)
- The Valleys of the Assassins and Other Persian Travels (Mazandaran, Irán)
- The Southern Gates of Arabia a journey in the Hadhramaut (Londres,1936)
- Seen in the Hadramaut (1938)
- A winter in Arabia (Hadhramaut, 1940)
- Letters from Syria (Londres, 1943)
- East in West (1945)
- Perseus in the wind (Londres, 1948)
- Traveller's Prelude (Londres, 1950)
- Beyond Euphrates. Autobiography 1928-1933 (Londres, 1951)
- The Coast of JIncense (Londres, 1953)
- Ionia, A Quest (Londres, 1954)
- The Lycian Shore (Londres, 1956)
- Alexander's Path: From Caria to Licia (Londres, 1958)
- Riding to the Tigris (Londres, 1959)
- Dust in the Lion's Paw. Autobiography (Londres, 1961)
- Rome on the Euphrates: The Story of a Frontier (Londres, 1966)
- The Zodiac Arch (Londres, 1968)
- Space, Time and Movement in Landscape (1969)
- The Minaret of Djam: An Excursion into Afghanistan (1979)
- Turkey a sketch of Turkish History (1971)
- Letters, ed. L.Moorehead (8 vols, 1974-82)
- A Peak in Darien (Londres, 1976)
- The Journey's Echo: Selected Travel Writings (1988)
- Over the Rim of the World: selected letters, ed. C.Moorehead (1988)
Notas
- ↑ "SUPPLEMENT TO THE LONDON GAZETTE, IST JANUARY 1972".
- ↑ Freya Stark obituary Arquivado 29 de agosto de 2020 en Wayback Machine., independent.co.uk; data de acceso 13 de abril de 2016.
- ↑ "Obituary: Dame Freya Stark". The Independent (en inglés). 11 de maio de 1993. Arquivado dende o orixinal o 29 de agosto de 2020. Consultado o 11 de febreiro de 2018.
- ↑ Stark (1950), pp. 2–4
- ↑ Stark (1950), pp. 30–64
- ↑ Geniesse, JF. Passionate Nomad: The Life of Freya Stark. Modern Library (2001), páxs. 363-69; ISBN 0375757465
- ↑ 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 Pierpont, Claudia Roth (2011-04-11). "East Is West" (en inglés). ISSN 0028-792X. Consultado o 2019-05-18.
- ↑ Stark (1950), p. 84
- ↑ Tradución ao galego do orixinal: One can only really travel if one lets oneself go and takes what every place brings without trying to turn it into a healthy private pattern of one's own and I suppose that is the difference between travel and tourism. Recollido de Molly Izzard, A Marvellous Eye, Cornucopia (magazine)|Cornucopia Issue 2
- ↑ Anne Powell, Women in the War Zone
- ↑ 11,0 11,1 Stark (1950), p. 333
- ↑ Salak, Kira. "National Geographic article about Iran and Freya Stark". National Geographic Adventure.
- ↑ Jane Fletcher, Geniesse (2010). Passionate Nomad: The Life of Freya Stark. Random House Publishing Group. p. 152. ISBN 9780307756855.
- ↑ "The Southern Gates of Arabia". www.goodreads.com. Consultado o 2019-05-18.
- ↑ The Southern Gates of Arabia (Londres, 1936)
- ↑ "List of Past Gold Medal Winners" (PDF). Royal Geographical Society. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de setembro de 2011. Consultado o 24 de agosto 2015.
- ↑ James R. Vaughan, "The failure of American and British Propaganda in the Middle East, 1945–57. Unconquerable Minds", Palgrave Macmillan, 2005, p. 27.
- ↑ Flint, Peter B. (1993-05-11). "Dame Freya Stark, Travel Writer, Is Dead at 100". The New York Times. ISSN 0362-4331. Consultado o 2017-05-24.
- ↑ "Stewart Perowne, 87, Diplomat and author". New York Times. 16 de maio de 1989. Consultado o 27 de outubro 2012.
- ↑ "Obituary: Stuart Perowne". New York Times. 16 de maio de 1989. Consultado o 31 de marzo de 2014.
- ↑ Notice of Stark's damehood in London Gazette
- ↑ Ruthven, Malise (11 de maio de 1993). "Obituary: Dame Freya Stark". The Independent. Arquivado dende o orixinal o 29 de agosto de 2020. Consultado o 31 de marzo de 2014.
Véxase tamén
Bibliografía
- J. F. Geniesse, Passionate Nomad: The Life of Freya Stark (2001. Random House)
- P. H. Hansen, 'Stark, Dame Freya Madeline (1893–1993)', en Oxford Dictionary of National Biography (2004. Oxford University Press)
- M. Izzard 'A Marvellous Bright Eye: Freya Stark', en Cornucopia Issue 2 (1992)
- M. Izzard, Freya Stark: A Biography (1993)
- C. Moorehead, Freya Stark (1985. Penguin) ISBN 0-14-008108-9
- R. Knott, 'Posted in Wartime' (2017, Pen & Sword) - features inter alia the wartime correspondence of Freya Stark.
Ligazóns externas