Frederico III de Sicilia, nado o 1 de setembro de 1341 e finado o 27 de xaneiro de 1377, alcumado como o Sixelo ou o Simple, foi Rei de Sicilia desde 1355 até 1377 (desde 1372, rei de Tricarnia), e duque de Atenas e de Neopatria desde 1355 até a súa morte.
Adoita confundirse co seu antepasado Frederico II, que escolleu chamarse Frederico III por ser o terceiro fillo de Pedro III de Aragón.
Traxectoria
Era o segundo fillo de Pedro II de Sicilia e Isabel de Carintia.[1][2][3] Sucedeu ao seu irmán Lois no trono do reino aos 14 anos, baixo a rexencia da súa irmá Eufemia, que se mantivo até 1357,[4] nun contexto de loitas polo poder no que a Aragón e Nápoles disputábanse o reino e alentaban as loitas internas entre os Alagón e os Claramonte.[5]
Os inicios do seu reinado de están chenos de guerras repetitivas contra os napolitanos. En 1356, Xoana I de Nápoles fíxose co control de Mesina e de Palermo, entre outras prazas, o que levou a Frederico III a aliarse con Aragón mediante a súa voda coa filla de Pedro o Cerimonioso, que tiña claras ambicións sobre o reino en virtude do seu casamento con Lionor de Sicilia[6] e que accedeu a prestarlle axuda militar, coa cal puido facer fronte ás disensións internas e conter o avance napolitano.
En 1372 chegouse a un acordo de paz con Nápoles e a Santa Sé. Frederico III recoñeceuse feudatario e triburario de Nápoles, e deu a Xoana o título de raíña de Sicilia, aínda que el gobernaría o territorio como rei de Tricarnia, un acordo que o papa Gregorio IX sancionou.[7]
Foi un rei trobador, do que se conserva unicamente un sirventés.[8]
Matrimonio de descendencia
Frederico III casou con Costanza de Aragón, filla de Pedro IV de Aragón, o Cerimonioso. Do seu matrimonio naceu unha única filla, María, que casaría co herdeiro ao trono aragonés, Martiño o Mozo. Tras enviuvar, casou en segundas nupcias con Antonia del Balzo, pero non tivo descendencia e aos dous anos a súa esposa faleceu.
Atribúenselle dous fillos ilexítimos, dunha amante descoñecida.[2]
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- Caggese, Romolo (1999): "Italia, 1313-1414", en Storia del mondo medievale', Vol. VI, pp. 297–331.
Outros artigos
Ligazóns externas