Francisco de Zurbarán

Modelo:BiografíaFrancisco de Zurbarán

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento7 de novembro de 1598 Editar o valor en Wikidata
Fuente de Cantos, España (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte27 de agosto de 1664 Editar o valor en Wikidata (65 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Grupo étnicoPobo español Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoPintura Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo Madrid (1658–1664)
Sevilla (1614–1658) Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpintor Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1614 Editar o valor en Wikidata - 1664 Editar o valor en Wikidata
Xénero artísticoNatureza morta, pintura relixiosa, retrato, Pintura de historia, pintura de xénero e pintura mitolóxica Editar o valor en Wikidata
MovementoBarroco Editar o valor en Wikidata
Catálogo críticoFrancisco de Zurbarán, 1598-1664 (en) Traducir (2009) Editar o valor en Wikidata
AlumnosJosé de Sarabia (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
CónxuxeMaría Páez
Beatriz de Morales
Leonor de Torder Editar o valor en Wikidata
FillosJuan de Zurbarán
 () Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteEnciclopedia soviética armenia
Biblioteca dixital BEIC
Obálky knih, Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1141092 Musicbrainz: 1ea75fda-d017-4d18-bfb3-d2765766a837 Discogs: 2278316 Find a Grave: 7339012 Editar o valor en Wikidata

Francisco de Zurbarán, nado en Fuente de Cantos (Estremadura) o 7 de novembro de 1598 e finado en Madrid o 27 de agosto de 1664, foi un pintor do Século de Ouro español. Foi un artista emblemático da Contrarreforma. Influído nos seus comezos por Caravaggio, o seu estilo foi evolucionando para se aproximar ós mestres manieristas italianos. As súas representacións afástanse do realismo de Velázquez e as súas composicións caracterízanse por un modelado clarescuro con tons máis acedos.

Traxectoria

Mocidade

Cristo na Cruz, 1627 (290 x 168 cm), Art Institute, Chicago.

Era fillo de Luis de Zurbarán, comerciante acomodado, e Isabel Márquez. Probablemente se iniciase na arte pictórica na escola de Juan de Roelas, na súa cidade natal, antes de ingresar, en 1614, no obradoiro do pintor Pedro Díaz de Villanueva (1564-1654), en Sevilla, onde Alonso Cano trabou relación con Francisco Pacheco e os seus alumnos, a máis de ter certo influxo procedente de Sánchez Cotán tal cal pode se observar na Natureza morta que pintase Zurbarán cara 1633. A súa aprendizaxe rematouse en 1617, ano no que Zurbarán casou con María Páez. O único cadro que hoxe se coñece e que corresponde ós comezos da súa carreira é o dunha Inmaculada de 1616.

En 1617 estableceuse en Llerena (Estremadura), onde naceron os seus tres fillos: María, Xoán (Llerena 1620-Sevilla 1649), (que foi pintor, como o seu pai, e morreu durante a gran peste acontecida en 1649), e Isabel Paula. En 1622 era xa un pintor recoñecido, polo que foi contratado para pintar un retablo para unha igrexa da súa cidade natal.

En 1626 e ante un notario, asinou un novo contrato coa comunidade de predicadores da orde dominica de San Paulo o Real, en Sevilla: tiña que pintar 21 cadros en oito meses. Foi entón, en 1627, cando pintou o Cristo na Cruz, obra que foi tan admirada polos seus contemporáneos que o Consello Municipal de Sevilla propúxolle oficialmente, en 1629, que fixase a súa residencia nesta cidade hispalense. Neste cadro a impresión de relevo é sorprendente: Cristo está cravado nunha burda cruz de madeira. O lenzo branco, luminoso, que lle cinxe a cintura, cun hábil drapeado, xa de estilo barroco, contrasta dramaticamente cos músculos flexibles e ben formados do seu corpo. A súa faciana inclínase sobre o ombro dereito. O sufrimento, insoportable, dá paso a un derradeiro desexo: a resurrección, derradeiro pensamento cara a unha vida prometida na que o corpo, torturado ata a extenuación pero xa glorioso, o demostra visualmente.

Crucifixión de Velázquez.

Igual ca na Crucifixión de Velázquez (pintado cara a 1630, máis ríxido e simétrico), os pés están cravados por separado. Nesa época, as obras, en ocasións monumentais, trataban de se recrear morbosamente na crucifixión; de aí o número de cravos. Por exemplo, nas Revelacións de Santa Bríxida fálase de catro cravos. Por outra parte, e tralos decretos tridentinos, o espírito da Contrarreforma opúxose ás grandes escenificacións, orientando especialmente ós artistas cara ás composicións en que se representase unicamente a Cristo. Moitos teólogos sostiñan que tanto o corpo de Xesús como o de María tiñan que ser uns corpos perfectos. Zurbarán aprendeu ben estas leccións, afirmándose, ós vinte e nove anos, como un mestre incontestable.

O mestre sevillano

San Serapio, 1628 (120 x 103 cm) Wadsworth Athenaeum (Connecticut).

Considerado un pintor de imaxinería (artista especializado en imaxes e estatuas) Zurbarán asinou un novo contrato en 1628 co convento da nosa Señora da Mercé Calzada, e instalouse, coa súa familia e os membros do seu obradoiro, en Sevilla. Pintou entón o cadro de San Serapio, un dos mártires da Orde da Mercé, morto en 1240 tras ser torturado, probablemente polos piratas ingleses.

Os relixiosos mercedarios (pertencentes á Orde da Mercé), ademais dos votos tradicionais de castidade, pobreza e obediencia, pronunciaban un voto de "redención ou de sangue" polo que se comprometían a entrega-la súa vida a cambio do rescate dos cativos en perigo de perde-la súa fe.

Zurbarán quixo representa-lo horror sen que na composición aparecese nin unha pinga de sangue. Aquí non se intúe o divino que precede á Resurrección. A boca entreaberta non deixa escapar nin un berro de dor, demostra o abatemento paroxístico, di nun sopro, simple e terriblemente, que xa é demasiado para seguir vivindo.

A gran capa branca ocupa a maior parte do cadro. Se se fai abstracción do rostro, a relación entre a superficie total e a deste vasto espazo branco é -exactamente- o número áureo.

Denominándose a si mesmo como "mestre pintor da cidade de Sevilla", Zurbarán espertou os celos dalgúns pintores como Alonso Cano, a quen Zurbarán desdeñou. Negouse a pasa-los exames que lle darían dereito a utilizar este título, pois consideraba que a súa obra e o recoñecemento dos grandes tiñan máis valor co que tiñan algúns membros, máis ou menos amargados, da corporación dos pintores. Chovíanlle os encargos das familias nobres e para os grandes conventos que os mecenas andaluces protexían, como os dos xesuítas.

A gloria nacional

Exposición do corpo de San Boaventura, 1629 (250 x 225 cm), Museo do Louvre, París.

En 1634 efectuou unha viaxe a Madrid. A súa estanza na capital resultou determinante para a súa evolución pictórica. Deu co seu amigo Diego Velázquez, co que analizou e meditou sobre as súas obras. Puido contempla-las obras dos pintores italianos que traballaban na corte de España, como as de Angelo Nardi e Guido Reni. Zurbarán renunciou, dende ese momento, ó tenebrismo dos seus inicios, así como ás veleidades caravagistas (das que se pode ver un exemplo no cadro: A Exposición do corpo de San Boaventura, especialmente nas faces dos adolescentes situados na parte dereita do cadro). Os seus ceos fixéronse máis claros e os tons menos contrastados.

Dotado co título de "Pintor do Rei", volveu a Llerena, onde pintou, gratuitamente, un cadro para a igrexa da nosa Señora da Engraiada debido á devoción que sentía pola Virxe María. Os encargos amoreábanse: A nosa Señora da Defensión, a Cartuxa de Xerez da Frontera, a igrexa de San Román en Sevilla...

Esta última cidade, na ribeira do Guadalquivir era un dos grandes portos europeos, que vivía do comercio coas Américas. Os galeóns chegaban cargados de ouro e levantaban áncoras coas bodegas cheas de produtos españois (entre outras cousas, obras de arte). Tense constancia de que, en 1638, Zurbarán, reclamou o pago dunha suma que lle debía Lima.

En 1639 morreu a súa segunda esposa, Beatriz, e, nese ano, Zurbarán pintou: Cristo en Emaús (Museo das Belas Artes, México) e San Francisco en éxtase. En 1641 volveu casar, por terceira vez, con Mariana de Cadros (viúva de Xoán) que morrería pouco despois.

En xaneiro de 1643 o Conde-Duque de Olivares ata ese momento favorito de Filipe IV de España, foi exiliado. Olivares era un gran protector dos pintores andaluces. Esta crise política uniuse a unha ralentización da actividade comercial de Sevilla, o que significou, así mesmo, que diminuíse o número de encargos pictóricos. Zurbarán, altamente estimado, non se viu afectado por este contratempo. En 1644 casou con Leonor de Tordera, filla dun ourive. Ela tiña vinte e oito anos e Zurbarán corenta e seis. Tiveron seis fillos.

A Anunciación, 1638 (211 x 175 cm), Museo de Belas Artes, Grenoble.

Contra 1636, Zurbarán intensificou a exportación a América do Sur. En 1647, un convento peruano encargoulle trinta e oito pinturas, vinte e catro das cales tiñan que ser de Virxes a tamaño natural. No mercado americano puxo en venda, así mesmo, algúns cadros profanos, o que o compensou da diminución da clientela andaluza [1]- da que outro pintor sevillano Muradela sería tamén vítima, e o que explicaría, á súa vez, a marcha de Alonso Cano a Madrid.

Os encargos que tiña Zurbarán eran moitos, e deles dá conta un contrato encontrado segundo o cal Zurbarán vendeu a Buenos Aires quince virxes mártires, quince reis e homes célebres, vinte e catro santos e patriarcas (todos eles a tamaño natural) e tamén, nove paisaxes neerlandeses. Zurbarán podíase permitir manter un obradoiro importante con aprendices e asistentes. O seu fillo Xoán, coñecido por ser un bo pintor de bodegóns (escenas de cociña, mercados e naturezas mortas), traballou probablemente para o seu pai. Unha fermosa natureza morta de Xoán Zurbarán encóntrase no museo de Kíiv.

A principios dos anos 1650 Zurbarán viaxou de novo a Madrid. Pintou, entón, en sfumato, o admirable rostro da Virxe na Anunciación (1638), que se encuentra no Museo de Grenoble, e Cristo levando a Cruz de 1653 (catedral de Orleáns). En 1658 os catro grandes pintores de Andalucía -Zurbarán, Velázquez, Alonso Cano e Muradela- se encontraban en Madrid. Zurbarán testemuñou durante a investigación levada a cabo sobre Velázquez, o que lle permitiu ingresar na Orde de Santiago como el desexaba. Desa época datan: O lenzo da Verónica (Valladolid, Museo Nacional), O repouso durante a fuxida a Exipto (Museo de Budapest) e San Francisco axeonllado cunha caveira (Madrid, colección de Plácido Domingo). O seu fiel amigo Velázquez morreu en 1660.

O 27 de agosto de 1664 Francisco de Zurbarán morreu en Madrid[2].

Contexto histórico, encargos e temas. O xenio na súa diversidade

A estética e a vida conventual en Sevilla a principios do século XVII

San Francisco axeonllado cunha caveira nas mans, 1658 (84 x 53 cm), Alte Pinakothek, Múnic.

En 1600 existían en Sevilla trinta e sete conventos. Durante os vinte e cinco anos seguintes fundáronse outros quince. Os conventos foron os grandes mecenas dos pintores, moi esixentes en canto á composición e calidade das obras: tanto é así que Zurbarán, por medio dun contrato, comprometeuse a aceptar que lle fosen devolvidos todos aqueles cadros que non fosen do agrado dos relixiosos.

Os relixiosos e relixiosas eran moi sensibles á dimensión estética das representacións, e estaban convencidos de que a beleza era máis estimulante para a elevación da alma cá mediocridade. Estes abades e abadesas eran, normalmente, unhas persoas cultivadas, eruditas, refinadas, cun criterio moi seguro fronte ás obras de arte.

Nas igrexas sempre houbo un retablo no que se representaban as escenas da vida de Cristo. Ademais, durante o século XVII, as sancristías -lugar no que se cambian as vestiduras sacerdotais-, decorábanse cada vez máis ricamente. Así mesmo se poñían cadros no claustro, no refectorio, nas celas (moitas destas obras medievais foron destruídas). Nas bibliotecas e salas capitulares, podíanse encontrar cadros do fundador da Orde e das personalidades máis importantes da mesma.

Estas esixencias eran propias de tódolos conventos. As pinturas de segunda orde podían estar feitas en serie, pero os mestres recoñecidos renovábanse, afondaban na súa arte e recibían moitos máis encargos.

As ordes relixiosas mecenas de Zurbarán

Aparición do apóstolo San Pedro a San Pedro Nolasco, 1629 (179 x 223 cm), Museo do Prado, Madrid.

A Orde da nosa Señora da Mercé foi fundada por San Pedro Nolasco en 1218 durante a Reconquista. Nolasco foi canonizado en 1628. Para os mercedarios da Mercé Calzada, Zurbarán pintou Aparición do apóstolo San Pedro a San Pedro Nolasco. Pese ao seu desexo de ir a Roma, Pedro Nolasco non puido realizar esa viaxe. San Pedro, crucificado, apareceuse a Pedro Nolasco, e díxolle: «Vin a ti, xa que ti non puideches vir a min».

Zurbarán pintou, tamén en Sevilla, para o convento da Mercé Descalza.

O colexio franciscano de San Boaventura

O convento dos franciscanos era un dos máis importantes de Sevilla. O colexio era o centro español de estudos teolóxicos desta Orde. En 1629 Zurbarán iniciou o ciclo de representacións da vida de Boaventura de Fidanza -o doutor seráfico-, xunto con Francisco Ferreira o Vello e A visita de Santo Tomé de Aquino a San Boaventura (cadro destruído en Berlín en 1945 (e ó que non hai que confundir co de San Boaventura recibindo a visita de Santo Tomé de Aquino que se encontra na igrexa de San Francisco o Grande de Madrid).

A Cartuxa de Xerez da Fronteira

A Anunciación, 1638, (161 x 175 cm) Museo de Pintura Grenoble.

A Cartuxa da nosa Señora da Defensión de Xerez, fundada en 1476 debe o seu nome a unha aparición da Virxe en 1370 en que María desvelaría o lugar en que os españois caerían nunha emboscada tendida polos árabes, liberándoos, así dunha morte e derrota seguras.

Zurbarán pintou once cadros para o retablo do altar maior. Encargados en 1636, rematounos entre 1639 e 1640. Entre eles A Batalla de Xerez (Nova York, Metropolitan Museum of Art). Catro cadros encóntranse no Museo de Grenoble A Anunciación (1638), A Circuncisión, A Adoración dos pastores, A Adoración dos magos.

O tenebrismo dos primeiros anos desaparece para dar paso á forza do clarescuro e o colorido vólvese máis rico. Nestas pinturas a arte de Zurbarán aparece xa plenamente configurada; pódese detectar na extrema atención que Zurbarán puxo nos obxectos da cesta recuberta cun pano branco que se encontra en primeiro termo, á esquerda, que é xa, de por si, unha verdadeira natureza morta. O veo transparente que rodea o colo de María, constitúe, por si mesmo, unha gran lección de pintura.

Os Xerónimos de Guadalupe

San Xerónimo flaxelado polos anxos 1639 (235 x 290 cm), Claustro dos Xerónimos Mosteiro de Guadalupe.

Fundada no século XV esta Orde estivo moi ligada ó poder real, polo que as súas dotacións foron, con frecuencia, moi abundantes. Segundo a lenda, unha estatua de María foi encontrada por un xove pastor en 1320 no mesmo lugar en que os cristiáns visigodos a agocharan para evita-la súa profanación. Nese sitio edificouse un santuario por orde do rei de Castela Afonso XI de Castela, que se converteu, de seguida, nun lugar de peregrinación. A Virxe de Guadalupe obrou milagrosamente conseguindo o éxito da cruzada contra os mouros.

Notas

  1. Tratar de desmerecer a Zurbarán, -comparandoo con Velázquez, por exemplo-, clasificándoo como un simple ilustrador de haxiografías ao uso da época, sería un tremendo erro. Isto é tan certo como o feito de que a produción do seu obradoiro non foi sempre igual. Durante os anos 1630, as custosas guerras, as revoltas provinciais e as desafortunadas tentativas levadas a cabo para tentar endereza-la economía española, empobreceron a España. Os encargos andaluces diminuíron e o obradoiro de Zurbarán dedicouse á exportación dos seus cadros a América do Sur. Envíaronse ducias e vintenas: Os doce fillos de Xacob (nos que, non se sabe ben o porqué, querían ver ós devanceiros dos autóctonos); Os doce Césares, e numerosos cadros de santos e fundadores de ordes diversas. Os clientes non eran, certamente, uns estetas e, de todas formas... estaban lonxe!
  2. Segundo M.L. Cartula (especialista de Zurbarán, redactor do catálogo da exposición de Zurbarán de 1964 en Madrid), en Cartula (ver bibliografía: Francisco de Zurbarán fixo testamento, ante un notario, o 26 de agosto de 1664, para morrer ó día seguinte.

Véxase tamén

Bibliografía