Fiona Shaw, OBE, nada o 10 de xullo de 1958 no condado de Cork,[1] Irlanda. É unha actriz e directora teatral irlandesa, aínda que é recoñecida internacionalmente polo seu papel secundario como Petunia Dursley nos filmes de Harry Potter, Marnie Stonebrook na cuarta tempada da serie de HBO True Blood (2011),[2][3] e como Carolyn Martens na serie da BBC Killing Eve (2018–presente). É considerada como unha das mellores actrices clásicas da súa xeración. No ano 2001 foi condecorada comandante da Orde do Imperio Británico pola súa contribución ó teatro.
Biografía
Shaw naceu co nome de Fiona Mary Wilson. O seu pai era cirurxián ocular[4] e a súa nai era física.[5] Asistiu á escola secundaria no Scoil Mhuire na cidade de Cork e máis tarde acadou a súa licenciatura na universidade de Cork. Formouse como actriz na Royal Academy of Dramatic Art (RADA) de Londres.
Recibiu unha gran aclamación como Julia na produción do National Theatre de Richard Sheridan The Rivals (1983), un papel que demostra a súa dote na comedia.
Traxectoria
Os papeis teatrais máis notábeis inclúen: Celia en Ao voso gusto (1984), Madame de Volanges en Les Liaisons Dangereuses (1985), Katherine en The Taming of the Shrew (1987), Winnie en Happy Days (2007), os papeis principais en Electra (1988), The Good Person of Sechuan (1989), Hedda Gabler (1991), The Prime of Miss Jean Brodie (1998) e Medea (2000).
Shaw interpretou o papel principal en Richard II, dirixida por Deborah Warner en 1995. Tamén colaborou con Warner en varias ocasións, tanto en teatro como en cine. Shaw tamén traballou en cine e televisión, incluíndo O meu pé esquerdo, Jane Eyre, Persuasion, Gormenghast, e na serie de filmes de Harry Potter na que interpreta a Petunia Dursley. Shaw tivo un papel breve pero clave en The Black Dahlia.
No 2008, dirixiu a súa primeira ópera, Riders to the Sea por Vaughan Williams e no 2009 colaborou con Deborah Warner de novo, tomando o papel principal na tradución de Tony Kushner, Mother Courage and Her Children de Bertolt Brecht.
En 2011, Shaw apareceu como membro do elenco regular da serie de televisión True Blood.[6] En 2018, Shaw empezou a interpretar o papel de Carolyn Martens na serie da BBC Killing Eve. Pola súa actuación gañou o premio BARFTA á mellor actriz secundaria nunha serie de televisión. Tamén nese ano, interpretou a oficial MI6 en Mrs Wilson.[7]
Filmografía
Cinema
Televisión
Notas
Véxase tamén