Fiama Hasse Pais Brandão, nada en Lisboa o 15 de agosto de 1938[1] e finada na mesma cidade o 19 de xaneiro de 2007, foi unha escritora, poetisa, dramaturga, ensaísta e tradutora portuguesa.[2]
Traxectoria
Pasou a súa infancia entre unha quinta en Carcavelos e o St. Julian's School. Foi estudante de Filoloxía Xermánica na Facultade de Letras da Universidade de Lisboa, chegando a fundar, xunto a outros, o Grupo de Teatro de Letras e exerceu actividade de investigación na área da literatura e da lingüística[3], tamén de investigación histórica e literaria sobre o século XVI en Portugal.[4] Casou con Gastão Cruz e foi unha das responsábeis da Antologia de Poesia Universitária (1964).[5]
Estreouse como autora con Em Cada Pedra Um Voo Imóvel. A partir de aí, gañou notoriedade no medio literario coa revista/movemento Poesia 61, onde publicou o texto "Morfismos". É considerada como unha das máis importantes escritoras do movemento que revolucionou a poesía nos anos 60. A creación poética de Fiama Hasse Pais Brandão imponse pola busca dunha expresión orixinal, onde as palabras tentan evocar unha esencia perdida, anterior á erosión do tempo e do uso corrente.[6]
A súa actividade no teatro iniciouse, en 1964, no Teatro Experimental do Porto e coa frecuencia dun seminario de teatro de Adolfo Gutkin na Fundación Calouste Gulbenkian, en 1970. En 1974, foi un dos fundadores do Grupo Teatro Hoje,[7] sendo a súa primeira directora de escena coa obra Mariana Pineda, de Federico García Lorca.
Traduciu obras da lingua alemá, da lingua inglesa e da lingua francesa, de John Updike, Bertold Brecht, Antonin Artaud, Novalis e Anton Tchejov, entre outros.[8]
Colaborou en publicacións como Seara Nova, Cadernos do Meio-Dia, Brotéria, Revista Vértice, Plano, Colóquio-Letras, Hífen, Relâmpago e A Phala.[9]
Principais obras
Poesía
- Morfismos (1961)
- Barcas Novas (1967)
- Novas visões do passado (1975)
- Homenagemàliteratura (1976)
- F de Fiama (1986). Teorema.
- Três Rostos (1989)
- Cantos do Canto (1995). Relógio D'Água.
- Epístolas e Memorandos (1996). En 2007, Relógio D'Água.
- Cenas Vivas (2000). En 2007, Relógio D'Água.
- As Fábulas (2002). Quasi Edições.
- Âmago. Antologia (2010). Assírio & Alvim.
- Obra Breve. Poesia Reunida (2017). Assírio & Alvim.
Teatro
- Os Chapéus de Chuva (1961)
- A Campanha (1965)
- Quem Move as Árvores (1979)
- Teatro-Teatro (1990)
- Noites de Inês-Constança (2005). Assírio & Alvim.
Prosa
- Em Cada Pedra Um Voo Imóvel (1958). En 2007, Assírio & Alvim.
- Falar sobre o Falado (1989). Afrontamento.
- Movimento Perpétuo (1991). Teorema.
- Sob o Olhar de Medeia (1998). En 2007, Relógio D'Água.
- Contos da Imagem (2005). Assírio & Alvim.
Ensaio
- O Labirinto Camoniano e Outros Labirintos (1985). En 2007, Teorema.
Premios
- 1958: Premio Adolfo Casais Monteiro, por Em Cada Pedra Um Voo Imóvel.
- 1961: Premio Revelação da Sociedade Portuguesa de Escritores, por Os Chapéus de Chuva.
- 1996: Grande Premio de Poesia CTT - Correios de Portugal, por Epístolas e Memorandos.
- 2000: Grande Premio de Poesia CTT - Correios de Portugal, por Cenas Vivas.
- 2001: Premio PEN Clube Portugués, por Cenas Vivas.
Notas