Federico Pérez |
|
Nacemento | 11 de setembro de 1976 (48 anos) Alemaña |
---|
|
Ocupación | actor |
---|
|
|
|
|
Federico Pérez Rey, nado en Alemaña o 11 de setembro de 1976, é un filólogo, humorista, guionista e actor galego.
Traxectoria
Naceu en Alemaña de pais galegos e criouse en Mazaricos, de onde é orixinaria a súa familia.[1] Comezou a facer teatro na súa xuventude e estudou Filoloxía galega en Santiago de Compostela. Ao rematar a carreira traballou como asesor lingüístico na serie Mareas vivas, na que tamén apareceu como actor nalgún capítulo.[2] Pasou logo a traballar en Terra de Miranda como asesor lingüístico e tamén como guionista, tarefa esta última que tamén realizou en Pequeno Hotel, O rei da comedia, As leis de Celavella, Máxima Audiencia, Zapping Comando e O show dos Tonechos.[3] A súa faceta como actor cobrou máis importancia a partir de 2003 aparecendo como secundario en series de televisión e filmes como Un paso adelante, Pepe Carvalho, Libro de familia, As leis de Celavella, O show dos Tonechos, Los hombres de Paco, Pepe o inglés ou a gañadora do Óscar Mar adentro, da que foi tamén asesor lingüístico.[4][5]
Entre 2007 e 2009 foi un dos actores do programa de sketchs Air Galicia, polo que foi nomeado por primeira vez aos Premios Mestre Mateo na categoría de Mellor actor protagonista, e desde 2008 e ata 2014 interpretou a Josito Raña na serie de éxito Padre Casares. Durante ese tempo tivo tamén outros papeis en numerosas series e filmes, en Galicia e fóra dela, como 18 comidas (traballo polo que foi nomeado ao Mestre Mateo a mellor actor secundario), Retornos, Piratas, Matalobos, Outro máis, Encallados ou Os fenómenos. Fóra da pantalla representou a obra de teatro O florido pénsil, de Andrés Sopeña Monsalve, xunto aos actores Alfonso Agra, Josito Porto, Morris e Pico,[6] e percorreu Galicia co seu monólogo titulado Ración de Breogán.[7]. Dende 2011 a 2019 deu vida a Moncho en Era visto!, papel polo que foi nomeado seis anos consecutivos ao Mestre Mateo ao Mellor actor protagonista.
En 2015 iniciou un novo traballo teatral, representando a obra Presidente, de José Luis Prieto, xunto a César Goldi e Iolanda Muíños entre outros.[8] En 2016 actuou por toda Galicia co cómico Xosé Antonio Touriñán, nun espectáculo no que interpretaban aos detectives Curtis e Teixeiro.[9][10] Tamén ese ano apareceu de xeito episódico nas series Cuéntame cómo pasó e La que se avecina. En 2017 interpretou o tenente Guillermo Sanesteban durante os trece episodios da serie de Antena 3 Tiempos de guerra.[11] En 2018 participou no filme Trote, de Xacio Baño, traballo polo que foi galardoado como mellor actor secundario na 17ª edición dos Premios Mestre Mateo.[12][13] Ademais tivo un pequeno papel no filme A sombra da lei e comezou unha xira co tamén humorista Pepo Suevos representando o espectáculo A culpa é do sistema.[14] Ao ano seguinte apareceu como secundario en Eroski Paraíso e no derradeiro episodio da terceira tempada da serie La casa de papel. En 2020 traballou na serie de TVE Néboa.
Vida persoal
É irmán da historiadora Nancy Pérez, que foi parella sentimental do mito da Nova Trova Cubana Pablo Milanés durante os últimos anos da vida deste.[15]
Filmografía
Como actor
Televisión
Cine
Como guionista
Galardóns e nomeamentos
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas