Esther Margareta Katzen, nada en Buenos Aires o 16 de setembro de 1935, é unha escritora, socióloga, psicóloga e médica arxentina coñecida como Esther Vilar. Vilar apoia o que ela chamou "feminismo feminino", onde non se reproduce o concepto de que o home domina é a muller é vítima. Desde a súa tese busca inspirar a muller para que non dependa, logre posicionamento e liderado laboral e sexa sexualmente libre.
Traxectoria
Os pais de Vilar eran emigrantes xudeus alemás, que se separaron cando ela tiña tres anos.
Estudou medicina na Universidade de Buenos Aires e en 1960 recibiu unha bolsa para continuar na República Federal Alemá os seus estudos de mestrado en psicoloxía e socioloxía. Traballou como médica nun hospital bávaro durante un ano e ademais traballou como tradutora, vendedora, traballadora nunha liña de montaxe nunha fábrica de termómetros, modelo de zapatos e secretaria.[1]
Esther casou co autor alemán Klaus Wagn en 1961.[2] Tiveron un fillo, Martin, nado en 1964. O matrimonio rematou en divorcio. Con respecto ao divorcio, Esther dixo:
Non rompín co home, só co matrimonio como institución.
[3]
Abandonou a medicina para dedicarse a escribir. O fundamento da súa postura "feminista feminina" estableceuse na triloxía inicial que Vilar escribiu baixo o estilo de panfletos: El varón domado (1971), El varón polígamo (1974) e Modelo para un nuevo machismo (1977). Unha das ideas principais do seu libro El varón domado é que a muller non está oprimida polo varón senón que é a muller a que controla o varón para que sexa o seu escravo de benestar e isto é algo do que o home moitas veces non é consciente. Para iso, a muller compromete o home empregando estratexias de sedución, así como gabanzas, administrados coidadosamente. El varón domado foi bastante popular no momento da súa publicación, en parte debido á considerable cobertura da prensa que recibiu.[4] Vilar aperece en The Tonight Show o 21 de febreiro de 1973 para discutir sobre o libro. En 1975 foi convidada a un debate televisivo por WDR con Alice Schwarzer, que despois se fixo célebre como representante do movemento das mulleres nesa época. O debate foi controvertido, e Schwarzer afirmou que Vilar era[5] "non só sexista, senón fascista", comparando o seu libro co xornal nazi Der Stürmer.[6]
Nos anos posteriores dedicouse sobre todo ao teatro, con pezas como La sonrisa de la barracuda, Speer (sobre o arquitecto Albert Speer, posta en escena en Berlín e Londres, dirixida e protagonizada por Klaus Maria Brandauer), Horario de una venganza ou El discurso inaugural de la papisa americana e escribiu o suspense erótico Hablar y callar en Palermo en 2008.
Vilar viviu nos Estados Unidos, Alemaña, Suíza, Italia, Francia, España e Irlanda, antes de instalarse definitivamente no Reino Unido.
Obra
- El varón domado (1971)
- El varón polígamo (1974)
- Modelo para un nuevo machismo (1977)
- Das Ende der Dressur (1977)
- Viejos (1981)
- El discurso inaugural de la papisa americana (1982)
- Historia de amor para un zoólogo (1985)
- Las Matemáticas de Nina Gluckstein (1985)
- El encanto de la estupidez (1987)
- La educación de los ángeles (1995)
- ¿Es inmoral el matrimonio? (1995)
- Católicas del mundo, uníos (1996)
- Prohibido pensar (1998)
- Speer (1998)
- Los siete fuegos de Mademoiselle (2001)
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas