Eileen Ivers, nada en Nova York o 13 de xullo de 1965, é unha violinista estadounidense.
Traxectoria
De pais irlandeses, Ivers creceu no Bronx e asistiu ao St. Barnabas High School.[1] Durante a súa infancia pasou os veráns en Irlanda e comezou a tocar o violín aos nove anos, titorizada polo violinista irlandés Martin Mulvihill.[2] Fixo unha xira con Mick Moloney (músico e estudoso das raíces musicais americanas, irlandesas, galegas e africanas)[3] e a súa banda Green Fields of America, fundada en 1977. Graduouse cum laude no Iona College de Nova York e completou un posgrao en Matemáticas.
Foi fundadora da banda Cherish the Ladies, coa que gravou varios discos e realizou xiras durante varios anos.[4]
En 1994 publicou o seu primeiro álbum Eileen Ivers – Traditional Irish Music. En 1995, substituíu o violinista no espectáculo de danza e música tradicional irlandesa Riverdance de Bill Whelan e realizou varias xiras co grupo.[2]
O seu violín eléctrico Barcus-Berry de cor azul inspirou o nome do seu álbum Wild Blue, lanzado en 1996. Posteriormente substituíuno por un electroacústico Zeta Strados, tamén de azul e feito segundo as súas especificacións pola empresa estadounidense Zeta Music Systems.[5]
No ano 2000 participou no Festival de Ortigueira.[6] En 2002 colaborou na banda sonora da película Gangs of New York, en 2003 actuou no Festival Intercéltico de Lorient. En 2005 participou no disco 25 de Milladoiro.[7]
Discografía
Álbums solistas
- Eileen Ivers – Traditional Irish Music (1994)
- So Far (1979–1995) (1995)
- Wild Blue (1996)
- Crossing the Bridge (1999)
- Eileen Ivers and Immigrant Soul (2003)
- An Nollaig: An Irish Christmas (2007)
Colaboracións
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas