Varias adaptacións de Doctor Strange estiveron en fase de desenvolvemento dende mediados da década de 1980, até que Paramount Pictures adquiriu os dereitos cinematográficos en abril de 2005 en nome de Marvel Studios. Thomas Dean Donnelly e Joshua Oppenheimer foron incorporados no proxecto en xuño de 2010 para escribir o guión. En xuño de 2014, Derrickson foi contratado como director, xunto con Spaihts para reescribir o guión. Cumberbatch foi escollido para o papel epónimo en decembro de 2014, precisando dun cambio de calendario para non interferir nos seus outros compromisos. Isto permitiulle ó propio Derrickson ter tempo para traballar el mesmo no guión, coa axuda de Cargill. A fotografía principal comezou en novembro de 2015 no Nepal, antes de trasladarse ó Reino Unido e a Hong Kong, rematando na cidade de Nova York en abril de 2016.