Logo de ser promotor fiscal durante un breve período e de retomar as súas actividades profesionais, en 1843 foi redactor de La Gazeta de Madrid para deixar o posto en beneficio do seu escano como Deputado pola provincia de Zaragoza. Vinculado neste período ao Partido Moderado, en 1847 a súa defensa de Ramón María Narváez fronte ao ataque dos progresistas permitiulle ser nomeado Fiscal do Consello Real, onde chegou a ser conselleiro, así como Subsecretario do Ministerio da Gobernación.
Nun novo xiro político na súa vida, logo de permanecer apartado da actividade política un tempo (aínda que mantivo o posto de deputado), participou na Vicalvarada e foi un dos que subscribiu o Manifesto de Manzanares.
No Bienio Progresista foi un activo defensor do Partido Moderado que se atopaba en grave situación, e a el atribúese poder manter as filas do mesmo organizadas fronte aos movementos dos progresistas e a aparición da Unión Liberal de Leopoldo O'Donnell, con quen se enfrontou abertamente, tanto nas Cortes como a través da publicación satírica e neocatólica que fundou, El Padre Cobos.
Tan ardente defensa da reacción permitiulle ser nomeado Ministro de Gobernación en 1856 trala caída do Bienio. Despois, e aproveitando a folgada maioría parlamentaria conservadora das eleccións xerais que organizara desde o Ministerio, impulsou a derrogación de distintas leis progresistas do período anterior, aprobando unha Lei de Imprenta que é considerada a máis restritiva do período do reinado de Isabel II.
Durante o goberno da Unión Liberal foise apartando progresivamente da actividade política moderada para integrarse nos movementos neocatólicos. Malia que os esforzos de O'Donnell por gañarse aos moderados á causa da Unión Liberal tiveron éxito en moitos casos, Cándido Nocedal resistiuse ata á oferta de presidir o Congreso dos Deputados e ser embaixador en Roma (1867). Comezou a publicar un novo diario, A Constancia, desde onde manifestaba a súa intención de deter ás forzas revolucionarias que ameazaban España. Coa revolución de 1868, trala caída de Isabel II, decidiu unirse con outros antigos isabelinos aos carlistas. Don Carlos nomeouno o seu representante en España malia a oposición de amplos sectores do carlismo, e reforzou a súa posición aínda logo de perdida a Terceira Guerra Carlista.
A súa actitude intransixente obrigoulle a abandonar España durante un breve período (1874-1875), refuxiándose en Portugal. Coa restauración borbónica, lonxe de unirse á causa afonsina, mantívose na Comuñón Católico-Monárquica e creou unha nova publicación, El Siglo Futuro, que se editou durante 61 anos ata o estalido da Guerra Civil en 1936.
Uns anos antes da súa morte en 1885, enfrontouse a un sector do carlismo, representado por xornais como La Fe, partidario dunha unión política cos católicos liberais e de facer algunhas concesións ao liberalismo. Aínda que Cándido Nocedal sempre tivo o apoio expreso de Don Carlos, logo da súa morte, os seus fieis -unidos ao redor do seu fillo, Ramón Nocedal, que herdou a dirección de El Siglo Futuro- foron expulsados en 1888 por Don Carlos, dando orixe ao partido integrista.