Está considerado por xenealoxistas e historiadores como o título nobiliario máis antigo de España, xa que xa aparece no século XI como dominio feudal no norte de Galiza. Era un dos feudos máis importantes do reino, e un dos que proporcionaba maiores ingresos. Asociado orixinalmente á estirpe da Casa de Traba ata o século XIII, cando a dita casa queda extinguida e o título volve ao rei de León.
Durante un tempo, os reis utilizaron este título e as grandes rendas asociadas para premiar a fidelidade dalgúns nobres, aos que nomearon como Conde de Trastámara de por vida, pero sen que fose hereditario, de tal xeito que o título volvería a ser da coroa ao morrer o conde.
Ao redor de 1340, o rei Afonso XI outorgaría finalmente o título ao seu fillo bastardo Henrique, que sería o fundador da chamada Casa de Trastámara, adoptando o nome do seu título para a Casa Real e creando despois unha liñaxe homónima, xa que o título era herdable, cuxos membros chegarían a ser reis de Castela, Aragón, Navarra, Sicilia e Nápoles.
Despois da batalla de Montiel, o rei Henrique nomeou ao seu sobriño Pedro Henríques de Castela como Conde de Trastámara. O título permanece na estirpe dos Henríquez ata a súa extinción, en 1430. Hai que ter en conta que, precisamente polo ascenso da Casa de Trastámara á coroa de Castela, producíronse importantes cambios na organización feudal de Galiza que reduciu notablemente os ingresos do condado de Trastámara.
fagoos merced por juro de heredat para siempre jamas de las tierras de Trastámara e Trava, que son del Condado de Trastámara en el dicho reino de Galicia[1]
Na estirpe de Pedro permanece hoxe o título a través da Casa de Osorio, que pouco despois se uniu á Casa de Altamira dando lugar ao apelido Osorio de Moscoso.