Fixo os estudos de ensino secundario en Viana do Castelo, o curso xeral, e en Braga os estudos complementarios. Fixo o curso médico cirúrxico na Facultade de medicina do Porto, defendendo a tese Alma doente (a génese da psicastenia). Participou na folga académica de 1907, sendo un dos organizadores no Porto, e está entre os alumnos que rexeitaron ser exculpados, non presentándose ós exames. Nesa época fundou xunto con Leonardo Coimbra, Jaime Cortesão e Álvaro Pinto a revista Nova Silva, da que se desligou cando no segundo número se fixo crítica de Afonso Costa. Concluíu os estudos no 1911, amante da súa terra e de espírito eminentemente pedagóxico, practicamente non vai exercer en medicina.
A actividade principal foi a docencia; no instituto de Viana do Castelo, onde estudara, impartiu as disciplinas de Letras e de Ciencias, tamén impartiu clases de ensino secundario, ensino superior e clases de ensino técnico. Exerceu durante algúns anos funcións de médico escolar; do 1911 ó 1926. En 1944 afastouse da actividade docente por motivos de saúde.
Exerceu durante a súa etapa de profesorado actividade relacionadas coa investigación e divulgación científica, centrando o seu interese na etnografía e na filoloxía, dedicando parte fundamental da súa obra ó estudo da cultura tradicional do Alto Minho.[2][3]
Foi fundador ou cofundador das revistas Límia, Lusa e Portucale entre outras, deixando numerosos artigos breves sobre a lingua portuguesa nas revistas que dirixía ou nas que colaborou.[1]
Obra
Estudos etnográficos na Revista Lusitana
O seu primeiro traballo filolóxico de certa extensión, «Falas e tradições do distrito de Viana do Castelo», publicouse na Revista Lusitana (nº 13, 1910), que fundara José Leite de Vasconcelos no 1889. En «Nomes das "agulhas" sêcas» (Revista Lusitana nº 19, 1916) describe os nomes para denominar á folla do piñeiro no norte de Portugal, indicando os lugares onde se emprega cada termo. Fixo un coidadoso estudo acerca da «"Saudade" en português e galego» (Revista Lusitana nº 17, 1914), e despois en separata o ano seguinte, un ensaio en sete páxinas sobre as diferentes formas de "saudade". Sobre o tema apunta Cáudio Basto varios exemplos de formas recollidas principalmente no libro Follas Novas de Rosalía de Castro.[4]
Non topo, en verdade, estudo máis grato que o do vocábulo saudade, o cal vivindo na lingua dos dous pobos, xunguíndoos a dozura dos co-dialectos e os temperamentos iguais, é sen dúbida un dos máis agarimosos e expresivos vencellos de consanguinidade, ou mellor, de unidade.
En 1930 publicou Traje à Vianesa[6], iniciada en 1923 como un breve ensaio titulado Do Traje "à vianesa" em geral e do traje de Alfife em especial, configurando os estudos relativos ó traxe popular.[2]
Cláudio Basto ocupouse con frecuencia de asuntos que até ese momento non suscitaran interese nos filólogos: «A linguagem dos gestos em Portugal (esbôço etnográfico)» (Revista Lusitana nº 36, 1938); «Formação popular de "nomes-de-unidade"», en Miscelânea de estudos em honra de D. Carolina Michaëlis de Vasconcellos (1933), onde recompila palabras coa terminación –eiro, que no canto de colectivo, fan referencia a obxectos individuais, polo menos entre a xente do norte de Portugal; «Formas de tratamento, em português» (Revista Lusitana nº 29, 1931).
Nas revistas que dirixiu ou nas que colaborou, lémbrese que foi fundador ou cofundador de varias revistas, deixou numerosos artigos breves sobre a lingua portuguesa, resaltando o uso popular pándego, etimoloxías inesperadas ou algunha explicación de ortografía.
Labor enciclopédico
Tamén cabe sinalar seu labor de recensión; como a serie de «Nótulas ao Novo Dicionário», publicadas na Fôlha de Viana entre 1913 e 1916 sobre a obra de Cândido de Figueiredo. Escribiu algunhas noticias biográficas de filólogos; sobre Gonçalves Viana, na Revista Lusitana (nº 17, 1914), de Teófilo Braga (Revista Lusitana nº 28, 1930), de Mário Barreto, en Portucale (nº 4, 1931). Fai para a Enciclopédia Portuguesa e Brasileira (1943) algúns artigos, como «Dialectos portugueses», onde o filólogo vianés fai unha revisión bastante completa da dialectografía portuguesa.
Estudos literarios
Realizou algúns traballos que teñen certo interese no referente ós estudos literarios: A linguagem de Camilo (1927), sobre Camilo Castelo Branco; A linguagem de Fialho (1917), sobre Fialho de Almeida; Foi Eça de Queirós um plagiador? (1924), sobre Eça de Queirós. Preparou a edición anotada de Os Lusíadas (1930), escribindo amais outros artigos de camonoloxía.
Obra literaria propia
Ten ademais obra de cronista, novelista e poeta: Ironia Galante (1912); Flores do frio (1922); O Doutor Diabo (1928)[1].
Recoñecementos
Hai un busto de Cláudio Basto creado por Manuel Rocha en Viana do Castelo.[7]
Vida persoal
Casou en 1917 en Lisboa coa súa colega de profesión Hermínia Costa de Oliveira Basto, con quen tivo un fillo.