O castelo constaba dunha torre interior amurallada, con defensas exteriores de forma poligonal, rodeada dun foxo profundo. Arestora o estado de conservación é de abandono e só se conservan parte das defensas exteriores, que son de forma redondeada, moi raras en Galicia.[1] Con todo, nuns puntos conserva uns 18 metros de altura sobre do terreo exterior a cerca, na que se aprecian entre as ruínas os muros divisorios e a entrada do castelo.[7] A torre da homenaxe era moito máis alta cás murallas e probablemente estivese almenada. Os muros teñen un grosor medio de 2,5 m.[7] O groso da cerca é duns 2,60 m e é de cachotería de lousa.
Historia
Os primeiros rexistros históricos que mencionan o castelo datan do 1401 e trátanse dun documento de Gonzalo Díaz de Mesía, que foi señor desta xurisdición a preito de homenaxe das mans de Bernal Yánez, quen tiña a fortaleza polo Arcebispo Lope de Mendoza. O nome de Gonzalo Díaz de Mesía aparece nunha inscrición que figuraba no lintel da porta da torre da homenaxe:
ESTA CASA FEZO D. GONZLAVO (Gonzalvo) DÍAZ DE MESÍA E SUA MOLER M(María) PRES (Peres).
A fortaleza de Mesía está a sete leguas da cidade de Santiago cara Betanzos. Ten as paredes fortes e uns durrumbaderos por toda ela. O redor e pola parte Oriente e do Septentrión, la cerca un río (el Samo) e só a entrada pola porta ten llana. Ten algúns apousentos e razoable vivenda, pero moi lóbrega e melancólica. Na fortaleza e xulgado de Mesía, que ten 2000 vasalos, pon (o Arcebispo) un xuíz, o cal así mesmo es alcaide de dicha fortaleza.
—Cardeal Hoyo, 1608
O cronista Vasco de Aponte na súa obra Recuento de las casas antigas do reino de Galicia, escrita entre os anos 1510 e 1516, di que Gonzalo Díaz de Mesía "sirvió moi ben ao rei D. Enrique e ganou as sete felegresías, era home esforzado e valente. Tiña corenta lanzas e cenhomes. (...) Se o mataban un home, el mataba dous por el. Abateu a casa de Ledoira, Guerreábase con Ruy Sánchez, su primo, facéndolle dous por una. O arcebispo no lle facía forza". Vasco de Aponte continúa o relato dos litixios do Arcebispo Lope de Mendoza pola posesión da fortaleza e como as perdeu e outras liñaxes a herdaron.
O ano 1467 foi determinante na historia do castelo. Os Irmandiños tomárona e foi destruída, pero ó ser abandonada por estes, o Arcebispo Fonseca usurpou a propiedade e restaurouna. Despois da famosa batalla de Altamira, os cabaleiros galegos ó mando de Gómez Pérez das Mariñas II, derrotaran a Fonseca, recuperando o dominio sobre as fortalezas e castelos dos que se tiña apoderado o prelado aproveitando as sublevacións irmandiñas. Gómez Pérez deixou a torre en herdanza á súa filla Dona Ginebra, xunto coa xurisdición e as terras de Mesía, máis ó casar co castelán Luis Azevedo e marchar para Salamanca, outros señores do contorno usurparon a torre, e pretenderon construír mais castelos neste territorio.[5] Mais Azevedo e a súa muller queixáronse a raíña Isabel a Católica, que atendeu as súas demandas en Valladolid no 1476 e ordenou ás xustizas de Galicia que impedisen a edificación doutras fortalezas na xurisdición de Mesía.[5] Malia todo o proceso, en 1523, rematará en poder da mitra compostelá.[7]
No 1858 a construción conservábase intacta. Só dous anos máis tarde, o poeta Ángel Corzo, nunha carta persoal comenta que:[5]
Hai dous días que estou en Mesía, quixen visitar ao seu antigo castelo, e atopeino desfeito polo pico e a sacha do home.
Entre as lendas e tradicionais xurdidas á sombra desta fortaleza figura a da Infanzona, que recolle Benito Vicetto nas súas Tradicións feudais de Galicia, publicada en Vigo no 1878, e a lenda incluída no Cancionero de Galicia, editado en Santiago polo poeta Ángel Corzo. Nesa lenda da Infanta de Mesía cóntase como a dona do castelo, namorada dun trobador, decátase de que este entendíase cunha doncela do seu séquito. Así encargoulle, despeitada, a un parente que lle entregase a cabeza da traidora. Na lenda podemos ler:
- Mirade, segundo souben onte, todas as noites esa descoñecida muller, saíndo do castelo á media noite, diríxese ás ruínas do San Cristovo. Alí espéraa el, escoitades?, espéraa Xoán Rodríguez do Padrón, o máis aposto trobador da nosa terra.
- Proseguide.
- Esta noite repousade nesa pequena ponte que hai entre as ruínas e o castelo, e cando vexan pasar a misteriosa rival que causa este terrible suplicio que padezo...
- Matala...?
- Si; marmexou a infanzona agochando maquinalmente o rostro entre as súas mans como se se avergoñase de pronunciar aquela palabra.
A historia remata coa sorpresa desagradable da cabeza decapitada da filla da dona do castelo.[9]
Outra lenda di que sendo dono do castelo os Churruchaos, ao arcebispo de Santiago gustáballe a filla deste e fixo que a prenderan para levala co arcebispo. O pai da moza cheo de ira colleu un día nunha rúa de Santiago o arcebispo por sorpresa e cravoulle un coitelo causándolle a morte e sendo axusticiado logo o pai da moza polo feito acaecido.[9]
Ben de Interese Cultural
O Castelo de Mesía está baixo a tutela do Estado pola lexislación do Decreto de 22 de abril de 1949 sobre Protección de Castillos Españoles, expedido polo Ministerio de Educación Nacional (B.O.E. 5-5-1949) e foi declarado Ben de Interese Cultural o 17 de novembro de 1994 polo Ministerio de Cultura.[10] En 2022, o concello encargou á cooperativa Árbore, a primeira intervención de tipo arqueolóxico que serviu para limpar os restos e consolidar as ruínas para o seu aproveitamento cultural e turístico.[11]
↑"Plan xeral de ordenación municipal"(PDF). concellodemesia.es. xaneiro de 2013. Archived from the original on 21 de xuño de 2013. Consultado o 17 de xaneiro de 2023.
↑[1]Arquivado 09 de febreiro de 2021 en Wayback Machine. Revista galaica N.15. Tradicións feudais de Galicia. A Infanzona de Mesía. 1875
↑ 9,09,1Troiano, Xosé (13 de xaneiro de 2013). "Castelo de Mesía". patrimoniogalego.net. Consultado o 17 de xaneiro de 2023.
↑"Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 29 de agosto de 2013. Consultado o 29 de agosto de 2013. Catálogo arquitectónico. Plano Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Mesía. 2013.