O castelo de Doiras, tamén coñecido como Castelo da Ferrería, é unha fortificación medieval. Sitúase no alto dun risco á beira do río Cancelada, no lugar de Doiras, na parroquia de Vilarello, do concello lugués de Cervantes, preto da Ferrería de Fonquente.
Historia
O castelo construíuse no século XV co obxectivo de defender a entrada en Galicia do Camiño de Santiago e foi fundado por Paio Guindós. Foi propiedade do conde Grajal de Campos, señor de Cervantes, título que posuíu até 1909 o Duque de Sexto. Mercouna Emilio Martínez Baladrón nos anos corenta e vendeulla despois a Bruno Arrojo. En 2001 pasou a pertencer a Xosé Soto Rodríguez, quen llo cedeu á fundación Xosé Soto de Fión.[1] En 2024 mercouno o concello de Cervantes coa axuda da Deputación de Lugo.[2]
Estrutúrase nun polígono rectangular de 25 por 21 metros de ancho elaborado con muros de metro e medio de espesor e oito metros de altura (esta é desigual, debido ós desniveis do terreo), construído en cachotaría de lousa. A torre da homenaxe acada os 14 metros de altura, e ten planta rectangular (10 metros por 8) con muros de 2 metros de espesor. Interior con salóns e apousentos con pinturas ao fresco moi deterioradas. Todo forma conxunto coa igrexa, denantes capela familiar, e o grupo de casas do núcleo urbano.
A porta da entrada é de madeira e ten uns catro metros de altura, dende a cal se accede ao patio de armas. Unha porta cun arco de medio punto permite o acceso ao patio de honra.
Estado de conservación
A pesar de que a primeira vista poida parecer en bo estado de conservación, polo impresionante das estruturas visibles, foi sometido en tempos recentes a diversas restauracións de dubidoso criterio científico e o seu interior atópase nun estado lamentable, ata o punto de que aparece lixo acumulado nalgunhas zonas.[3]
Lendas ó redor do castelo de Doiras
Existen dúas lendas situadas no castelo de Doiras. A primeira conta que un pai e un fillo que vivían no castelo discutiron agremente porque o primeiro quería celebrar unha festa na casa mentres que o segundo prefería ir á festa que había en Pedrafita do Cebreiro. O fillo non quixo obedecer ó pai e este lanzoulle unha maldición: "Xa que tanto te gustan as mozas, así andes tras das lobas".
Efectivamente, unha noite o fillo vese impelido a abandonar a cama e o castelo, e remata envorcallándose nunha poza de lama. Así convértese nun lobishome que ataca o gando das aldeas próximas. O pai, agoirado pola falta do fillo e desconfiando que puidese tratarse deste acode a unha meiga, que lle confirma as sospeitas e aconséllalle qué facer para recuperar o fillo: deberá ferilo levemente e este recuperaría o aspecto humano, pero coa cautela de que se matase ó lobo, o fillo tamén morrería. O pai sobe ó monte e ata un año a unha toxeira, de forma que o lobishome acode ó cebo e el consegue facerlle un corte na pel co coitelo que leva.
Pouco a pouco, a pel do animal vaille caendo e liberando ó fillo, que pronto vai recuperando a antiga forma humana.
A segunda lenda, máis coñecida que a anterior, conta a transformación dunha doncela nunha cerva branca e a morte a mans do seu irmán, que andaba de cazata polos montes do lugar. Trátase da lenda da muller cerva.
Galería de imaxes
Notas
↑"Doiras ben merece unha atención", La Voz de Galicia, 5.02.2017, p. 4.