O camón mediterráneo[2] é unha ave do xénero Porphyrio.
Características
Trátase dunha ave cunha lonxitude duns 40-50 centímetros. A súa plumaxe é azul escuro, sendo máis claro na gorxa, pescozo e peito. O peteiro é grande e vermello, estendéndose ata a testa. As patas son vermellas e de longos dedos. As ás infracobertoiras caudais son brancas. Trátase dunha ave ligada a zonas pantanosas e lagoas, preferiblemente con matogueiras e canavais densos e abundantes. Con capacidade para nadar, o seu voo é rápido con abundantes movementos das ás.
Taxonomía
O xénero porphyrio ten provocado diversos debates. A maior parte das diferenzas radican en diverxencias de tamaño ou cor, de escaso valor debido a notable variabilidade de individuos entre poboacións próximas[3]. De feito, o Museo Nacional de Ciencias Naturais de Madrid conservan dous individuos de principios de século procedentes da albufera de Valencia que pertencen a subespecie africana[3]. Un traballo recente baseado en análises xenéticas ten mostrado que a subespecie ibérica ten un forte parentesco coa subespecie do sueste de Asia (indicus), estando moi afastado das subescies máis próximas poliocephalus ou seistanicus[3].
Subespecies
A complicada xenealoxía dos camóns ten sido explicada por unha orixe parafilética. É dicir, resultado de múltiples eventos de colonización, seguramente da man do home, sobre grandes distancias, dando lugar a diferentes subespecies con diversos grados de parentesco e provocando a extinción doutras[3]. De acordo a algúns autores teñen existido ata 18 subespecies de camóns, catro delas consideradas extinguidas[3]. As subespecies extinguidas foron p. mantelli (propia do norte de Nova Zelandia), p. kukwiedi (propia de Nova Caledonia), p. paepae (propia das Illas Marquesas) e a p. mcnabi (propia das Illas da Sociedade)[3]. Xeograficamente as dúas subespecies catalogadas máis próximas á subespecie ibérica porphyrio son: a subespecie madagascariensis caracterizada polo dorso e ás verdosas e a subespecie poliocephalus cuxa cabeza é agrisada en vez de azul.
Distribución
Na época romana era unha ave frecuente no eido mediterráneo[3]. Así o testemuñan os múltiples mosaicos e xacementos onde se representa a ave. O contexto das representación suxiren que a especie foi domesticada, cun uso puramente ornamental[3]. Ademais diversos autores clásicos coma Diodoro Sículo, Plinio o Vello ou Alexandre de Mindo afirmaban que a especie fóra introducida. Tese refrendada pola ausencia de restos fósiles da especie no mar Mediterráneo[3]. Entre os séculos XVII ata o XIX a especie volveu ser completamente salvaxe, entrando en perigo de extinción no século XX. Para evitar a súa desaparición, leváronse a cabo programas de reintrodución en Portugal, España e Italia[3]. Hoxe en día a subespecie porphyrio distribúese polas zonas húmidas da metade sur da Península Ibérica e está presente nas Baleares, Sardeña e Tunisia.
A subespecie madagascariensis distribúese por Exipto, mentres que a poliocephalus atópase localmente en Turquía, mar Caspio e os vales do Éufrates e Tigris.