En ecoloxía chámase bentos[1] (do grego βένθος bénthos, "o fondo mariño")[2] á comunidade formada polos organismos que habitan o fondo dos ecosistemas acuáticos como, por exemplo, ríos, lagos ou no leito mariño.[3][4] Adxectivos referidos ao bentos son bentónico (organismos bentónicos) e béntico (usado case exclusivamente no termo zona béntica). O termo bentos, foi creado por Ernst Haeckel en 1891.[5]
Características
O bentos distínguese do plancto e do necto, formados por organismos que viven en suspensión e se trasladan pasivamente nadan nas augas, ou que nadan activamente nelas, respectivamente.
Alí onde a luz alcanza o fondo, o que depende da profundidade e da transparencia do medio, a comunidade inclúe produtores primariosfotosintetizadores. No medio afótico (sen luz) dos fondos máis profundos, todos os organismos son consumidores, dependendo por tanto o conxunto dos animais bentónicos dos cadáveres, restos orgánicos e microorganismos que a gravidade arrastra desde niveis máis superficiais.
Un caso especial e notábel é o das biocenoses máis ou menos efémeras que se establecen en puntos das dorsais mediooceánicas, a profundidades abisais, onde se produce vulcanismo hidrotermal, con emisión de auga moi quente e cargada de sales. Nestes ecosistemas a produción primaria corre a cargo de bacteriasquimiosintetizadoras, unhas de vida libre e outras simbióticas asociadas con animais.
As comunidades bentónicas máis produtivas e de maior biodiversidade, tamén probabelmente as máis ameazadas, son os arrecifes de coral. A desorganización e empobrecemento das comunidades bentónicas por certas artes de pesca, como as redes de arrastre, están entre os maiores problemas ambientais.
As principais fontes de alimento no plancto e o bentos son substancias orgánicas que chegan arrastradas desde terra firme. A profundidade da auga, a temperatura, a salinidade e o tipo de substrato local determinan o bentos que atopamos en cada lugar. Nas augas costeiras e outros lugares onde a luz alcanza o fondo, poden proliferar as diatomeas bentónicas fotosintetizadoras. Os invertebrados filtradores, como as esponxas e bivalvos, dominan os fondos duros e areosos. Os sedimentívoros, como os poliquetos, poboan os fondos brandos. Peixes, estrelas de mar, caracois, cefalópodos e crustáceos constitúen importantes depredadores e carroñeros.
Macrobentos: Comprende os organismos bentónicos máis grandes, visibles a primeira ollada, de máis de aproximadamente 1 mm de tamaño. Algúns exemplos son vermes poliquetos, bivalvos, equinodermos, anemones de mar, corais, esponxas, ascidiáceos, turbelarios e crustáceos máis grandes, como cangrexos, lagostas e cumáceos.[6]
Pradeira mariña
Equinodermos (estrelas de mar)
Ascidia (Rhopalaea Crassa)
Verme acuático, caracol, larvas de mosquito e anfípodos