Viviu 16 anos fuxido ata que foi detido no lugar da Costa (Oza-Cesuras) nun enfrontamento coa Garda Civil. Benigno Andrade é un dos nomes míticos do antifranquismo armado en Galicia.[3] Foi condenado en consello de guerra sumarísimo a tres penas de morte "como o maior criminal dos últimos anos", segundo recolle a sentenza. Enviou unha carta pregando clemencia á filla de Franco, Carmen, quen respondeu dicindo non poder "meterse en asuntos políticos".
Traxectoria
Nacido no lugar das Foucellas, do que tomou o alcume, na parroquia de Cabrui, Mesía. Fillo de Andrés Andrade Lata e Francisca García Paz, casada en segundas nupcias, quen xa tiña un fillo. Foucellas tiña dous irmáns: Consuelo (falecida antes de 1952) e José Couceiro García (residente dende 1952 na Arxentina).
Estudou na escola primaria da localidade e desde moi novo traballou no campo de xornaleiro e nunha leitería.[4] Trasladouse a León para traballar nas minas de carbón de Fabero, Ponferrada. En 1934 foi vivir a Curtis coa súa nai e traballar na madeireira Torres de Curtis en xullo de 1936. Segundo descrición da Garda Civil, Foucellas medía 1,67 metros de estatura, tiña o pelo negro, ollos marróns, boca regular, barba pechada, cara alongada e nariz regular.
Estaba casado con María Pérez Mellid, de nacionalidade española e arxentina e nada no país americano, con quen tivo catro fillos, Pepiña, Sergio, Benigno e Carmen. Os dous últimos foron criados por María Novo García, curmá del, en Ru, Vilasantar.[5]
A familia vivía en Bodeus, fronte á estación de ferrocarril. A muller traballaba na casa do médico da localidade, Manuel Calvelo, quen xunto coa súa muller Isabel Ríos en 1934 dirixían a célula comunista de Curtis, a Sociedade Republicana Radio Comunista en Curtis, coa que simpatizaba Foucellas. A súa irmá Consuelo traballaba no cuartel da Garda Civil.
Posteriormente afiliado á CNT, ao estalar a Guerra civil española enrolouse nunha columna que se dirixía á Coruña. Atoparon a cidade xa tomada polos grupos golpistas, polo que retornou a Curtis. Interveu nunha requisa de armas en Fisteus e noutra de dinamita na estación de Teixeiro. Ao temer represalias dos sectores fascistas, botouse ao monte. Durante a guerra estivo enfermo de difteria e pasouna escondido en diversos lugares do concello. Durante ese tempo foi chamado a filas e declarado prófugo.
Xa recuperado, aínda non buscado activamente pola Garda Civil, púxose á fronte, contra 1941, dunha partida guerrilleira que actuaba sobre todo na zona de Sobrado dos Monxes e Arzúa, formada principalmente por prisioneiros republicanos fuxidos dos batallóns de castigo disciplinario que existían daquela en Galicia. O 15 de marzo de 1945 foi asasinado o cabo da Garda Civil Manuel López Bello en Curtis. Días despois, Foucellas resultou ferido coa súa propia arma indo a cabalo. Os amigos levárono ao sanatorio de San Nicolás da Coruña, onde foi operado e resgardado. Cóntase que nesta altura ía a Riazor ver o Deportivo vestido de crego para evitar sospeitas.
Benigno Andrade participou do Exército Guerrilleiro de Galicia. En 1947 partiu a Pontevedra para organizar a V Agrupación,[2] da que foi o principal combatente. Procesado na causa 262/48 por agresión a forza armada e homicidio, foi reclamado polo Xulgado Militar Eventual número 2 de Santiago de Compostela xunto con José Remuiñán Barreiro en xuño de 1948.[6] En outubro de 1949 escapa a unha emboscada da Garda Civil tendida a Riqueche, xefe do Destacamento Arturo Cortizas.
A súa familia sufriu o acoso das autoridades. A súa muller e a súa tía foron encadeadas logo de atopárselles unha carta de Benigno. Cando morreu a súa muller, desterrada en Valladolid, a filla tiña 12 anos e vivía soa en Curtis. Pepiña viaxou soa no tren á Coruña e foi ver a Fernando Hierro, o gobernador civil, para suplicarlle que a Garda Civil deixase de acosala.[7] Con 16 anos, trala morte da súa avoa, exiliouse en París.
Nos anos 1950 e 51, xa moi minguados os destacamentos guerrilleiros, trasladouse á zona de Betanzos, con Manuel Vilar Arnoso, Manolito, quen lle servía de único enlace. O 9 de marzo de 1952 foi detido no lugar da Costa, en Oza dos Ríos. Manolito e outro guerrilleiro, e o garda civil Cesáreo Díez resultaron mortos. Benigno ficou ferido nunha perna.
A muller do Foucellas foi separada dos seus fillos, morreu nun hospital de Valladolid. A súa filla quedou a cargo dunha avoa pobre que non se podía facer cargo do fillo o cal tivo que ir vivir con outro familiar. Pepiña con 12 anos facía traballos de costura polas casas cobrando 10 pesetas e a comida. Trala morte da súa avoa en 1957 marchou a Francia con 6.000 pesetas deixadas por un tío seu. Non volvería a Galiza ata 32 anos despois.[9] Está casada e vive en Alacant.
A vida de Benigno Andrade está escurecida pola lenda forxada polo pobo, que lle atribuíu toda clase de actos, até o extremo de que os guerrilleiros galegos foron chamados "Foucellas" en xeral. Atribuíronselle multitude de actuacións, aínda que é certo que moitos bandoleiros e delincuentes comúns culpaban ao Foucellas dos seus propios crimes, debido á súa gran fama.
Homenaxes
Non foi oficialmente recoñecido como loitador ou guerrilleiro ata 1992 coa inauguración do Museo Militar Rexional da Coruña, onde se expón o seu fusil. En outubro de 2008 foi homenaxeado no campo da Rata da Coruña.[10] O pleno de Betanzos aprobou unha moción do BNG en agosto de 2024 para crear un memorial no Museo das Mariñas, onde foi executado, e o cumprimento da Lei de Memoria Histórica.[11][12] O PSdeG e o BNG aprobaron a moción, mentres que o PP se opuxo, considerándoo un “delincuente” e cuestionando o gasto. Socialistas e nacionalistas defenderon a importancia de lembrar as vítimas do franquismo e os loitadores contra a ditadura.[13]
Galería de imaxes
Homenaxe a Foucellas na Costa.
Cuartel da Garda Civil en Betanzos, actualmente Museo das Mariñas.
Redondo Abal, F. X. (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleros antifranquistas en Galiza (1939-1965). Documentos. Sada: Ediciós do Castro. ISBN84-8485-231-8.
Carlos Fernández (6 de marzo de 2003). "La leyenda que acabó en el garrote vil". La Voz de Galicia(en castelán). Archived from the original on 06 de marzo de 2003. Consultado o 10 de decembro de 2021.