Benedykt Tadeusz Dybowski, nado o 12 de maio de 1833 en Adamaryn, uezd de Novogrúdok, Imperio ruso, e finado en Lwów, Segunda República Polaca, (hoxe Lviv, Ucraína), foi un médico e naturalista polaco.
Traxectoria
Benedykt Dybowski naceu en Adamaryn, no uezd de Novogrúdok, Gobernación de Grodno, Imperio ruso (Hoxe en Belarús)
Estudou Medicina na Universidade de Dorpat (actual Tartu, en Estonia), e posteriormente estudou na Universidade de Breslavia, obtendo seu doutoramento na Universidade Humboldt de Berlín.
Participou en varias expedicións para buscar e estudar peixes mariños e crustáceos. Conseguiu un posto de profesor de Zooloxía na Universidade de Varsovia, daquela baixo a administración do Imperio ruso.
Participou no Levantamiento de xaneiro, un levantamento na antiga República das Dúas Nacións (actuais Polonia, Lituania, Belarús, [[Letonia], e partes de Ucraína e de Rusia occidental) contra o Imperio ruso, en 1863-1864, feito polo que foi arrestado, xulgado e condenado a morte, aínda que a sentenza foi reducida a 12 anos en Siberia.
Empezou a estudar a historia natural de Siberia e, en 1866, o gobernador Muráviov eximiu a Dybowski dos traballos forzados (kátorga), restaurou os seus dereitos civís e propúxolle traballar como doutor nun hospital.
Estableceuse no pequeno pobo de Kultuk e comezou un estuio detallado do lago Baikal, con algunha axuda técnica por parte da Sociedade Xeográfica Rusa.
Exerceu como médico para a poboación indíxena de Kamchatka, as illas Aleutianas, as illas do Comandante e a illa de Bering, o que lle supuxo facer catro viaxes ao ano ás áreas poboadas da zona.
Tras volver de Asia, proseguiu o seu traballo de investigación na Universidade de Leópolis en 1883. E presidiu a Sociedade Copérnico de Naturalistas Polacos entre 1886 e 1887.
En 1921 foille concedido un doutoramento honoris causa pola Universidade de Varsovia e, en 1923, outro pola Universidade de Vilna. En 1927 a Academia de Ciencias da Unión Soviética elixiu a Dybowski como membro correspondente.
Dybowski pasou os últimos anos da súa vida en Leópolis. Faleceu aos 97 anos, e foi enterrado no cemiterio leopolitano de Łyczakowski, xunto con outros participantes do Levantamiento de 1863.
A maior parte da súa colección de espécimes zoolóxicos e botánicos encóntrase no Museo Zoolóxico de Leópolis.
O anfípodo Gammaracanthuskytodermogammarus loricatobaicalensis, supostamente procedente do lago Baikal foi nomeado por el,[1] e foi considerado o nome científico máis longo, aínda que na actualidade, este nome non se considera válido. O que si se considera válido é o nome do salmónido Thymallus grubii var. baicalensis, descrito por el en 1874, e que hoxe está considerado como unha nova especie, Thymallus baicalensis.[2][3]
En febreiro de 2014, o explorador Jacek Pałkiewicz presentou unha placa en memoria de Dybowski en Petropávlovsk-Kamchatski.[4]
Distincións
Foi membro da Academia de Ciencias de Rusia, e da Academia de Ciencias da Unión Soviética.
Comendador con Estrela da Orde Polonia Restituta.
Abreviatura
A abreviatura Dybowski emprégase para recoñecer a Benedykt Dybowski como autoridade na descrición e taxonomía en zooloxía.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas