Tamén chamada coloquialmente "a olimpíada do remo", é a regata de traiñeiras máis prestixiosa da tempada. Para os máis modestos, chegar á clasificatoria é todo un premio, mentres que para os denominados "galos", os equipos máis grandes, non clasificarse pode ser unha desgraza. Actualmente forma, xunto coa liga ACT/San Miguel e o Campionato de España, a tríade de competicións máis importantes desta especialidade náutica.
Modo de regata
As regatas rémanse ao xeito tradicional, isto é, en 2 quendas de 4 traiñeiras cada unha, sobre tres millas náuticas e a dobre xornada, mais coa excepción de que se rema a unha soa ciaboga, e polo tanto só dous longos en lugar dos catro habituais. As balizas de saída/meta sitúanse preto da praia e as exteriores fora da baía.
Sete das embarcacións que compiten deben clasificarse nunha regata eliminatoria contra o reloxo que se celebra no mesmo campo de regatas o xoves inmediatamente anterior á primeira xornada. Para poder participar nesta regata clasificatoria deben ter sido invitados pola organización que fixa uns criterios para tal efecto. Nos últimos anos nos que a creación de ligas regulares dotou ao deporte do remo dunhas certas estruturas de competición, a organización da proba invita aos integrantes da liga ACT e aos mellores da Liga ARC e a Liga Galega de Traiñeiras, isto é, clubs de Galiza, Cantabria e Euskadi. A oitava embarcación debe ser o anfitrión e, polo tanto, un equipo donostiarra. Cando hai máis dun equipo donostiarra con traiñeira, a praza gáñase nunha regata clasificatoria contra o reloxo que se celebra durante a Semana Grande-Aste Nagusia.
Historia
Exceptuando o período da guerra civil e algúns anos de finais do S. XIX e principios do XX coma no período de 1882 a 1888, 1902 a 1907 ou de 1912 a 1914, a regata vén celebrándose ininterrompidamente dende a súa creación en 1879.
Categoría feminina
En setembro de 2008 organizouse a primeira Bandeira feminina da regata, á cal acudiron oito equipos: tres traiñeiras guipuscoanas: Guetaría-Zumaya, Hondarribia e Tolosa, a biscaína de Arkote-Dermitek, a cántabra de Astillero (que remou con rapazas deste club e reforzos de La Maruca e Colindres), unha selección de remeiras galegas que acudiu á cita baixo o nome de Galicia e dúas traiñeiras catalás: o Club de Rem Badalona e o Club de Rem Colera que paradoxalmente son os dous primeiros equipos que participan na Bandeira da Concha sen pertencer a ningunha comunidade autónoma do litoral Cantábrico nin de Galiza.
Todos estes equipos están formados por remeiras de varios clubs, xa que aínda que nas categorías inferiores dalgúns clubs hai maioría feminina, entre os remeiros sénior, as remeiras seguen en inferioridade numérica. A regata desenvólvese sobre 2 778 metros (1,5 millas náuticas), é dicir, a metade que a masculina, e a gañadora levouse a Bandeira e 4 000 €. A eliminatoria previa disputouse en modalidade contra o reloxo, e as catro primeiras clasificadas acudiron á final que se disputou unha hora antes que a regata masculina.
(1) A traiñeira que obtivo o mellor tempo foi a María de Pedreña, posteriormente descualificada por unha reclamación presentada por Orio. A posterior reclamación de Pedreña ante a xustiza ordinaria foi desestimada.[1]