Durante as súas vacacións de verán, viaxaba á casa de infancia do seu pai, Murray May (que non estaba lonxe de Selma, Alabama).[11] DuVernay dixo que eses veráns influenciaran a creación de Selma, porque o seu pai vira a marcha de Selma a Montgomery cando neno.[12]
Carreira
O seu primeiro interese foi no xornalismo, unha escolla influenciada por unha bolsa na CBS News, onde foi designada para axudar a cubrir o xuízo do asasinato de O. J. Simpson.[9] Quedou desilusionada co xornalismo no entanto, e decidiu cambiar á publicidade e, eventualmente, abrir a súa propia empresa de relacións públicas, a Axencia DuVernay.[7][10][13][14]
Cinema
DuVernay fixo súa estrea como directora de cinema en 2008 co documental This Is the Life, unha historia do movemento artístico Good Life Cafe nos Ánxeles. DuVernay comezou con documentais porque poden ser feitos cun orzamento menor que unha longametraxe, e podería aprender o negocio ao realizalos.[15]
En 2011 estreouse a primeira longametraxe de ficción de DuVernay, I Will Follow, un drama protagonizado por Salli Richardson-Whitfield. A tía de DuVernay, Denise Sexton, foi a inspiración para o filme,[16] que lle custou a DuVernay 50 000 dólares e foi realizado en catorce días. Roger Ebert considerouno "un dos mellores filmes que vin sobre como chegar a un acordo coa morte dun ser querido".[17]I Will Follow participou na selección oficial da AFI Fest, Pan-African Film Festival, Urbanworld e no Festival Internacional de Cinema de Chicago.
No verán de 2011, DuVernay comezou a produción da súa segunda longametraxe, Middle of Nowhere. O filme foi adquirido pola AFFRM e Participant Medía no Festival de Cinema Sundance de 2012, onde participou na competición e recibiu o Premio á Mellor Dirección para DuVernay, a primeira muller afroamericana que o recibiu. DuVernay tamén gañou o Independent Spirit John Cassavetes Award polo seu traballo no filme.
A ESPN encargou a DuVernay producir e dirixir Venus Vs., un documental sobre a loita de Venus Williams polo premio en diñeiro para a súa serie de filmes Nine for IX, que se emitiu o 2 de xullo de 2013.[18]
En 2015, DuVernay estaba en consideración para dirixir e posibelmente coescribir o filme da Marvel Studios, Black Panther. Segundo se conta, a disputa estaba entre ela e Ryan Coogler, con Coogler conseguindo finalmente o traballo.
DuVernay dirixiu Selma, un filme cun orzamento de 20 millóns de dólares producido pola Plan B Entertainment, sobre Martin Luther King, Lyndon B. Johnson e as protestas de Selma a Montgomery en marzo de 1965. O filme foi lanzado en 25 de decembro de 2014 con aclamación da crítica.[20]
Houbo controversia significativa sobre Selma e a súa descrición das accións de Lyndon Johnson como retratado no filme.[21][22] O ex-asesor de política interna de Johnson, Joseph A. Califano, Jr., criticou a DuVernay por ignorar e falsificar a historia, e particularmente por suxerir que Johnson apoiara reticentemente os esforzos de King e que enviara o FBI para investigalo.[23]
O filme de DuVernay reescribiu a maioría do guión orixinal de Paul Webb, cunha maior énfase en King e as persoas de Selma como figuras centrais.[22][24] En resposta ás críticas dos historiadores e dos medios que a acusaron de reescribir irresponsabelmente a historia para retratar a súa propia axenda, DuVernay sinalou que o filme non é "un documental, non son unha historiadora, son unha contadora de historias".[25]
Selma foi candidata ao mellor filme e mellor canción orixinal nos Óscar, mais non á mellor dirección. A falta de diversidade nas candidaturas aos Óscar 2014 foi un tema forte na prensa. Selma gañou o premio á mellor canción (Glory).[26] DuVernay declarou que non tiña expectativas en ser nomeada para que a omisión a incomodase, mais ficou magoada porque non fose candidato o actor David Oyelowo. En canto á cuestión da diversidade racial nos premios, afirmou que os obstáculos para as persoas de cor seren representadas nos Óscar son sistémicos.[27]
En xullo de 2016, o Festival de Cinema de Nova York fixo o anuncio sorpresa de que 13th, documental dirixido por DuVernay, abriría o festival. Até o anuncio non se fixera ningunha mención do filme pola directora nin por Netflix, o distribuidor do filme.[28]
Televisión
DuVernay dirixiu o episodio 3.8 de Scandal titulado "Vermont is for Lovers, Too".[29]
En 2015, DuVernay foi a produtora executiva e dirixiu o piloto para a serie da CBS, For Justice, protagonizada por Anika Noni Rose.[30]
Ese mesmo ano, anunciou que estaba a crear e producir unha serie dramática, Queen Sugar, ao lado de Oprah Winfrey. O drama foi axustado para ser emitido na Oprah Winfrey Network.[31] En 2016, DuVernay anunciou que a actriz Rutina Wesley fora escollida para o papel principal.[32] A serie estreouse en 2016 con aclamación da crítica.[33]
Distribuidora
En 2010 DuVernay creou AFFRM (African-American Film Festival Releasing Movement), a súa propia empresa para distribuír filmes feitos ou centrados en persoas negras. DuVernay refírese a AFFRM como "non tanto un negocio, senón un chamamento á acción".[34]
Aínda que a construción de sólidas bases de negocios para os filmes é unha prioridade, DuVernay resalta que a forza motriz da organización é o activismo.[35]
En 2015 a empresa mudou o seu nome por ARRAY, prometendo un novo foco nas mulleres cineastas.