Netflix, Inc. é unha empresa comercial estadounidense de contidos multimedia que proporciona mediante unha tarifa plana mensual, series e filmes en streaming, baixo demanda por Internet e DVD-por-correo, onde os DVD se envían mediante Permit Reply Mail. A compañía foi fundada en 1997 e ten a súa sede en Los Gatos, California. Comezou o seu servizo baseado en subscrición en 1999. Para o ano 2009, Netflix estaba a ofertar unha colección de 100 000 títulos en DVD e posuía máis de 10 millóns de clientes subscritores. O 25 de febreiro de 2007, Netflix entregou o DVD número mil millóns. En abril de 2011, Netflix superou a cifra de 23 millóns de subscritores, que se converteron en máis de 60 millóns no ano 2015.[1]
O 20 de outubro de 2015, Netflix chegou a Galicia. En xaneiro de 2016, a empresa expandiuse pola maioría dos países do mundo, chegando a máis de 190.[2]
Netflix estreou internacionalmente a primeira serie en lingua galega distribuída pola plataforma o 29 de marzo de 2019: O sabor das margaridas.[3]
Tras a invasión rusa de Ucraína en 2022, o 4 de marzo de 2022, Netflix anunciou que puxo en pausa todos os futuros proxectos e adquisicións de Rusia.[4] Dous días despois, o 6 de marzo de 2022, Netflix anunciou que suspendería o seu servizo en Rusia.[5]
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas