Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Un antídoto[1] é unha substancia capaz de contrarrestar ou reducir o efecto doutra substancia potencialmente tóxica mediante unha acción química relativamente específica. Os antídotos opóñense ó efecto tóxico actuando sobre o propio tóxico, inactivándoo. Por contra, os antagonistas son substancias que actúan opóndose á acción do tóxico, ben bloqueando o receptor antes de que o faga o tóxico ou mesmo desprazándoo se xa se uniu (antíxeno específico), ou ben actuando sobre outro receptor diferente ao do tóxico e producindo unha acción oposta á daquel (antíxeno inespecífico).
Función
Os antídotos realizan unha importante función no tratamento das intoxicacións. Con todo están considerados como unha opción terapéutica de segunda liña na meirande parte dos casos de intoxicacións e débese ter moi presente que nunca deben suplir as técnicas de soporte vital, senón que deben complementalas.
O uso destas substancias debe estar controlado por un especialista. As indicacións de uso requiren dun tratamento individualizado de cada intoxicación e deben facerse seguindo unha serie de principios:
Especificidade de acción fronte ao tóxico.
Estado clínico do paciente e/ou resultado da analítica toxicolóxica.
Valoración do risco-beneficio, xa que algúns posúen toxicidade intrínseca (propia do antídoto).
A eficacia dos antídotos depende de factores tales como a rapidez á hora da súa administración ou da cantidade de tóxico á que se enfronten, xa que o efecto dos tóxicos non é o mesmo a diferentes concentracións nin cando actúan en diferentes lugares.
Dispoñibilidade e efectos
A dispoñibilidade dos antídotos adoita estar limitada, tanto por factores económicos como xeográficos e demográficos. Isto débese, entre outras cousas, ao elevado custo, á escasa demanda e a que a maioría teñen un prazo de conservación limitado. Tamén inflúe que algúns dos antídotos que existen non están comercializados e hai que recorrer a fórmulas maxistrais.
Existen, así mesmo, moi poucos antídotos específicos de eficacia probada; apenas hai unhas 30 substancias consideradas como antídotos. A isto cómpre engadir que, ao contrario do que moita xente pensa, estas substancias non están libres de efectos secundarios e reaccións adversas.
Durante e despois de ser administrado un antídoto o paciente debe estar monitorizado, pois a vida media dalgúns deles é máis curta ca a do tóxico, de aí o posíbel requirimento de doses adicionais.
Principais antídotos
Os chamados antídotos reanimadores teñen un papel principal na reanimación dalgunhas intoxicacións e son empregados tamén no diagnóstico diferencial do coma de orixe tóxico. Estes antídotos son:
Naloxona: É un antídoto que reverte o paro respiratorio e o coma inducido por heroína, codeína, morfina, metadona e outros opiáceos sintéticos. Actúa competindo de xeito específico coas devanditas drogas a nivel dos receptores opiáceos. O seu uso non impide a aparición do edema pulmonar non cardioxénico co que pode cursar esta intoxicación. A dose adminístrase por vía intravenosa, intramuscular ou subcutánea e a posoloxía debe ser individualizada para cada paciente en particular. Na depresión por opiáceos, utilízase por vía intravenosa entre 0,1 e 0,2 mg a intervalos de 2 a 3 minutos ata conseguir ventilación e estado de consciencia adecuados sen dor significativa. A dose máxima é de 10 mg.
Flumazenilo: Este antídoto reverte especificamente o coma causado por benzodiazepinas e confirma o diagnóstico. Adminístrase por vía intravenosa (bolus), e pódese repetir ata un máximo de 2–3 mg. Se non hai resposta, débese descartar unha intoxicación benzodiazepínica, e se o coma reverte administrarase por perfusión continua durante 4 horas. Do mesmo xeito cós outros antídotos, o seu uso non debe ser indiscriminado e débese ter a certeza de que non haxa substancias convulsivantes implicadas no coma.
Osíxeno: Ten menor capacidade de diferenciación diagnóstica cós anteriores antídotos pero a súa administración é máis doada. A máxima concentración posible acelera a recuperación dun coma carboxihemoglobínico (intoxicación por monóxido de carbono); tamén é útil para orientar o diagnóstico dunha metahemoglobinemia, xa que esta cursa cunha cianose que non se modifica con osixenoterapia.
Outros antídotos e axentes terapéuticos
Anticorpos antidixital: Usados en intoxicacións por digoxina, digitoxina e derivados da digoxina, fármacos que se empregan para certas doenzas cardíacas.
Atropina: Úsase en intoxicacións por insecticidas anticolinesterásicos (carbamatos e organofosforados) e substancias con acción colinérxica.
Azul de metileno: Este antídoto é utilizado nas intoxicacións por metahemoglobinizantes, por exemplo: nitritos, nitratos, anilina etc.
Bicarbonato: Útil na intoxicación por antidepresivos, fenotiacinas e salicilatos.
Desferroxamina: Está indicado nas intoxicacións por ferro.
Edta cálcico-disódico: Antídoto indicado en intoxicacións por chumbo, cadmio, cobalto e zinc.
Etanol: Indicado na intoxicación por metanol e etilenglicol.
Fisostigmina: Usada nas intoxicacións producidas por fármacos ou produtos de acción anticolinérxica.
Glicagón: Usado na intoxicación por b-bloqueantes con bradicardia sinusal e/ou hipotensión de baixo gasto que non responden á administración de atropina e isoproterenol.
Gluconato cálcico: Úsase na intoxicación por ácido oxálico, fluoruros, ácido fluorhídrico, antagonistas del calcio e etilenglicol.
Glicosa: Usada en intoxicacións por insulina ou hipoglucemiantes orais.
Heparina sódica: Usada na intoxicación por ácido aminocaproico ou tranexámico.
Hidroxocobalamina (Vitamina B12): Intoxicación por cianuros e nitroprusiato.
N-acetilcisteina: Úsase en intoxicacións por paracetamol ou tetracloruro de carbono. Pódese usar por vía oral ou endovenosa.
Nitroprusiato sódico: Usado nas intoxicacións por ergotamina, metilsergida e clonidina.
Penicilamina: Úsase na intoxicación por cobre, ouro, mercurio, zinc e chumbo.
Pralidoxima: Usado na intoxicación por insecticidas organofosforados.
Protamina: Úsase nas intoxicacións por heparina. A dose dependerá da cantidade de heparina que deba ser neutralizada, que idealmente calcularase en base á capacidade de callado do sangue do paciente.
Toxicología fundamental. 3ª edición (1997). Manuel Repetto. Editorial Díaz De Santos. Madrid.
Consideraciones acerca del tratamiento de las intoxicaciones agudas en Atención Primaria. Medifam [online]. 2002, vol.12, n.4, pp. 21–39. ISSN 1131-5768. Bugarín González, R.; Galego Feal, P.; Fernández Velo, J.L. e Marino Rozados, A.S.