Angélica Liddell Zoo Angélica Liddell Z. A. Liddell Zoo Angélica Liddell
Catalina Angélica González Cano, máis coñecida como Angélica Liddell Zoo, nada en Figueres en 1966, é unha escritora, directora de escena e actriz española que recibiu numerosos premios, entre os que destaca o Nacional de Literatura Dramática, o Leone d'Argento (León de Prata) da Bienal de Teatro de Venecia 2012 e o Premio Leteo 2016.[1] En 2017 foi nomeada Chevalier de l'ordre des Arts et des Lettres polo Ministerio de Cultura da República Francesa.
Traxectoria
Foi bautizada na mesma pía que o pintor Salvador Dalí e viviu até os sete anos en Figueres. De nena escribía historias tráxicas, unha maneira de fuxir da soidade de filla única que vivía nos cuarteis a onde a levaba a carreira do seu pai militar.[2]
Ingresou no Conservatorio de Madrid, que abandonaría tras decepcionarse cos profesores e a institución, para despois licenciarse en Psicoloxía e Arte Dramática.[2] Como dramaturga, debutou en 1988 coa peza Greta quiere suicidarse, co que gañou o primeiro premio dos moitos que despois recibiría.[3] En 1993 fundou, con Gumersindo Puche, Atra Bilis, compañía coa que montou numerosas obras. Tamén escribiu narrativa e poesía,e realizou performances.[1]
En 2010, acudiu por primeira vez ao Festival de Aviñón, onde levou dúas pezas, El año de Ricardo e La casa de la fuerza, obra na que se autolesionaba con cortes no corpo e coa que gañaría o Premio Nacional de Literatura Dramática en 2012. En Aviñón «foi recibida co público en pé».[4] As cinco representacións que de La casa dela fuerza se fixeron no Théâtre de l'Odéon (Teatro do Odeón) de París foron tamén recibidas con ovacións en pé. En 2013, presentou no Odeón de París, dentro do Festival de Outono da capital francesa, El síndrome de Wendy, obra que alcanzou igual éxito.
Valoración
Entre os autores teatrais contemporáneos xurdidos a partir dos anos 1980, Angélica Liddell é un dos nomes máis valorados, como o demostran os variados galardóns co que foi premiada. O seu teatro, que foxe de toda dramaturxia convencional, tende a mostrar os aspectos máis escuros da realidade contemporánea: o sexo e a morte, a violencia e o poder, a tolemia... Os mitos antigos e modernos son algúns dos temas obsesivos da súa escritura.
No xornal El País, Javier Vallejo afirma que «Angélica Liddell autorretrátase sen pudor, como Frida Kahlo ou Charley Toorop. Na súa páxina web colga periodicamente fotos tomadas na súa casa ou en cuartos de hotel onde, vestida, espida ou disfrazada, transmite soidade, desasosego e algún lóstrego de felicidade repentina» e, co gallo da representación de Maldito sea el hombre que confía en el hombre, un projet d'alphabétisation (2011), agrega: «Aínda que é autora recoñecida, Angélica cativa, sobre todo, pola maneira feroz en que defende os seus textos sobre as táboas: da palabra fai unha baioneta calada. Cando carga con ela non hai quen se lle resista. Fráxil, miúda, en escena parece San Xurxo e o dragón metidos nun só corpo. Produce empatía e espanto».[5]
As súas obras foron traducidas a máis de dez idiomas e levadas a escena en diversos países de Europa e América.
Principios teóricos e estéticos
A dramaturga e directora de escena Angélica Liddell desentraña a relación entre o sacrificio e o poético na súa práctica teatral. Aclara esta relación nunha serie de conferencias, desde un punto de vista teórico, no volume El sacrificio como acto poético.
A noción de artista
Para Liddell, arte e vida, escritura e biografía, creación poética e reflexión teórica manteñen nexos á vez evidentes e complexos. Separar as diferentes formas de expresión elixidas pola dramaturga ao longo do seu percorrido teatral é difícil.
A noción de violencia
A violencia, tan explícita nas súas obras, adquire unha dimensión mitolóxica, porque afonda no máis profundo da condición humana e lévanos directamente ás nosas pulsións máis innomeábeis.
A noción de sacrificio
En «Abraham y el sacrificio dramático», apartado oitavo da súa colección de ensaios El sacrificio como acto poético, Liddell fai unha reflexión ao redor da figura de Abraham, ao que Deus lle pide que sacrifique o seu fillo Isaac para probar a súa fe. Abraham, a pesar de que o mandato é desconcertante, pois supón transgredir as leis dos homes e mesmo a lei divina posto que Deus repudia os sacrificios humanos, leva o seu fillo ao monte Moriah para entregalo. No último momento, aparece un anxo para impedir o sacrificio. Este mito tivo multitude de explicacións teóricas, aínda que Liddell destaca a de Kierkegaard.
O sacrificio é por tanto exceso, belo exceso. Exceso liberador, exceso que pon en evidencia a represión dunha sociedade. O sacrificio é un asasinato en suspenso, está por tanto, por riba da ética.
A noción do sagrado
En «Quiero ser la locura de Dios (El desafío a la razón por parte de lo sagrado. La energía originaria)», apartado undécimo do sacrificio como acto poético, Liddell reflexiona sobre a distorsión do real (razón) a favor dunha experiencia delirante (o espírito).[6] Asociando esta distorsión ao estado de namoramento, que atopa a súa mellor expresión na poética relixiosa (Santa Tareixa de Ávila), intimamente relacionado coa adoración ao amado (Deus).
Postas en escena
El jardín de las Mandrágoras, 1991; estreada o 27 de maio de 1993, na sala Ensayo 100 de Madrid baixo a dirección de Liddell[7]
Dolorosa, 1994
Frankenstein, estreada o 8 de xaneiro de 1998 na Sala Cuarta Pared de Madrid[8]
La falsa suicida, estreada o 7 de xeneiro de 2000, na Sala Cuarta Pared de Madrid[9]
El matrimonio Palavrakis, 2001
Once upon a time in West Asphixia, 2002
Hysteria Passio, 2003
"Lesiones Incompatibles con la vida", 2003
Y los peces salieron a combatir contra los hombres, 2003
Y cómo no se pudrió Blancanieves, 2005
El año de Ricardo, 2005
Boxeo para células y planetas, 2006
Perro muerto en tintorería: los fuertes, 2007
"Broken blossoms", 2007
Yo no soy bonita, 2007
Anfaegtelse, 2008
Te haré invencible con mi derrota, 2009
La casa de la fuerza, 2009
Maldito sea el hombre que confía en el hombre: Un proyecto de alfabetización, 2011, espectáculo coproducido polos festivais de Outono e de Aviñón. É a primeira peza da súa triloxía dedicada a China
Ping Pang Qiu, 2ª peza da triloxía chinesa, 2012
"San Jerónimo", 2012
Todo el cielo sobre la tierra (el síndrome de Wendy), 3ª peza da triloxía chinesa, 2013[10]
Tandy 2014, do Ciclo de las resurrecciones.
You are my destiny (Lo stupro di Lucrezia) 2014, do Ciclo de las resurrecciones.
"Primera carta de San Pablo a los corintios" 2015 do Ciclo de las resurrecciones.
"Esta breve tragedia de la carne" 2015 da Triloxía do infinito
"Misteri e fuoco sulla via Francigena" 2015
"El orgullo de la nada" 2016
"¿Qué haré yo con esta espada?" 2016 da Triloxía do infinito
"El Decameron" 2016
"Toter hund in der chemischen reiningung: die starken" (coa compañía Schaubuhne de Berlín) 2017
"Génesis 6, 6-7" 2017 da Triloxía do infinito
Esta breve tragedia de la carne (This Brief Tragedy of the Flesh), 2018. Alexander Kasser Theater (Nova Jersey, NJ - Estados Unidos)
Lesiones incompatibles con la vida, editorial Dúplex, 2003
Tríptico de la aflicción, revista Acotaciones, 2004, da Real Escuela Superior de Arte Dramático
Mi relación con la comida, Sociedad General de Autores, 2005
Cuarteto para el fin del tiempo. El año de Ricardo, Caja España, 2006
Trilogía. Actos de resistencia contra la muerte, Editorial Artezblai, 2007; contén Y los peces salieron a combatir contra los hombres, Y como no se pudrió... Blancanieves e El año de Ricardo
Belgrado. Canta lengua el misterio del cuerpo glorioso, Artezblai, 2008
La desobediencia, hágase en mi vientre, Pliegos de teatro y danza Nº 26, Aflera Producciones, S.L, 2008. Inclúe cinco textos escritos entre 2003 e 2008:
Lesiones incompatibles con la vida (2003), Broken Blossoms (2004), Yo no soy bonita (2005), Enero (2006-2008) e Ni siquiera el fuego goza de buena salud (2007-2008)