Aethelwulf de Wessex (en inglés antigo: Æþelwulf, que significa 'Lobo Nobre'), nado en 806 e finado o 13 de xaneiro de 858, foi un rei de Wessex, primoxénito de Ecgberht, rei de Wessex e de Mercia, e de Redburga, posibelmente unha princesa carolinxia.
Ao morrer o seu pai, o rei Ecgberht (xuño 839), sucédeo no trono de Wessex e nos conquistados reinos de Essex, Sussex e Kent; con todo, o reino de Mercia logra emanciparse novamente, non podendo ser anexado a Wessex até o reinado de Eduardo o Vello (918).
O pai de Aethelwulf, Ecgberht fora un veterano gris que tivera que loitar para sobrevivir desde temperá idade. En cambio Aethelwulf fora nomeado para a rexencia e chegou en forma natural ao trono de Wessex. Demostrou ser intensamente relixioso, con escaso sentido político e fillos demasiado ambiciosos e hábiles.[2]
Reinado
Un dos primeiros actos de Aethelwulf como rei foi dividir o reino. Deu ao seu fillo máis vello, Aethelstan, a metade leste, que incluía Kent, Essex, Surrey e Sussex (non confundilo con Aethelstan o Glorioso, posterior). Mantivo para si a parte oeste de Wessex (Hampshire, Wiltshire, Dorset e Devon).
Durante todo o seu reinado tivo que loitar contra os daneses -os cales ían converténdose, co paso do tempo, nunha forza moi poderosa-, logrando unha extraordinaria vitoria na batalla de Aclea (posiblemente Oakley, en Surrey); así mesmo derrota ao príncipe Cyngen ap Cadell de Gales canto trata de invadir Mercia -malia estar agora este reino desligado de Wessex, aínda recoñecía a súa supremacía como estado líder da Heptarquía.
Matrimonio e descendencia
Aethelwulf casou no ano 830 con Osburga, filla de Oslac de Hampshire, Gran Mordomo de Inglaterra, da cal tivo 6 fillos:
Aethelstan (nado en 832 e finado en 851), subregulus (sub-rei) de Kent (839-851).
Aethelberht (nado en 836 e finado no outono de 865), subregulus de Kent ao suceder ao seu irmán máis vello (852-865) e rei de Wessex ao suceder a Aethelbald (860-865),
Cada un dos seus fillos varóns o sucederon no trono. Alfredo, o menor, é considerado como un dos máis grandes reis que reine en Bretaña. A única filla de Aethelwulf, Aethelswitha, casou co rei de Mercia sendo só unha nena.
Relixión
A relixión sempre formou parte importante da súa vida. O primeiro ano do seu reinado planeou unha peregrinación a Roma. Debido ao incremento das incursións, sentiu a necesidade de apelar ao Deus dos cristiáns para que o axudase contra un inimigo
En 853 Aethelwulf, enviou ao seu fillo Alfredo, un neno dun catro anos, a Roma. En 855, ao redor dun ano despois da morte da súa dona Osburga, Aethelwulf seguiu a Alfredo a Roma. En Roma, foi xeneroso coas súas riquezas. Distribuíu ouro ao clero de San Pedro e ofreceu os cálices do Bendito Pedro do máis puro ouro e candelabros de prata feitos polos saxóns.[3] No seu camiño de regreso a Wessex, detense en Francia, na corte do rei Carlos o Calvo, o cal lle outorga a man da súa filla máis vella, Judith (Judith Martel), de ao redor de 12 anos. O matrimonio celébrase na localidade de Verberie-sur-Oise, o 1 de outubro de 856.
Regreso a Inglaterra
A súa ausencia foi aproveitada polo seu segundo fillo e herdeiro, Aethelbald, para apoderarse do reino na súa ausencia. Polo que, ao seu retorno a Inglaterra en 856, Aethelwulf atopouse cunha aguda crise. O seu fillo máis vello Aethelbald (Aethelstan falecera) tramara unha conspiración co Maxistrado en Xefe do Distrito de Somerset e o Bispo de Sherborne para oporse á reasunción da rexencia de Aethelwulf. Había suficiente apoio a Aethelwulf tanto para iniciar unha guerra civil como para desterrar a Aethelbald e os seus conspiradores. No canto diso, Aethelwulf entregou Wessex ao seu fillo e aceptou para si Surrey, Sussex e Essex. Gobernou até a súa morte o 13 de xaneiro de 860.
Se a disputa familiar continuase, podería arruinar a Casa de Ecgberht. Aethelwulf e os seus conselleiros mereceron o aprecio que lles concederon pola súa moderación e tolerancia.
Que o Rei consentise tratar co seu rebelde fillo, para referirse ao compromiso dunha reunión dos nobres saxóns, para moderar a combatividade dos seus propios partidarios e para renunciar á rexencia sobre a parte máis importante dos seus dominios todo isto testemuña que o espírito cristián de Aethelwulf non se extinguiu na doazón de xenerosa caridade á Igrexa, senón que o dispuxo a reconcilialo ao sacrificio do prestixio e do poder pola causa da paz nacional. [4]
A restitución de Aethelwulf incluíu unha concesión especial ás raíñas saxoas. Os saxóns occidentais non permitían que a raíña sentase xunto ao rei, de feito non se lles chamaba raíñas, senón simplemente a señora do rei. Esta restrición foi levantada para a Raíña Judith, probabelmente polo seu alto rango de princesa europea.
Falecemento
Morreu o 13 de xaneiro de 860, aos 54 anos de idade, sendo sepultado en Steyning e logo transferido á igrexa antiga de Winchester. Os seus ósos repousan nun dos cofres mortuarios da Catedral de Winchester.
O seu anel de ouro ten unha polgada de ancho e está ricamente decorado con símbolos relixiosos, nel está inscrito: Aethelwulf Rex e atopouse en Laverstock, Wiltshire, en 1780, crese que o rei o deu como agasallo a un partidario leal.
Fontes de información
A fonte de información máis notábel e usada é a Crónica Anglosaxoa. Esta fai referencia a algunhas batallas importantes nas que Aethelwulf tivo participación. O ano 840, loitou en Carhampton contra trinta e cinco frotas de daneses, cuxas incursións aumentaron enormemente. A súa vitoria máis destacada foi en 851 en "Acleah", Ockley ou Oakley en Surrey. Alí, el e o seu fillo Aethelbald loitaron contra os pagáns e, segundo a crónica, foi a "carnicería de pagáns máis grande que se fixo nunca." Preto do ano 853, Aethelwulf, e o seu xenro, Burgred, rei de Mercia derrotaron a Cyngen ap Cadell de Gales e fixeron que os galeses se sometesen a Aethelwulf. A crónica detalla máis batallas a través dos anos, maiormente contra os piratas invasores e os daneses. Era unha época da historia europea en que as nacións eran invadidas por distintos grupos: os sarracenos no sur, os maxiares no leste, os mouros no oeste e os viquingos no norte[5]. Antes da morte de Aethelwulf, varios invasores pasaron o inverno na Illa de Sheppey e realizaron pillaxes a vontade en Anglia Oriental. No transcurso do seguintes vinte anos, as loitas dos seus fillos foron "incesantes, heroicas e moi infrutuosas".[6]