Nacido no municipio paulista de Roseira, pretendía inicialmente ser mestre de escola, e asistiu ás escolas técnicas da súa vila natal, antes de decantarse pola carreira de futbolista.[1]
Comezou a xogar ao fútbol en clubs modestos como o Roseira, o Estudantes de Pinda ou o São Paulo de Pindamonhangaba, pasando logo polo Taubaté, antes de fichar en 1952 polo Santos.[2][3]
Santos
Debutou co Peixe o 29 de xuño de 1952, nunha vitoria por 3-1 contra o Madureira nun partido amigable.[4] Gañou rapidamente a titularidade e militou no club durante os seguintes 15 anos, acumulando 733 partidos e marcando 57 goles. Foi o capitán do chamado equipo dos Santásticos, que gañou numerosos títulos nas décadas de 1950 e 1960, con xogadores como Pelé, Pepe e outras estrelas brasileiras.[5] Entre os seus triunfos cóntanse cinco Campionatos Brasileiros consecutivos, nove Campionatos Paulistas, dúas Copas Libertadores e dúas Copas Intercontinentais.
Era alcumado Gerente polos medios brasileiros, debido a que axudaba ao adestrador Lula nas labores técnicas.[6] Na Copa Intercontinental de 1963 foi titular no partido de ida pero perdeu por lesión tanto o encontro de volta como o de desempate. Aínda así, actuou como asistente de Lula nos dous partidos, nos que o seu equipo gañou o segundo título intercontinental consecutivo.[6]
Disputou 52 partidos coa selección brasileira, coa que marcou tres goles. Acompañado habitualmente no centro do campo por Didi, formou parte do equipo que gañou o Mundial de 1958 en Suecia. Comezou o torneo como suplente e rematouno como titular indiscutible, formando xunto a Didi o centro do campo na vitoria final sobre a selección anfitrioa.[7]
Catro anos despois, no Mundial de 1962 en Chile, o seleccionador Aymoré Moreira apostou pola mesma parella de medios, disputando estes como titulares tódolos encontros. Na final contra Checoslovaquia no Estadio Nacional, con Pelé ausente por lesión e co marcador sinalando un empate a un gol, Zito finalizou de cabeza un centro de Amarildo e bateu ao gardameta Viliam Schrojf, poñendo ao Brasil por diante pouco antes de que Vavá culminase a remontada.[8] Foi incluído no Equipo Ideal do Torneo.[5]
Trala retirada
Tras colgar as botas foi vicepresidente do Santos entre 1978 e 1982, e máis tarde foi nomeado director de fútbol polo presidente Milton Teixeira. Dende o ano 2000 traballou na canteira do club, contribuíndo ao descubrimento de novos talentos como os de Robinho, Diego, Neymar ou Gabigol.[9][5]
Morte
Nos seus últimos anos padeceu Alzheimer.[10] En 2014 sufriu un derramo cerebral e o 14 de xuño de 2015 faleceu aos 82 anos en Santos, deixando a Pelé, Pepe e Zagallo como os tres últimos brasileiros sobreviventes da final do Mundial de 1958.[5][11]
Estilo de xogo
Centrocampista forte e con dotes de mando, era coñecido sobre todo polo seu liderado no campo. Adoitaba ter un papel secundario como medio lateral, servindo de enlace entre a defensa e o ataque. Intelixente e moi organizado, destacaba pola súa capacidade para recuperar a posesión e marcar o ritmo no medio do campo mediante os seus movementos e pases precisos. Aínda que se manexaba ben co balón, prefería xogalo a outros centrocampistas máis creativos e hábiles antes que levalo el mesmo cara a adiante. Aínda así, era capaz de comezar xogadas de ataque despois de roubar o balón, distribuíndo rapidamente o balón cara a adiante con pases sinxelos, pero ordenados e eficientes.[1][12][11]