José Macia, máis coñecido como Pepe, nado en Santos o 25 de febreiro de 1935,[1][2] é un exfutbolista e exadestradorbrasileiro, de ascendencia galega. Xogaba como extremo esquerdo e está considerado un dos maiores ídolos da historia do Santos FC, o único club no que militou.[1] É o segundo máximo goleador da historia do club, con 403 goles, e tamén o segundo xogador con máis partidos coa camiseta alvinegra (750),[3][2][4] superado nos dous rexistros só polo seu compañeiro Pelé. Ambos, xunto a Coutinho, formaron un dos mellores ataques da historia do fútbol mundial, con preto de dous milleiros de goles anotados entre os tres.[5]
Fillo dos inmigrantes galegos José Macía Vega e Clotilde Arias Yáñez, ambos naturais provincia de Ourense[8], Pepe naceu un luns de Entroido,[9][7] no número 255 da rúa João Pessoa do barrio Centro de Santos,[10] a mesma rúa na que fora fundado o Santos FC 23 anos antes.[11] Seus pais, José Macía e Clotilde Arias, eran dous inmigrantes galegos, procedentes el de Rabal, Oímbra, e ela de Mandín, Verín, que a pesar da pouca distancia entre as súas aldeas, coñecéronse no Brasil.[12] Cando tiña dous anos, o seu irmán máis vello, Silvio, de sete, faleceu nun accidente doméstico mentres xogaba cun curmán, traxedia que afectou profundamente a familia, especialmente a nai.[13][14]
Aos sete anos, en 1942, Pepinho trasladouse coa súa familia á veciña cidade de São Vicente, onde seu pai, comerciante, mercou unha mercearia, unha tenda de alimentos e outros produtos básicos. Co seu irmán Mário comezou a xogar ao fútbol nos equipos do barrio onde vivía, o Comercial FC, o Mota Lima e o Continental.[11][15]
Con 16 anos xogaba no equipo infantil do São Vicente AC cando Cobrinha, o porteiro do equipo, que tamén militaba no equipo infantil do Santos, invitouno a facer unha proba co club. O 4 de maio de 1951 Pepe pisou por primeira vez o céspede de Vila Belmiro, e recibiu o visto e prace do técnico Salu da Bandinha.[1][16] A pesar da reticencia de seus pais, que non querían que fose futbolista, acabou entrando no club.[12]
Santos FC
Debut e primeiro título
Xa na canteira do Santos, entre os anos 1952 e 1953 estivo ás ordes do adestrador Lula, tamén fillo de galegos e que o dirixiría durante case toda a súa carreira. O 23 de maio de 1954, con 19 anos e da man do técnico Giuseppe Ottina, debutou co primeiro equipo nun partido contra o Fluminense en Pacaembu, durante o Torneo Río-São Paulo. O Santos perdeu por 2 a 1, e Pepe entrou na segunda metade en substitución de Boca, que xa entrara en substitución de Del Vecchio.[1][17][7] Na parte final do ano regresou ao equipo xuvenil, pero na tempada seguinte instalouse definitivamente no primeiro equipo, adestrado xa por Lula.
O seu primeiro gran momento como futbolista profesional chegou no Campionato Paulista de 1955, do que se proclamou campión contribuíndo con 10 goles, un deles o gol da vitoria co que o equipo gañou o título na derradeira xornada ante o Taubaté en Vila Belmiro.[15][1] Foi o segundo título de campión paulista para o club, 20 anos despois do primeiro, e Pepe saíu aclamado do estadio.[18] Titular indiscutible do equipo xa en 1955, converteuse ademais no tirador de faltas e penaltis do equipo.[19]
Dominio do fútbol paulista
Durante os seguintes anos o Santos continuou dominando de xeito case absoluto o fútbol paulista, conquistando ata 11 títulos do campionato estatal, cun equipo no que destacaban xogadores como Pelé, Coutinho, Zito, Jair Rosa Pinto ou o propio Pepe. O 6 de marzo de 1958, foi, cun triplete, un dos protagonistas do histórico partido ante o Palmeiras de Formiga e Mazzola, no Torneo Río-São Paulo, que rematou con vitoria santista por 7-6.[20][19]
En 1959 o club realizou a súa primeira xira por Europa, disputando 22 partidos en nove países do continente e anotando 78 goles, 20 deles obra de Pepe.[21] En xuño, Pepe pisou por primeira vez Galicia, a terra de seus pais, para disputar co equipo na Coruña a 14ª edición do Trofeo Teresa Herrera fronte ao Botafogo de Garrincha. Diante dalgúns dos seus familiares, presentes no estadio de Riazor, marcou dous dos catro goles do seu equipo, que acabou levando o trofeo para Santos.[12] Tralo partido colleu un taxi cara a Mandín, onde coñeceu a súa avoa, que estaba preto de cumprir os 90 anos.[22] Uns días despois marcou outros dous tantos na goleada por 7-1 sobre o Inter de Milán no Trofeo Laranxa de Valencia.[21]
Campión brasileiro, suramericano e intercontinental
Nese mesmo 1959 creouse o Campionato Brasileiro e o Santos chegou á primeira final da historia, na que Pepe marcou un gol fronte ao Bahia, aínda que o título acabou sendo para o club baiano. Dous anos despois, na edición de 1961, volveu disputar a final contra o Bahia, proclamándose desta volta campión brasileiro por primeira vez. O Santos revalidou o título nas seguintes catro tempadas, con varios goles máis de Pepe nas finais.
Ademais proclamouse campión da Copa Libertadores en 1962 e 1963, sendo titular en tódolos partidos das finais, contra Peñarol e Boca Juniors respectivamente. Saíu no once inicial tamén nas dúas Copas Intercontinentais que conquistou o seu equipo nos mesmos anos. Na primeira delas fixo un gol contra o Benfica de Eusébio, mentres que na segunda marcou dous goles de falta no partido de volta contra o Milan no Maracanã que contribuíron a unha histórica remontada dun partido que o Santos perdía por 0-2, e que rematou 4-2.[19]
Recibiu o alcume de "Canhão da Vila", polo seu forte golpeo coa perna esquerda,[15] coa que realizaba disparos que acadaron velocidades de ata 122 km/h.[23][24] A súa potencia era tal que nun dos seus tiros libres chegou a deixar sen coñecemento a Alfredo Ramos, defensor do São Paulo que estaba colocado na barreira.[25]
Últimos anos
Foi o titular absoluto no extremo esquerdo do Santos ata 1965, cando cumpriu os 30 anos. A partir desa data, ata 1969, ano no que rematou a súa carreira, comezou a alternarse no posto de titular con Abel primeiro e máis tarde con Edu.[1] Disputou o seu último encontro o 19 de marzo de 1969, na vitoria por 2-1 sobre o América de São José do Rio Preto no estadioUrbano Caldeira, partido correspondente ao Campionato Paulista.[26]
Militou durante 15 anos no Santos e, con 403 goles marcados en 741 partidos, é o segundo máximo goleador da historia do club, só por detrás de Pelé.[27] Á marxe de Pelé, só dous xogadores marcaron máis goles que Pepe nun só club: Roberto Dinamite, que marcou 620 goles co Vasco da Gama, e Zico, que conseguiu 500 co Flamengo.[3]
Os seus 27 títulos oficiais co Santos convérteno no futbolista con máis títulos para un mesmo club do Brasil, con dous máis que Pelé.[17]
Selección nacional
Foi 40 veces internacional coa selección brasileira, coa que marcou 22 goles.[3][7][15] Debutou o 8 de xullo de 1956, nun partido contra a Arxentina pola Copa do Atlántico. Saltou ao campo na segunda parte, substituíndo a Ferreira, e tralo empate sen goles o equipo brasileiro fíxose co título.[1][7] Un mes despois disputou o seu primeiro encontro como titular na selección, nun amigable contra Checoslovaquia no Maracanã, onde formou na dianteira xunto con Zizinho, Didi, Canário e Leônidas.
En 1957, con 22 anos, foi convocado polo seleccionador Osvaldo Brandão para a súa primeira e única Copa América, marcando tres goles e rematando subcampión por detrás da Arxentina. Foi convocado para as Copas do Mundo de Suecia 1958 e Chile 1962,[28] pero en ámbolos casos sufriu unha lesión nas vésperas do torneo.[1][15] Acudiu igualmente a ambas citas coa esperanza de poder recuperarse a tempo, pero non chegou a debutar en ningún dos dous torneos, nos que a selección brasileira se proclamou campioa.
O seu mellor momento coa selección, segundo as súas propias palabras, foi o partido amigable que disputou en 1963 contra Inglaterra en Wembley (1-1), no que conseguiu marcar un tiro libre directo dende longa distancia, superando ao histórico gardameta Gordon Banks.[7]
En 1969 comezou a súa carreira como adestrador na canteira do Santos. Pouco tempo despois pasou a ser adestrador axudante do equipo principal, e en 1972 colleu por primeira vez as rendas do primeiro equipo. En 1973 proclamouse campión do Campionato Paulista,[7] dirixindo a un grupo de futbolistas entre os que estaban Agustín Cejas, Carlos Alberto, Clodoaldo, Edu ou o seu antigo compañeiro Pelé, na parte final da súa carreira no Brasil.
A continuación regresou ao equipo xuvenil, e máis tarde volveu adestrar o primeiro equipo do Santos en catro etapas máis. Dirixiu un total de 371 partidos do club, sendo o terceiro adestrador con máis encontros na historia da entidade santista.[1]
O 21 de setembro de 1967 recibiu o Premio Belfort Duarte, en recoñecemento á súa extrema deportividade.[3] A medalla de prata de dito premio era concedida ao futbolista profesional que pasase dez anos, e polo menos 200 partidos, sen ser expulsado do campo. Pepe superou por moito esa cifra, pois acumulou un total de 781 partidos (741 co Santos e 40 coa selección) sen ser nunca expulsado.[3][29]
O 3 de maio de 1969 foi homenaxeado diante de 22.810 espectadores no Vila Belmiro, antes dun partido entre o Santos e o Palmeiras.[7][1] En 2021 creouse o "Premio Pepe", para elixir o gol máis fermoso do Campionato Paulista.[6]
Vida persoal
Casado con Nélia, tivo catro fillos: Alexandre, Maria Clotilde, Gislene e Rafael.[9]
Publicacións
En 2012 publicou un libro de memorias, titulado “Bombas de Alegria, meio século de memórias do Canhão da Vila” ,[15] no que conta curiosas historias futbolísticas. A súa biografía foi publicada en 2015, escrita pola xornalista Gisa Macia, a súa filla.[1]
↑ 19,019,119,2Santana, Gabriel (16 de marzo de 2014). "Pepe – 1954-1969". acervosantosfc.com(en portugués). Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2022. Consultado o 16 de setembro de 2022.