Yeremay Hernández Cubas, tamén coñecido como Peke, nado nas Palmas de Gran Canaria o 10 de decembro de 2002, é un futbolista español que xoga de extremo esquerdo no Deportivo da Coruña, da Segunda División. É internacional coa selección española sub-21.
Traxectoria
Comezos
Formouse nas canteiras da UD Almenara,[1] da UD Las Palmas e do Real Madrid, e aos 15 anos incorporouse ás categorías inferiores do Deportivo da Coruña.[2] Completou na Coruña a súa etapa de cadete, pasando logo ao equipo xuvenil, co que se proclamou campión da División de Honra e da Copa de Campións na tempada 2020/21. Esa mesma tempada debutou co Fabril de Juan Carlos Valerón na Terceira División, xogando 17 partidos e marcando tres goles.
Deportivo da Coruña
Continuou como xogador do Fabril na seguinte tempada, xa con Óscar Gilsanz como adestrador, e comezou a ser convocado por Borja Jiménez para o primeiro equipo. O 1 de decembro de 2021 debutou co Deportivo da Coruña en partido oficial, na primeira rolda da Copa do Rei 2021/22 contra o UCAM Murcia na Condomina. Entrou na segunda parte como substituto de Menudo, e realizou unha destacada actuación, marcando na prórroga o terceiro gol do seu equipo, e dándolle unha asistencia a Quiles, para que este fixera o cuarto (3-4).[3] Tres días despois debutou na Primeira División RFEF contra o Racing de Ferrol na Malata, substituíndo na segunda parte a Villares. Pechou a tempada con 19 encontros co filial e 9 co primeiro equipo.
Para a tempada 2022/23 o Deportivo inscribiuno xa como xogador do primeiro equipo a tódolos efectos.[4] Con todo, apenas contou con minutos mentres o banco do equipo foi ocupado por Borja Jiménez e polo seu sucesor Óscar Cano, que o usaron só como revulsivo.[1] Rubén de la Barrera converteuse no adestrador do Deportivo antes da penúltima xornada de liga e deulle a titularidade de xeito inmediato a Yeremay, que respondeu cun espectacular gol no primeiro partido de liga no que saía dende o once inicial.[5] Disputou tamén como titular a promoción de ascenso a Segunda, e aínda que o xogador conseguiu outro gol, o Deportivo caeu eliminado na semifinais contra o Castellón.[6]
A súa situación mudou drasticamente na tempada 2023/24, coa chegada de Imanol Idiakez ao banco coruñés. O adestrador vasco confiou nel dende o primeiro momento, e aínda que no inicio da campaña pasou dous meses de baixa por mor dunha dura entrada de Sabit Abdulai, centrocampista do Lugo, trala súa recuperación foi unha peza fundamental da boa marcha do equipo. Convertido nunha das dúas grandes promesas da canteira do club xunto ao seu amigo David Mella, foi titular indiscutible ata o final da tempada, contribuíndo con catro goles, catro asistencias e numerosas mostras de calidade, ao ascenso do Deportivo á Segunda División como campión absoluto da Primeira Federación.[1] O 18 de abril de 2024 renovou co Deportivo até o 30 de xuño de 2030.[7]
Selección española
O 10 de outubro de 2024 debutou coa selección española sub-21, ante Casaquistán, nun partido de clasificación para a Eurocopa sub-21. O seleccionador Santi Denia deulle entrada na segunda parte como substituto de Diego López, nun encontro no que España venceu por 4-3.[8]
Palmarés
- Deportivo da Coruña
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
|
---|
2º na Primeira División RFEF |
|
|
---|
4º na Primeira División RFEF |
|
|
---|
Campión da Primeira División RFEF |
|